En Galicia a Xunta anunciou que realizará test serolóxicos de dobre banda a todo o persoal dos centros educativos sostidos con fondos públicos antes do inicio de curso.
Así o acordaron as consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional e a de Sanidade que tamén traballan no Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros educativos non universitarios para o curso 2020/2021, que estrutúrase en catro tipos de medidas: de prevención básicas, que afectan ás condicións laborais, de carácter organizativo e de carácter formativo e pedagóxico. Nelas establécense como principais accións para a contención da pandemia nos centros de ensino o establecemento de Grupos de Convivencia Estable, manter a distancia interpersoal, o uso de máscaras e a hixiene.
O documento diríxese ao alumnado, ao persoal docente e non docente e ás familias, dado que manter a seguridade nos centros depende de toda a comunidade educativa. Trátase dun protocolo avalado polas autoridades sanitarias autonómicas e que será obxecto de revisión continua en función da evolución do risco sanitario e das decisións que adopten as autoridades sanitarias autonómicas e estatais.
Principios sanitarios básicos e distancia interpersoal
No que atinxe aos principios sanitarios básicos, incluídos nas Medidas de prevención básicas, cada centro deberá contar cun equipo formado na Covid-19 cunha persoa coordinadora de referencia, e terá un centro de saúde de atención primaria de referencia para contacto en caso de dúbidas.
Todo o persoal (docente e non docente) e o alumnado deberá realizar cada día unha auto diagnose (para a que se achega un modelo no propio documento), e contactar co centro de saúde se se presentan síntomas. Ademais, cada centro contará cun espazo de uso individual para illar ao alumnado que presente síntomas, mentres se xestiona o seu traslado.
A distancia interpersoal recomendada pola Organización Mundial da Saúde para os centros educativos é de 1 metro, para que o alumnado estea sen máscara, sempre e cando permaneza sentado na aula en pupitres e coa mesma orientación. No caso de que estas distancias non se puidesen cumprir polo tamaño da aulas, retirarase o mobiliario que non sexa indispensable ou empregaranse aulas de maior dimensión e, como última medida, será necesario o uso da máscara en todo o horario lectivo.
Todos os membros da comunidade educativa terán que usar a máscara fóra das aulas, onde a distancia que se deberá manter será de 1,5 metros. Isto é, será obrigatorio o uso da máscara para circular polos corredores (agás alumnado de Infantil), nas entradas e saídas ao centro, nos recreos, nas entradas e saída do comedor escolar e na biblioteca e, cando non se poidan manter os 1,5 metros, na clase de educación física.
No caso de Educación Infantil e Primaria poderase optar pola alternativa de establecer grupos estables de aula, ata un máximo de 25 alumnos, que xunto á persoa titora poderán conformar Grupos de Convivencia Estable. Nestes grupos poderase socializar e xogar sen ter que manter a distancia interpersoal de forma estrita, aínda que deberán evitar a interacción con outros grupos do centro educativo.
Polo demais, as medidas serán as habituais para a contención da pandemia, como a hixiene de mans, especialmente á entrada e saída do centro; instalación de portapanos desbotables; ou a desinfección dos postos de traballo, entre outras. De feito o propio documento inclúe tamén medidas xerais de limpeza, como a de limpar polo menos 3 veces os aseos na xornada. Cada centro deberá ter, en calquera caso, un protocolo de limpeza e desinfección que responda ás súas características particulares.
En canto á subministración de material de protección, a Consellería realizará un aprovisionamento inicial de elementos de sinalización e máscaras de protección destinadas ao persoal docente e non docente. O resto do material (xel hidro alcohólico, panos desbotables, materiais de limpeza e desinfección, papeleiras de pedal e máscaras, cando sexan insuficientes) comprarano os centros con cargo aos gastos de funcionamento.
Onte a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de autorizar a creación ou habilitación de 158 novas unidades (grupos de clase) en centros públicos de educación Infantil, Primaria e Educación Especial, o que levará consigo a incorporación de 240 novos mestres o vindeiro curso escolar. Con esta medida, o Goberno galego reforza os medios destinados ao sistema educativo co obxectivo de garantir a calidade do ensino así como cumprir coas medidas establecidas no Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 para o inicio da actividade lectiva nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/21.