domingo, 9 de agosto de 2020

Vendo o estado das obras de construción da nova estación de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da intermodal ferroviaria de Ourense



Onte pola tarde tiven oportunidade de comprobar o estado das obras de construción da nova estación de autobuses e do aparcadoiro subterráneo da intermodal ferroviaria de Ourense. Fixen estas fotos.

Unhas obras reiniciadas a mediados de abril tras a interrupción na súa execución derivada da crise do COVID-19. 

Segue avanzando a construción do edificio e das dársenas da nova terminal de autobuses do barrio da Ponte que acollerá arredor de 79.000 expedicións ao ano, o que significa un incremento de máis do 21%, e preto de 400.000 viaxeiros, un 12% máis.

Tamén constato notables avances na escavación e cimentación das obras do aparcadoiro subterráneo.

Lembro que en marzo de 2019 o Consello de Administración de  Adif Alta Velocidade aprobou a adxudicación á empresa Acciona, por importe de 5.491.603,69 euros (IVE incluído), a construción dun novo aparcadoiro na estación intermodal de Ourense.

A súa construción responde ao Convenio Marco de Colaboración subscrito o 22 de xuño de 2016 - na etapa de goberno do Partido Popular- entre o Ministerio de Fomento,  Adif-AV, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense, para o desenvolvemento da futura estación intermodal na cidade e a súa contorna urbana.

Situado baixo a área de aparcadoiro da actual praza da estación, terá unha superficie total de 8.645 metros cadrados distribuídos en dous andares en que se repartirán as 302 prazas e xunto á nova estación de autobuses, garantindo o efectivo intercambio modal para os usuarios.

O soto 1 albergará 145 prazas e o soto 2 inclúe 157. Do total de prazas reservaranse cinco en cada soto para persoas con mobilidade reducida.

Este aparcadoiro subterráneo dará servizo ao complexo intermodal pero tamén ao barrio da Ponte, onde abundan os edificios sen garaxe e falta un espazo de estacionamento de estas características e capacidade.

Continuarei facendo un seguimento da execución destas obras.