Escoitei a intervención do candidato á
Presidencia da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Este foi o discurso íntegro:
"Señor Presidente do Parlamento;
Señoras e señores
deputados do Partido Popular, do BNG e do Partido Socialista:
Convidados na Cámara,
Galegas e galegos:
Esta sesión de
investidura culmina un proceso que comezou o pasado 10 de febreiro, data do
decreto que disolveu este Parlamento e, con el, a X Lexislatura da nosa
Autonomía.
A Galicia que temos
ante nós case sete meses despois, tras vérmonos obrigados a aprazar os comicios
do 5 de abril pola COVID-19; a Galicia que hoxe representamos pola vontade
cidadá expresada finalmente nas eleccións do 12 de xullo, é moi diferente respecto
daquel momento.
Calquera ilusión que
tiveramos entón vese agora condicionada polas innumerables incertezas que xera
a pandemia.
Calquera dato
positivo minguou polos seus efectos.
Calquera reto está
sometido á súa evolución.
E calquera paso
adiante que deamos estará marcado pola profunda fenda emocional que provoca o
moito que sufrimos e seguimos sufrindo.
Especialmente nas 644
familias ás que o coronavirus lles arrebatou un ser querido antes de tempo, e tamén
en todos os que non puideron despedirse dos seus coa proximidade e apertas que precisamos
cando nos morre alguén.
Estamos obrigados a respectar tanto sufrimento coas nosas formas e cos nosos feitos.
Desde logo a miña obriga é telo sempre presente.
Neste momento hai en
Galicia:
Máis de 3.600 persoas
afectadas polo virus. A inmensa maioría, o 95,7% do total de contaxiados, está superando
a enfermidade nos seus domicilios. Pero hai 17 persoas que loitan nas unidades
de coidados intensivos e 143 que están en plantas de hospitais.
Desde que o 8 de
marzo a primeira persoa foi dada de alta, 12.771 venceron o virus, pero algunhas
delas teñen secuelas físicas ou psicolóxicas.
E lamentablemente todo
indica que seguirá habendo novos contaxios como dixemos fai meses.
Todas esas persoas, ao igual que as que xa padecen ou padecerán
as consecuencias sociais e económicas de todo isto, tamén nos reclaman unha
resposta excepcional para un momento inédito. E temos que darlla. Eu, por
suposto, a darei.
Esta é a cuarta vez
que solicito o apoio deste Parlamento para presidir Galicia.
Sempre acudín
orgulloso do meu pobo, e hoxe aínda máis pola determinación coa que está
afrontando un momento tan difícil.
Sempre acudín consciente
da responsabilidade que supón, e hoxe aínda máis porque ningunha outra
lexislatura (nin sequera a primeira en plena recesión económica) presentaba
tantísimas necesidades e retos como os que hai agora.
Sempre acudín con
ilusión, e hoxe aínda máis porque, malia todos os obstáculos, estou convencido
de que podemos superarnos como xa fixemos outras veces.
E sempre acudín coa
vocación de manter Galicia unida, e hoxe aínda máis porque non é momento de
egoísmos senón de traballar xuntos polo ben común.
Señorías, o Executivo
autonómico que terá Galicia se teño a confianza desta Cámara estará preparado
para seguir gobernando desde o primeiro día, e para o conxunto dos cidadáns.
Igual que os que me
votaron, aqueles que apoiaron outros partidos (conseguiran representación ou
non) poden ter a plena certeza de que o futuro Goberno tamén será seu.
Será o Goberno de
todos. Sen excepcións.
Non concibo outro
xeito de gobernar.
A unidade que se
precisa nestes momentos require tamén desta Cámara, que despois duns meses insólitos
volve funcionar de xeito ordinario por tres motivos que quero recoñecer
expresamente.
Xunto co País Vasco fomos o primeiro territorio en
organizar unhas eleccións durante unha pandemia. E como pobo creo que podemos
sentirnos satisfeitos pola data elixida, pola execución e pola resposta cidadá.
Os expertos sinalaban
o mes de xullo como o momento máis seguro para celebralas.
Non vou entrar en consideracións sobre o que os diferentes partidos afirmaron a ese respecto. Non o fixen nin o farei porque entendo que o que conta é a opinión dos especialistas. Tiñan unha gran responsabilidade, pero avaliaron, aconselláronnos e á vista está que estaban no certo.
Cómpre tamén agradecer
a organización dos comicios ás persoas que velaron pola seguridade de todos. Para
a historia quedará que fixeron un excelente traballo.
