Feijóo afirmou que este domingo eliximos entre dúas opcións: unha Xunta con capacidade para gobernar nas dificultades ou un multipartito; entre respostas coordinadas ou a desorganización de dez partidos repartíndose o Goberno en parcelas; e entre a responsabilidade na xestión ou a irresponsabilidade ata nas declaracións públicas. “Son tempos que requiren de confianza, xestión e certezas, e só o PPdeG pode facelo”, asegurou.
EXPERIENCIA, ESTABILIDADE E RESPOSTAS
Por este motivo, pediu o voto por unha Xunta que só estea ao que hai que estar, con experiencia acreditada para responder en momentos difíciles e que ofreza estabilidade e respostas ante un futuro con dúbidas en todos os ámbitos. En concreto, referiuse á sanidade, porque o coronavirus segue a ser unha ameaza para todos; e á economía, onde tanto o FMI como o Banco de España ou a Comisión Europea sitúan á España á cola de todas as súas previsións.
“Non deamos nada por feito porque nada está feito, e a abstención é un voto directo ao multipartito”, manifestou o Presidente do PPdeG. Deste xeito, afirmou que non é bo para Galicia un goberno que renuncie aos seus compromisos só para poder ser goberno; que non se entenda entre si; e que teña que improvisar un programa ao día seguinte das eleccións. “O que é bo para Galicia é un goberno unido, cun programa para aplicar desde o primeiro día, que resolva os problemas en lugar de crealos, e que goberne”, dixo.
Na súa intervención, Feijóo insistiu que neste momento “temos que enfrontarnos ás consecuencias económicas, laborais e sociais da pandemia sanitaria, e non hai marxe para improvisar nin tempo que perder”. Así, pediu que non se hipotequen catro anos de recuperación, progreso e benestar en Galicia por un día de relaxación, para o que demandou ir a votar o vindeiro 12 de xullo.
PROPOSTAS DE FUTURO
De cara ao
futuro, Feijóo propuxo continuar mellorando a sanidade pública que mellor
funcionou nesta pandemia, coa construción e renovación de novos hospitais;
superando a educación pública que está obtendo os mellores resultados da súa
historia; e aprobando novas medidas de respaldo aos pais e nais, como bonificacións
fiscais para o segundo e seguintes fillos das familias galegas, do mesmo xeito
que xa gozan hoxe as familias numerosas, que tamén verán duplicadas as súas
bonificacións; ou estender ás escolas infantís municipais a gratuidade para o
segundo fillo e seguintes.