martes, 4 de agosto de 2020

Coñecendo a nova sede do Arquivo Histórico Provincial de Ourense: un piar cultural esencial

Visitei hoxe a nova sede do Arquivo Histórico Provincial de Ourense situada no antigo Convento-Cuartel de San Francisco.

O director deste Arquivo- creado en 1943- Pablo Sánchez Ferro, explicoume amablemente as características deste inmoble de gran valor patrimonial e cuxas orixes se remontan á primeira metade do século XIV.

Puiden contemplar a transformación arquitectónica á que se someteu o inmoble, así como as características funcionais e espazos asociados ao arquivo, como son as salas de investigación, o gabinete pedagóxico, o taller de restauración, as zonas administrativas, as salas expositivas, o salón de actos e os depósitos, entre outros. Fixen estas fotos.

Lembrar que o AHPOu – un centro de titularidade estatal e xestionado pola Xunta - reúne máis de 200 fondos, dos que arredor de 150 son de orixe privada. O documento máis antigo data do século XI, polo que pode afirmarse que mil anos de historia está contida en aproximadamente tres millóns de documentos, que ocupan máis de 5.500 metros linéais de andéis.

O traslado dos fondos está a realizarse nestes días de xeito ordenado, e baixo a dirección e supervisión do persoal técnico do arquivo e atendendo, en especial, ás condicións de manipulación daqueles fondos singulares pola súa antigüidade, formato ou estado de conservación. 

Faise desde o emprazamento actual do arquivo, no Pazo Episcopal, ata a nova sede de San Francisco. Os traballos implicarán mover unhas 54.000 caixas de documentación, libros, pergamiños, cartafoles e outros fondos bibliográficos, ademais de mobiliario e enseres, e está previsto que rematen no mes de setembro. 

Entre os documentos con estas características inclúense fragmentos de códices, impresos incunables, máis de 1.700 libros procedentes de institucións relixiosas, do Catastro de Ensenada ou do fondo antigo bibiliográfico, así como outros documentos anteriores a 1960, edicións facsímiles ou obras en formato especial como fotografías, planos mapas ou diapositivas, entre outros.

O traslado dos fondos permitirá conformar un novo espazo cultural de referencia na cidade de Ourense, ao sumar unha nova dotación cultural a esta zona na que tamén se ubica a Biblioteca Pública do Estado, xestionada polo Goberno galego.


 Pola súa banda, o espazo da vella sede do arquivo, no antigo Pazo Episcopal, quedará dispoñible para a ampliación do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, cuxa sede actual se atopa noutra zona deste mesmo inmoble.

Levo unha magnífica impresión da arquitectura, funcionalidade, e equipamento destas novas instalacións que abren un horizonte cultural moi importante para Ourense e Galicia.

 As miñas felicitacións aos arquitectos José Luis Martínez Raído e Xosé Manuel Casabella, á constructora ourensá COPASA e por suposto ao excelente director Pablo Sánchez Ferro que nunha recente entrevista calificaba ao Arquivo como un "Piar Cultural Esencial e que coa nova sede será unha referencia". Estou totalmente dacordo.

Lembrar que é neto do fundador do Arquivo, Don Xesús Ferro Couselo, unha persoa honesta e xenerosa e un intelectual rigoroso con gran capacidade de traballo e ademáis Fillo Adoptivo da cidade de Ourense.

Para este deputado é unha enorme satisfacción ver como este proxecto que levo seguindo e impulsando parlamentariamente desde o ano 2000 e que sufriu toda clase de vicisitudes e problemas, poida ser inaugurado en datas moi próximas.