E sobre todo, os
galegos demostraron, por riba de calquera lóxico temor, unha adhesión
inquebrantable aos valores democráticos. Para os bos e tamén para os malos
momentos.
Señorías, nunca me cansarei de agradecer a nova maioría absoluta colleitada polo Partido Popular de Galicia.
Sobre ela fixéronse
moitas análises, como tamén se fixeron: sobre o notable ascenso do BNG, polo
que novament felicito aos seus integrantes. Sobre os resultados dos partidos
que conforman a coalición no Goberno central. Ou tamén sobre a desaparición
neste hemiciclo de forzas presentes na pasada lexislatura e noutras partes de
España.
Porén, vexo un erro
que nos quedemos só en lecturas partidistas. Porque o que se decide en calquera
comicio non é a situación na que queda cada formación, senón o que o pobo dita
para o seu propio futuro. E debemos saber interpretalo para serlle completamente
útil neste tempo tan complexo.
Na miña opinión, máis aló de siglas e candidatos, estabilidade
e moderación son os principais vencedores das eleccións que conformaron este
Parlamento.
A vitoria da
estabilidade nace da convicción maioritaria de que é a mellor fórmula sempre, pero
aínda máis para afrontar as moitas incertezas que temos hoxe.
A estabilidade que dá
un Goberno que non é un principiante. Porque calquera experiencia é pouca para
afrontar unha situación como esta.
E a estabilidade que
dá un Goberno sólido e non dividido, con capacidade por tanto para tomar as
decisións que sexan necesarias. Sen pulsos internos. Sen máis sometemento que
ao interese xeral.
A segunda –dicía- foi
a vitoria da modernización, que nada ten que ver con debilidade, indecisión ou
ambigüidade. Todo o contrario. A moderación que o pobo galego preconiza é
sinónimo de determinación, respecto e humildade. E iso é positivo para a xestión
e para a convivencia.
Na xestión, as
políticas moderadas son as que permiten cambios tranquilos e efectivos, constantes
e seguros. Como os que aplicamos na crise de 2008.
Na convivencia, a
moderación une. Porque a moderación facilita puntos de encontro que non son
factibles con teses doutrinarias.
Creo que non me
equivoco se digo que, para elixir Goberno e tamén para conformar oposición, os
cidadáns premiaron máis moderación. En consecuencia, sería fraudulento
responderlles agora endurecendo desde cada partido as nosas respectivas posicións.
Eu non o vou facer, e espero que
vostedes tampouco.
Non entendan isto
como unha petición meramente retórica. O momento que vivimos require realmente
da implicación de todos.
Debemos seguir
traballando en común.
Por iso, quero que a miña primeira proposta concreta no
día de hoxe sexa constituír neste
Parlamento unha Comisión que nos permita definir xuntos o Pacto de Reactivación
que precisa e merece a nosa terra.
Señorías, a pandemia
pon todo a proba. Tamén á política, que nos últimos anos non sempre estivo á
altura das circunstancias.
Moitos cidadáns
preguntaranse se nin sequera unha situación como a que vivimos vai facer
mellores aos seus representantes. O noso deber é demostrarlles que si, que en
Galicia si.
Iso obríganos en
primeiro lugar a dicirlle a verdade en todo momento.
Dirixímonos a cidadáns
que demostraron a súa madurez, tentando coidar todos a todos.
Nos últimos meses, fixeron
moitos sacrificios. Soportaron con gran civismo restricións de dereitos e
liberdades. Adaptáronse a novas obrigas e prohibicións.
Tiveron un
comportamento excepcional e mala resposta lles daremos nós se agora subestimamos
a situación ou se enganamos respecto aos instrumentos que temos –e os que non
temos- para facerlle fronte.
Señorías, na última
sesión de control da pasada lexislatura –o 5 de febreiro- dixen que Galicia tivera
nos últimos anos unha boa evolución. Reflectín, por exemplo, que rexistraba o
Produto Interior Bruto máis alto da súa historia.
Pois ben, esa Galicia
que levaba cinco anos consecutivos crecendo, que alcanzara niveis de emprego
previos á crise de 2008, que consolidaba a súa recuperación e preparaba ilusionada
o mellor Xacobeo da súa historia, sofre agora os golpes destes últimos meses.
A realidade hoxe é
que a sociedade, a economía e o benestar se están vendo fortemente afectados.
