O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda en visita aos xulgados de Ourense, destacou o compromiso do Goberno galego pola renovación das sedes xudiciais da comunidade para mellorar as condicións de traballo dos seus empregados e a calidade de atención aos cidadáns que recorren a estes servizo.
En Ourense se están a levar a cabo actuacións de mellora
de eficiencia enerxética do edificio nas que a Xunta investiu máis de 380.000
euros.
Rueda comprobou os traballos xa rematados da apertura de 87 ventás para acadar unha ventilación natural de todas as oficinas xudiciais do inmoble.
Ademais, para o próximo mes está prevista a finalización da obra coa substitución do alumeado por novos equipos de tecnoloxía LED máis eficientes e que inclúen sistema de control por luminosidade e presenza.
Todas estas actuacións eran moi necesarias e foron demandadas desde o mesmo momento da inauguración do inmoble polos colectivos funcionariais, xudiciais e profesionais.
O vicepresidente da Xunta en funcións incidiu na necesidade da posta en marcha de novas tecnoloxías que contribúan a obter aforros económicos e de enerxía, que neste caso superan o 20%. En concreto reduciranse en 147.000 quilovatios o consumo anual e as emisións de CO2 en 52 toneladas e acadarase un aforro de arredor de 15.000 euros no custe da electricidade. Destacou ademais que con estas melloras “queda completado o acondicionamento deste edificio xudicial que permitiu gañar espazo e evitar a dispersión dos órganos xudiciais da cidade”.
O Goberno galego ten en marcha un Plan de Infraestruturas
Xudiciais que inclúe grandes obras, e tamén actuacións específicas de mellora
da eficiencia enerxética ou obras menores. O desenvolvemento deste Plan,
segundo explicou Alfonso Rueda, “permite incrementar a superficie das unidades
xudiciais resolvendo os problemas de espazo para os próximos anos”, como
ocorreu con este edificio xudicial de Ourense.