O PIB de Galicia descendeu no segundo trimestre do ano un 14,5% en taxa trimestral por mor do efecto negativo da covid-19 sobre a maioría dos compoñentes da oferta e da demanda, segundo reflicten as Contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Este descenso é catro puntos inferior ao rexistrado polo conxunto de España (-18,5%), tal e como xa avanzou o Instituto Nacional de Estadística (INE).
O PIB galego volve rexistrar así unha mellor evolución que a media española, posto que no primeiro trimestre (afectado xa pola covid-19) a economía española baixara en taxa trimestral un 5,2%, unha caída tres décimas maior que a rexistrada polo PIB galego (4,9%).
En canto á taxa interanual –é dicir, a evolución da economía en comparación co segundo trimestre do ano 2019-, o IGE estima que o PIB galego rexistrou un descenso do 17,9%. Esta baixada é tamén inferior á rexistrada pola economía española no mesmo período, que segundo a estimación realizada polo INE foi do 22,1%, de xeito que o PIB español no 2º trimestre descendeu 4,2 puntos máis que o galego.
Desde o punto de vista da demanda, no segundo trimestre do ano o gasto en consumo final diminuíu un 18,9% en comparación co mesmo trimestre de 2019, e a formación bruta de capital baixou un 24,7%. En canto á demanda externa, as exportacións de bens e servizos diminuíron un 19,9% e as importacións de bens e servizos caeron tamén un 23,4%.
Sectores
No que respecta á oferta, todos os sectores rexistraron taxas de variación negativas. O sector primario foi o menos afectado, cun descenso do 2%; pola contra, o sector servizos baixou un 16,5%, cun maior impacto nas actividades máis afectadas polo cese da actividade desde a segunda quincena de marzo, especialmente o comercio, transporte e hostalería (-38,3%). Mentres, a industria descendeu un 19,7% e o sector da construción un 23,2%.
As Contas económicas trimestrais do IGE mostran que o emprego -medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- diminuíu un 22,5% no 2º trimestre.
As ramas de actividade nas que máis baixou foron as relacionadas co comercio, transporte e hostalería (-36,9%) e actividades artísticas, recreativas e outros servizos (-30,7%).