Por iso, eu non estou
aquí –espero que vostedes tampouco- para prometer catro anos sinxelos. Non o fixen
na campaña electoral e tampouco vou facelo hoxe porque os galegos non me
elixiron para que lles minta.
O que vivimos non é
unha crise máis.
Se a crise de 2008
foi dura, o que está por vir é durísimo.
E aínda que existen predicións
dabondo abrumadoras, o certo é que as súas dimensións son aínda descoñecidas.
Lamentablemente é así,
e así llo temos que dicir aos cidadáns.
Debemos falar con
transparencia porque é o noso deber, pero tamén para concienciar da responsabilidade
colectiva. Especialmente tendo en conta a evolución dos contaxios nas últimas
semanas.
Temos que asumir que
o mes de agosto foi demoledor.
Neste momento, en
España volven diagnosticarse de media uns 6.700 casos diarios. En Galicia por
riba dos 260 casos diarios.
En maior ou menor
medida, toda a Nación rexistra un claro repunte, que se agardaba en todo o
mundo pero que chega algo antes das previsións que o Goberno nos transmitira; e
novamente con máis forza en España que noutros países da nosa contorna.
Neste contexto hai
respostas que corresponde organizar ás distintas administracións; pero temos
que ser conscientes de que ningún goberno debe combater o virus sen a
colaboración cidadá.
Sendo escrupulosos, cada persoa contribúe a conter a progresión dos contaxios.
Se alguén se relaxa, descoida
a hixiene de mans, o uso da máscara ou o distanciamento social, hai
consecuencias que pagamos todos.
E por suposto, temos
que ser implacables cos comportamentos irresponsables, dos que en Galicia sufrimos
algún exemplo especialmente lamentable.
A prevención é o máis
valioso que temos para protexernos namentres no mundo non apareza unha vacina
ou tratamento efectivos.
O único que nos queda despois da prevención son as
restricións, con todo o que iso supón. E por iso, temos que seguir insistindo: se
nos relaxamos e nos confiamos, retrocedemos e confinámonos.
O 80 % dos casos
detectados en agosto están por debaixo dos 60 anos. Máis da metade, por debaixo
dos 40. Unha cuarta parte, 25 ou menos. Na maioría coinciden festas, encontros
familiares ou viaxes recentes.
Preocúpanos por eles,
pero sobre todo porque en moitos casos son asintomáticos que continúan a liña
de contaxios ata volver alcanzar persoas máis vulnerables, como xa está
ocorrendo lamentablemente.
A media de idade dos falecidos
en Galicia con COVID-19 desde que comezou este novo incremento de casos é de 83,6
anos.
Por iso, entre todos
debemos tentar evitar que esa tendencia continúe. Coidar das persoas con máis
idade, como farían eles.
¿Acaso hai algunha
dúbida de que os nosos maiores porían todo da súa parte, todo o que fixera
falla, todo o que estivera nas súas mans, todo iso e máis, e todo o tempo que
fose necesario para protexernos?
Polo que máis
queiramos, coidémonos todos e coidemos especialmente aos nosos maiores.
Polo que máis queiramos,
extrememos as precaucións e cumpramos as normas.
Polo que máis
queiramos, sigámonos esforzando.
Galicia ten que
seguir sendo un exemplo para Galicia, por esgotador que resulte.
E, para toda España,
Galicia ten que seguir sendo un exemplo de sentidiño.
Con medidas para
protexer a saúde pública.
E con medidas para
protexer a economía e o benestar colectivo.
Eses dous obxectivos
marcarán as prioridades inmediatas do meu goberno se obteño a confianza desta
Cámara, sen descoidar os retos que xa tiñamos antes da pandemia.
Señorías, nunha
sesión de investidura como esta, o habitual é presentar unha folla de ruta a
medio e longo prazo. Eu tamén o farei porque a Galicia da nova década tiña
trazada unha estratexia previa ao COVID, á que desde logo non renunciaremos.
Síntome convocado por
cada medida que sinalamos no programa electoral para lograr unha Galicia máis
familiar, máis nova, máis innovadora, máis verde e máis aberta.
E iso si, son
plenamente consciente de que o que primeiro nos empraza son as urxencias
xeradas pola pandemia.
Por iso, é a miña
obriga sinalar con claridade que o momento máis importante da lexislatura é
este. Centrará a primeira e maior parte da miña intervención porque probablemente
ningún outro reto (por grande que sexa) estará ao nivel do que nos xogamos nas
próximas semanas e meses (oxalá que non anos).
