O Grupo Parlamentario Popular presentou a principios do pasado mes de xuño unha serie de preguntas ao Goberno central sobre as deficiencias rexistradas nos diferentes trens que realizan o servizo ferroviario a Madrid, Barcelona e Bilbao desde as cidades galegas. Así mesmo, preguntou tamén pola volta do tren hotel que prestaba servizo antes da pandemia do COVID-19 unindo as cidades de Madrid e Barcelona con Vigo, e pola desaparición do histórico Intercity 252 de Galicia a Bilbao.
Na redacción das preguntas, as deputadas coruñesas Marta González, Tristana Ensinanza e Valentina Martínez, así como o portavoz adxunto do GPP Mario Garcés e o portavoz de Transportes, Andrés Lorite, poñían énfases na utilización por parte de RENFE de material de segunda man e en malas condicións para proporcionar o servizo a Galicia, manifestaban a súa preocupación pola incorporación de transbordos nalgúns traxectos como o de Bilbao a Ourense e poñían de relevo a desigualdade existente entre Galicia e outras Comunidades Autónomas como Asturias ou Cantabria, que si dispoñen de conexión directa co sur de España e o Mediterráneo, mentres que Galicia non a ten.
O Goberno central, que tardou dous meses en responder, contesta exclusivamente que debido ás restricións de mobilidade polo COVID-19 suspendeuse o 80% das comunicacións ferroviarias de media e longa distancia, e que unha vez finalizado o estado de alarma, comezouse cunha progresiva recuperación dos servizos en función da demanda.
En canto ao tren hotel, o Goberno considera que “nun escenario de prestación de servizos que esixe condicións de máxima seguridade sanitaria, ten unha complexidade específica, polo que para este produto haberá que analizar, ademais da demanda xa citada, as condicións específicas que presenta o feito de que leva uns servizos asociados, en tanto que hotel, que requiren unhas condicións de explotación específicas”.
En resumidas contas, o Goberno nin se plantexa a súa volta ao funcionamento, e tampouco responde por que a recuperación de parte das liñas en servizo antes do COVID-19 faise agora con transbordos que supoñen serias molestias aos viaxeiros, cunha especial desatención aos pasaxeiros entre Galicia e o País Vasco.
Facendonos eco das queixas dos viaxeiros, descontentos polo trato recibido por RENFE e polos últimos cambios que afectan tan negativamente aos viaxeiros galegos, o Grupo Parlamentario Popular presentará unha iniciativa nos próximos días para instar o Goberno de Pedro Sánchez a que como mínimo retome os trens e as frecuencias anteriores á pandemia e mellore a calidade do material utilizado nas conexións entre Galicia e o resto da península.