lunes, 24 de agosto de 2020

A evolución do turismo en Galicia en xullo foi 22 puntos superior á media española con preto de 600.000 pernoitas


Difunde hoxe o Instituto Nacional de Estatística (INE) varias estatísticas de conxuntura hostaleira correspondentes ao mes de xullo de 2020. 

Así coñecemos que a evolución do turismo en Galicia foi nese mes 22 puntos superior á media española.

En concreto, o descenso da demanda hoteleira na Comunidade foi do 51% fronte ao 73,4 % do conxunto do Estado.

Os establecementos hoteleiros galegos recibiron no sétimo mes do ano un total de 257.870 turistas, o que sitúa a Galicia como a quinta comunidade con maior volume. Deles 233.067 foron residentes en España e 24.803 residentes no extranxeiro,

Estes viaxeiros realizaron 598.513 pernoitas, cunha estancia media de 2,01 pernoitas por viaxeiro.

A nivel de mercado, o turismo de proximidade continúa a ter máis relevancia no turismo en Galicia, xa que o viaxeiro nacional gaña presencia fronte ao internacional, máis afectado polas restricións de mobilidade. En concreto, o peso do turismo interno medra oito puntos e o turismo nacional sube tres. O internacional perde 11 puntos.

No mes de xullo foi especialmente importante a reactivación da oferta hoteleira debido ao notable aumento no número de negocios que permaneceron abertos, un total de 1.438, é dicir, 808 máis que no mes de xuño. Hai un ano, o número de establecementos abertos era de 1.749, polo que Galicia ofertou o 85% das prazas dispoñibles.

A nivel territorial, no que atinxe á comparativa por provincias, a caída da demanda foi do 43% en Ourense, do 47% en Pontevedra, 53% na Coruña e do 63% en Lugo.

Estabilidade dos prezos

Asemade, o INE permite este mes analizar algúns parámetros económicos que indican que as tarifas hoteleiras descenderon levemente neste mes, un 0,7% en particular, o que denota certa estabilidade, con prezos medios que se manteñen, a grandes trazos, semellantes aos de xullo de 2019 malia a situación sanitaria derivada da covid-19.

A propósito destes datos, o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, subliñou o “enorme esforzo” que o sector turístico galego está a facer este verán para recuperar a actividade. Malia que, como sinalou, “a todos nos gustaría que os datos fosen outros”, destacou o traballo os profesionais desta industria para lograr situar á Comunidade 22 puntos por encima da media española, no momento de maior dificultade que se recorda, tras varios anos cun sobresaínte crecemento cualitativo.

España:

Durante o mes de xullo, 4,3 millóns de viaxeiros aloxáronse nalgún establecemento hostaleiro, cun total de 11,5 millóns de pernoitas. Estas cifras supoñen un 35,7% e 26,6%, respectivamente dos totais estimados hai un ano. Os hoteis de catro estrelas foron os máis visitados, seguidos dos de tres.

A pesar da progresiva apertura das fronteiras exteriores, os viaxeiros residentes en España sostiveron en maior medida a actividade hostaleira do mes de xullo (3,2 millóns de viaxeiros fronte a 1,1 millóns de non residentes), o que se reflicte tamén no volume de pernoitas, que alcanzan os 7,4 millóns no caso dos residentes, fronte aos 4,1 millóns dos non residentes.

A estancia media dos viaxeiros nos hoteis redúcese un 25,5% respecto a hai un ano, situándose en 2,7 pernoitas por viaxeiro.

Os prezos dos hoteis redúcense un 8,2% con respecto a xullo de 2019.

Andalucía foi a comunidade autónoma que máis establecementos tivo abertos en xullo e a que máis viaxeiros aloxou nos seus hoteis, case 900 mil (2,5 millóns de pernoitas). Séguenlle Cataluña e Comunidade Valenciana.

Nos sete primeiros meses de 2020 producíronse 55,6 millóns de pernoitas en hoteis españois, un 71,1% menos que no mesmo período de 2019. 


https://www.ine.es/dyngs/INEbase/es/operacion.htm?c=Estadistica_C&cid=1254736177015&menu=ultiDatos&idp=1254735576863