O resultado depende
de nós, pero tamén do que a España da que formamos parte consiga no seu
conxunto. O meu compromiso é seguir traballando co Goberno central, como ata
agora. Apoiando o que se fai ben e sinalando aquilo no que todos podemos
mellorar. Porque iso tamén é lealdade.
Avisar sobre os
erros, como o retraso na alerta a nivel nacional ou os constantes cambios de
criterio nos datos.
Denunciar a inacción
do Goberno central en ámbitos clave, como o das residencias.
Lamentar a falta dun
liderado único na adquisición do material ou no relacionado co curso escolar.
Sorprendernos polo
feito de que se ignoren peticións tan básicas, como a que fixemos para reducir
o IVE das máscaras. Ou rexeitar a estratexia xurídica que se está a desenvolver
é compatible con recoñecer o esforzo da maioría dos membros do Executivo estatal,
e con desexarlles que acerten.
Señorías, non vexo
nin ao señor Sánchez, nin ao señor Iglesias líderes dun partido ou doutro. Nesta
situación só vexo ao Goberno da nosa Nación.
Tanto eles como os
dirixentes autonómicos saben que o pobo galego estivo, está e seguirá a disposición
do interese común.
Únenos o obxectivo de
saír desta coa maior fortaleza posible, e nada, absolutamente nada, hai máis
importante ca iso.
Nada hai máis importante que seguir esforzándonos para
manter como Comunidade datos que –en medio de tanta dor- nos dan alento no
ámbito sanitario.
Como ser unha das
comunidades con menor incidencia do virus (a quinta neste momento).
Cunha das taxas de
letalidade máis baixas de España (5º posto).
Coa menor taxa de
hospitalización COVID (xunto con Asturias e Estremadura).
Con menos pacientes
graves en relación á poboación (2º posto).
Ou con menor mortalidade
en residencias que no conxunto de España (sete veces menos falecementos do que
nos correspondería por poboación).
E igualmente, nada hai máis importante que evitar entre
todos un segundo confinamento xeneralizado.
Precisamos que a
economía funcione para seguir contando cos recursos que financian os servizos
públicos.
E precisamos que non
se desmorone o tecido produtivo no seu conxunto para que aquilo que funcione permita
auxiliar aos sectores que se están vendo irremediablemente afectados.
Coa máxima prudencia sanitaria, todos temos que
protexernos a todos.
Coa máxima determinación e enerxía da que sexamos capaces,
todos temos que traballar para todos.
Señorías, nunha
comparecencia pública o 13 de marzo, dixen textualmente que todos tiñamos deberes
que cumprir nesta crise, pero que non todos iamos ter as mesmas
responsabilidades.
Transcorrido este
tempo, e política aparte, non hai ningunha dúbida de que o maior peso recae sobre os máis de 40.000 profesionais que garanten o
funcionamento de hospitais e centros de saúde.
Fano cun rigor e esforzo
descomunal.
E fano como nos piden
a todos que respondamos a esta ameaza: sen desfalecer en ningunha circunstancia
por dura que sexa. Nunca llo
agradeceremos dabondo.
En efecto, o reto
sanitario é o máis importante. Condiciona todo o demais e, como lles dicía,
estamos nun momento crítico. Porque a evolución en España é mala, e en Galicia
(aínda que haxa menor impacto) tamén.
A incidencia en
España nos últimos 14 días (205,5 casos diagnosticados cada 100.000 habitantes)
sitúanos en niveis equivalentes aos do 2 de abril. Volvemos ser o país europeo coa peor evolución, e multiplicamos por 2,3
a incidencia da segunda Nación máis afectada (Francia).
En Galicia, ese
indicador continúa por debaixo da media nacional (123 en Galicia, 205 en España),
pero a tendencia en Galicia tamén é negativa.
Hai 99 concellos sen
novos casos nas últimas dúas semanas, 130 nos últimos sete e case 200 sen
rexistrar contaxios desde hai 3. Pero debemos estar atentos á evolución das
zonas máis afectadas.
E en todo momento
protexer ao máximo as residencias e centros de discapacidade. A situación
actual é de 161 casos activos en usuarios (o 0,57 % do total).
Neste contexto, en
Galicia reaccionamos, como fixemos desde o primeiro momento. Mesmo antes de que
no conxunto de España se advertira publicamente acerca do coronavirus.
