domingo, 19 de julio de 2020

Visitando o Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé


Visito esta calorosa mañá o Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé, para facer un paseo en solitario, pola historia desde do asentamento desde o mundo castrexo ata o século V d.C. seguindo as informacións dos paneis  interpretativos.

O castro está asentado nun esporón rochoso sobre o río Loña que lle serve de defensa natural polo sur e o oeste e completa o dispositivo defensivo cunha muralla, foso e terraplén. 

As intervencións realizadas na croa permiten contemplar un entramado artellado a partir dunha rúa central, que desemboca nun espazo máis amplo a modo de praza, resultado dun proceso de ocupación e reocupación do sector castrexo.

No poboado tardorromano escaváronse dúas unidades habitacionais, que, con lixeiras variantes, reproducen o mesmo esquema funcional, organizadas a partir dun espazo central aberto, a modo de patio con reminiscencias no adro da casa romana.

Lembrar que no pasado ano no conxunto arqueolóxico de Santomé, foron realizados pola Xunta traballos da escavación arqueolóxica, consolidación e musealización.

Recomendo a visita a este Castro, a tan só 3 qm. da capital, ben comunicado en automóbil ou a pé seguindo un roteiro de sendeirismo.

É preciso destacar tamén a posibilidade de poder engadir o valor histórico-arqueolóxico ao do patrimonio natural, cunha vexetación característica da “hoya ourensá” presidida polo carballo, a sobreira e a aciñeira, adaptada ás influencias mediterráneas da zona.

http://www.musarqourense.xunta.es/es/xacementos/santome/