Difundía onte o INE os Índices de Cifras de Negocios na Industria (ICN) correspondentes ao mes de Xuño de 2020.
Nunha nota de prensa dan conta de que durante o mes de xuño os distintos territorios seguiron progresando nas diferentes fases da desescalada ata alcanzar a nova normalidade o día 21 de xuño onde, de acordo ao Real Decreto 555/2020, finaliza o estado de alarma.
A industria foi recuperando ritmo durante este mes, cun crecemento da súa cifra de negocios do 17,7% respecto ao mes de maio.
• O maior dinamismo respecto ao mes anterior obsérvase na Fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques (66,8%) e a Fabricación de mobles (46,1%).
• En termos globais, a cifra de negocios da industria aínda non alcanza os niveis de hai un ano, cun descenso dun 16,5%.
• O descenso da produción e a baixada de prezos nas Coquerías e o refino de petróleo provocou que esta actividade rexistre a maior baixada respecto a xuño de 2019 (−44,4%) seguida da Industria do coiro e do calzado (−31,9%).
• Pola súa banda, a Industria do tabaco (9,0%), a Fabricación de produtos farmacéuticos (3,5%) e a Fabricación de produtos informáticos, electrónicos e ópticos (2,0%) incrementan a súa facturación respecto a xuño do ano pasado.
• Respecto ao primeiro semestre de 2019, a cifra de negocios da industria rexistra unha baixada do 17,1%. Enerxía (−38,9%), Bens de consumo duradeiro (−23,3%) e Bens de equipo (−23,0%) son que presentan os maiores descensos; mentres os Bens de consumo non duradeiro (−5,5%) son os que mellor resistiron esta crise.
Resultados por comunidades autónomas. Evolución mensual da cifra de negocios na Industria
A variación mensual do Índice Xeral de Cifra de Negocios da Industria entre os meses de xuño e maio, eliminando os efectos estacionais e de calendario, é do 17,7%. Esta taxa é seis décimas inferior á do mes anterior.
En Galicia a cifra de negocios da industria subiu un 49,7% en relación co mes de maio. De media no que vai de ano, acumula un descenso do 15,3%.
O Índice Xeral de Cifra de Negocios na Industria corrixido de efectos estacionais e de calendario presenta en xuño unha variación do −16,5% respecto ao mesmo mes do ano anterior. Esta taxa é 13 puntos superior á de maio. A serie orixinal do ICN experimenta unha variación anual do −11,4%. Esta taxa é case 22 puntos superior á de maio
Taxas de variación anual da cifra de negocios na Industria. Serie orixinal
A cifra de negocios diminúe respecto a xuño de 2019 en todas as comunidades autónomas. Os maiores descensos prodúcense en Illes Balears (−33,2%), Principado de Asturias (−21,0%) e Andalucía (−19,0%).
Mentres que os menores descensos prodúcense en Galicia (−0,1%), Estremadura (−1,4%) e Castela-A Mancha (−4,4%).