Saben que xa en
febreiro constituímos unha comisión interdepartamental da Xunta de Galicia.
Iniciamos a contratación
o 1 de marzo dos primeiros profesionais de reforzo no ámbito da Sanidade
Pública.
Ou aumentamos o stock
de respiradores, ata o punto de que hoxe estamos en condicións de triplicar o
número de camas de críticos respecto a antes da pandemia.
Reaccionamos,
adiantándonos en moitas ocasións ao resto de España, e poden ter a certeza de
que o seguiremos facendo en cada momento.
Pero tamén digo que será
máis sinxelo, e máis efectivo, se a coordinación a nivel nacional é ampla e
permanente.
España ten un grave
problema se normaliza que só hai dúas alternativas para afrontar a pandemia: ou
Mando Único do Goberno central ou absoluta descoordinación.
As comunidades temos
o noso papel e o Goberno central tamén debe asumir o seu. Que non é o de
centralizar todo ou inhibirse de todo, senón o de aceptar que ten competencias
propias que exercer para que outros tamén poidamos desempeñar as que nos
corresponden con máis eficacia.
O Goberno de España
ten que liderar a resposta a unha pandemia que afecta a toda a Nación. Ten que
garantir que as Forzas e Corpos de Seguridade aseguren o cumprimento das leis. Dotarse
dos medios necesarios. Detectar se hai normas que mellorar. E, por suposto,
coordinarse coas Comunidades Autónomas, con estado de alarma ou sen el, nos
temas que son comúns.
Se non, ¿para que
existen 22 membros no Goberno central?
¿Para que existen
ministerios que xestionan competencias coincidentes coas autonómicas?
¿Para que hai unha
Vicepresidencia Social se nada ten que ver coas residencias?
¿Para que hai un
Ministerio de Educación se non ten responsabilidade no curso escolar?
¿Para que hai un
Ministerio de Universidades se nada ten que dicir na organización da ensinanza
superior?
¿Para que hai un
Ministerio de Política Territorial se nada hai que coordinar?
O Estado das autonomías é un Estado. Non é un conxunto de
estados. En consecuencia, a Administración central non pode ser unha mera
observadora que se abstén de actuar agora. Porque iso non é cogobernanza. Iso é
desgobernanza.
Con esa convicción nós
imos seguir defendendo que unha maior coordinación é imprescindible para
protexernos máis e mellor.
E por suposto, imos
seguir exercendo as nosas competencias.
Apoiados na emerxencia
sanitaria decretada o 13 de marzo, e que desde ese momento segue plenamente
vixente.
Apoiados no Plan de
Resposta aos Brotes que en Galicia está operativo desde abril.
E sobre todo, apoiados
no Comité Clínico que nos asesora permanentemente nos tres eidos de actuación
claves: detección, atención e adaptación.
A eles voume referir
agora.
Señorías, seguiremos realizando unha intensa labor de
detección con todas as persoas implicadas nas tarefas de rastrexo.
Cos médicos de
familia, que están a ter un papel clave neste campo.
Cos membros de
Medicina Preventiva, que seguen os casos a nivel hospitalario.
Cos equipos da Consellería
de Sanidade (servizos centrais e xefaturas territoriais).
E anúnciolles que con futuras incorporacións, como as que o
Ministerio de Defensa puxo a disposición e que Galicia xa solicitou.
E tamén co reforzo da estrutura do departamento de
Saúde Pública, que cómpre dimensionar e axustar á pandemia que vivimos.
Test, test e máis test.
É o camiño sinalado pola Organización Mundial de Saúde e non imos desviarnos
del.
Fomos a 1ª Comunidade
en poñer en marcha o Covid-auto.
Priorizamos os
profesionais sanitarios.
Nas residencias, cada
nova incorporación sométese a unha proba diagnóstica e, ademais, levamos dous
varridos completos ao conxunto dos 25.000 usuarios e imos comezar un terceiro.
Tamén procedemos ao cribado
de colectivos especialmente expostos, como Garda Civil, Protección Civil,
traballadores en escolas infantís -que hoxe comezan o curso-, colexios e
institutos, profesionais de farmacia, funcionarios de Administración local ou
traballadores de axuda no fogar.
Estase a impulsar a
integración na app Radar Covid, e esperamos a súa entrada en funcionamento a
mediados de setembro.
E, sobre todo, ante
cada brote apróbase unha estratexia de testaxe para facer diagnóstico precoz,
illar positivos e corentenar os contactos estreitos.
Actualmente, facemos unha
media de 4.400 probas diarias, un 178% máis de
probas PCR, ademais dos test de anticorpos, dos que facíamos no pico do estado
de alarma. Así somos máis eficaces e por iso se están a detectar máis casos. Pero
queremos dar un paso máis.
Como saben, fomos pioneiros no uso da técnica pooling, que
actualmente analiza de forma conxunta ata 20 mostras e terá capacidade para
chegar a 60 conxuntas.
E propoñémonos volver selo cun novo sistema de test
masivos a partir de mostras de saliva que se está planificando no Hospital de Vigo
e que esperamos consolidar ao longo de setembro.
Permite que cada
persoa desde a súa casa recolla a súa propia mostra, a rexistre a través dunha
app e a remita para que sexa avaliada en robots con capacidade para analizar
100.000 probas ao mes, tan so nesta técnica.
Un salto cualitativo
para facer grandes avaliacións, que loxicamente priorizaremos nas áreas
sanitarias e tamén en grandes centros de traballo ou afluencia.
Señorías, ademais dos
test, a partir dun determinado momento é inevitable aplicar restricións, como
as que están en vigor neste momento. Nalgún caso con carácter xeral para toda
Galicia e, se é preciso, con máis intensidade alí onde hai maior incidencia.
Como fixemos nas áreas da Coruña e Lugo nas últimas semanas.
Tomaremos as medidas que
sexan necesarias. Sendo conscientes de que ninguén é infalible. E coa humildade
tamén de recoñecer que o éxito na contención dos primeiros brotes (no Barbanza e
A Mariña, por exemplo) será cada vez máis difícil se entre todos non revertemos
a transmisión comunitaria que volve haber en España.
Neste punto quero
lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos galegos. Temos un gran sistema
sanitario con capacidade para prestar a atención precisa.
Como pobo decidimos
que a Sanidade Pública fose unha das grandes obras colectivas da nosa
democracia.
Como Goberno mellorámola
nas últimas lexislaturas.
E como presidente a
Sanidade segue a ser a miña máxima principal vocación e compromiso.
En suma, xa tiñamos
unha gran Sanidade Pública, acreditámolo dando unha das mellores respostas de
toda España na primeira onda da pandemia, e ademais preparámola para responder tamén
á segunda.
Mantemos o reforzo de
profesionais sanitarios contratados.
Hai reservas para
aumentar as UCI, e a día de hoxe só está ocupada o 3,6% da capacidade
dispoñible con pacientes COVID.
Cumprimos o requisito
de camas de hospitalización, aínda afortunadamente ao 1,7 % do seu tope.
Contamos coa
Plataforma TELEA para facer seguimento aos pacientes domiciliarios. Atendéronse
a máis de 4.300.
Temos capacidade para
levantar hospitais de campaña se chegase a ser preciso.
Hai stock de
material, e canles abertas para adquirir o que sexa necesario.
E estamos preparados
para intervir as residencias que sofren gran impacto da enfermidade, como
fixemos recentemente no Incio.
E máis aló do reforzo
puntual ao que nos obriga esta crise, tamén quero subliñar que segue en vigor a
estratexia que xa tiñamos antes do coronavirus para a Sanidade Pública.
Primeiro porque esta
crise demostrou que foi un acerto o investimento sanitario dos últimos anos. E
segundo porque llo debemos tamén a todos os galegos que sofren outras patoloxías
diferentes á COVID-19.
Quixera dicirlles a
estes pacientes que somos conscientes do que tamén sofren, de que a xestión da
pandemia inflúe no día a día de hospitais e centros de saúde, e do que implicaría
para cada caso que os contaxios volvan desbocarse e obriguen novamente a
limitar a actividade ordinaria dos centros sanitarios.
Señorías, o pasado
ano Galicia foi a 4ª Comunidade coa espera media máis baixa para unha
operación.
Rexistrou ademais un maior
rendemento cirúrxico (case 40.000 intervencións máis que en 2009, un 23%).
Mellorou o ritmo de
consultas, cun tempo medio de espera un 40 % menor.
E tamén a eficacia da
Atención Primaria, que hoxe deriva aos hospitais un 13 % menos de casos que hai
unha década.
Grazas a todo isto, de
acordo co Barómetro Sanitario, os galegos valoran a súa Sanidade Pública máis
que nunca na historia, especialmente nas Urxencias e na Atención Primaria.
Para manter estes
datos, e con máis razón aínda nun contexto de pandemia, completar a renovación integral do Servizo Galego de Saúde será absoluta
prioridade desta lexislatura.
En todos os niveis e
comezando pola Atención Primaria porque sabemos que xoga un papel fundamental.
Nesta crise e tamén en situación de normalidade.
Así, do mesmo xeito
que nos últimos 11 anos construímos ou
renovamos 74 centros de saúde, impulsaremos os que faltan: outros 39 nesta
lexislatura.
E continuaremos coa execución do Plan de Atención Primaria 2019-2021,
dotado como saben con 100 M€, que xa permitiu melloras retributivas e contratos
máis estables, e que terá as actualizacións precisas para seguir vencendo á
pandemia.
Así mesmo, remataremos
o impulso dado na última década á Atención Hospitalaria.
Do mesmo xeito que construímos
o novo Hospital Público de Vigo e
puxemos en funcionamento o Hospital
Público de Lugo, construiremos o novo Hospital Público da Coruña, para duplicar
a actual superficie.
Do mesmo xeito que transformamos
o Hospital Público de Ourense nun
novo hospital cun edificio de ingresos na 1ª fase e coa 2ª fase actualmente en
marcha, tamén transformaremos nun novo Hospital
Público o de Pontevedra, o Gran Montecelo; o novo Hospital Público de Ferrol e ampliaremos
o Hospital Público de Santiago.
Do mesmo xeito que rematamos
a 1ª fase da ampliación do Hospital
Público da Mariña e estamos impulsando a 2ª, ou dotamos ao Hospital Público do Salnés de nova
superficie e de novos servizos, incluiremos
novas melloras no 100 % dos hospitais comarcais.
En Verín, cun novo servizo de urxencias e
PAC.
En Monforte, co hospital de día e a nova
farmacia.
No Barco reformaremos a fachada, as
consultas externas, o hospital de día ou a área de cirurxía maior ambulatoria.
E tanto en Cee como no Barbanza finalizaremos a ampliación das Urxencias.
En definitiva,
cumpriremos a palabra dada e esta
lexislatura será a da finalización dun novo Servizo Galego de Saúde: o 100 %
dos galegos terán ao seu carón unha infraestrutura sanitaria pública nova ou
renovada e con tecnoloxía actualizada.
Igualmente, seguiremos
incorporando novos dereitos e servizos.
Como fixemos nas lexislaturas
anteriores:
Igual que introducimos
a Libre elección de médico, pediatra, persoal de enfermería e centro
hospitalario, ou o acceso á 2ª opinión, incluiranse
novas patoloxías no decreto que garante
tempos máximos de espera.
Igual que melloramos
a dotación de servizos nos hospitais como a Hemodinámica 24 horas en Lugo e
Ourense, nesta lexislatura a
hospitalización a domicilio chegará ao 100% dos galegos.
Igual que instauramos
as vías rápidas para determinadas doenzas, agora renovaremos toda a tecnoloxía de diagnóstico do cancro de mama,
estenderemos a toda Galicia o cribado de
cervix, seguiremos impulsando o de cancro
de colon para acadar máis participación e iniciaremos outros novos como os
de cancro de pulmón ou determinadas enfermidades raras.
Do mesmo xeito que
incorporamos novas vacinas no calendario ou novos tratamentos como o da
Hepatite, fortaleceremos a carteira de
servizos dos hospitais comarcais, comezando pola potenciación dos Hospitais
de Día.
Igual que nos últimos
anos apostamos por uns hospitais con máis medios tecnolóxicos (quirófanos híbridos), agora iniciaremos a Cirurxía Robótica.
E teremos presente,
señorías, que a pandemia supón un dano na saúde mental de moita xente. Por iso,
nesta lexislatura, conforme ao xa
comprometido, desenvolveremos o maior Plan de Saúde Mental da nosa historia.
Crearemos novas
unidades (por exemplo no ámbito da atención infantil e xuvenil) e o Servizo
Galego de Saúde xa ten prevista a contratación de máis de 200 profesionais para
poder prestar unha mellor atención ás persoas con problemas de saúde mental.
Señorías, referinme á
detección e atención sanitaria, pero (como lles dixen) tamén é preciso falar da
adaptación que temos que facer en todos os ámbitos. Conxugar a seguridade coa
actividade.
En aras disto, xa apoiamos
os distintos sectores para elaborar protocolos axeitados. Comercio, industria, sector
primario, sector turístico... e seguiremos traballando con todos.
Recoñecendo que en
moitos casos carecen de instrucións a nivel nacional que serían aconsellables.
Que cumprir as
normativas supón gran esforzo para todo o mundo.
E, por suposto, que
por máis que o tentemos, non sempre se acerta e por iso a revisión dos protocolos ten que ser constante.
Nos últimos meses os
cidadáns adaptáronse. Nos seus traballos, no seu día a día, nos seus costumes...
asimilaron un novo contexto cunha responsabilidade maioritaria.
Cómpre que tamén as distintas
administracións nos preguntemos se a nosa adaptación foi completa, se
respondemos como debiamos ás debilidades que os primeiros meses de pandemia
deixaron ao descuberto. Pois ben, quero referirme a catro eidos nos que creo
que temos materias pendentes: lexislación sanitaria, profesionais sanitarios, residencias
de maiores e educación.
Despois de todo este
tempo, España segue exactamente coa mesma lexislación sanitaria que tiñamos
antes da pandemia. É incomprensible.
Pódese entender o
estado de alarma nos inicios porque nos enfrontabamos de súpeto a algo novo.
Pero resulta inexplicable que, tras estes meses, xa cunha segunda ola enriba de
nós, continuemos igual.
Fálase de nova
normalidade pero o mecanismo que se nos dá para afrontar unha situación
semellante á de marzo segue sendo excepcional. Non é nin novo nin é normal
porque o estado de alarma é extraordinario. Tanto se o pide o presidente do
Goberno como se o pedimos os presidentes autonómicos.
É imprescindible
garantir axilidade e seguridade xurídica nas actuacións de control dos brotes.
E non a hai se
estamos suxeitos ao criterio e aos tempos de cada xulgado de garda para tomar
decisións. Nin tampouco se a única alternativa é que vaiamos aprobando estadiños de alarma, cada comunidade cun
criterio distinto.
Por iso defendemos
modificar o marco normativo que rexe para toda España, e recoller nel
instrumentos homoxéneos para tomar decisións homoxéneas. Que loxicamente, cada
territorio debe adoptar no momento oportuno, pero cun criterio común e cunha
única lexislación.
Convencidos diso, esta semana remitiremos a nosa proposta de
Lei Orgánica de Saúde. E o faremos conforme ao compromiso que asumín.
Igualmente, tamén
lles confirmo que neste período inicial
da lexislatura remitiremos a esta Cámara unha reforma da Lei de Saúde de
Galicia.
Saben que, ata agora,
a actualización da normativa autonómica foi imposible ao estar disolto este
Parlamento, pero –recuperadas plenamente as súas competencias lexislativas- esta
norma parécenos prioritaria para cinco obxectivos.
Primeiro. Maior
eficacia cando hai que tomar medidas urxentes, velando en todo momento pola
proporcionalidade.
Segundo. Concretar ao
máximo esas medidas, mantendo por suposto certa flexibilidade de resposta. Por exemplo, vemos conveniente introducir unha
regulación sobre mecanismos que se teñen demostrado eficaces, como o rexistro
de persoas procedentes doutros territorios en diferente situación
epidemiolóxica.
Terceiro. Recoller na
Lei o papel das novas tecnoloxías.
Cuarto. Aclarar as
competencias das administracións local e autonómica.
E quinto. Actualizar
a materia sancionadora, e facela coherente coas ordes que impulsamos a pasada
semana neste ámbito.
Outro asunto é o
relativo á estabilidade dos profesionais sanitarios.
O respecto ao persoal
sanitario é compartido por todas as administracións. Pero, non estou seguro se
ademais do respecto e dos aplausos e das palabras estamos respostando con
feitos.
Merecen máis
estabilidade, e por iso, seguiremos insistindo ante o Goberno central en que é urxente eliminar a taxa de reposición nas
ofertas públicas de emprego do persoal sanitario.
Non ten sentido
seguir prohibindo que se contraten máis profesionais dos que se xubilan. Nin
ten sentido que a Administración se vexa obrigada a facer multitude de
contratos temporais cando o que quere é evitalos.
Tamén merecen maior
reforzo porque hai áreas clave nas que se debe asegurar o relevo xeracional,
como a Atención Primaria, a Pediatría ou a Saúde Mental xa mencionada. A cifra
dos novos médicos que se forman cada curso, que tamén depende do Goberno
central, debe garantir as incorporacións que son precisas nestes ámbitos.
E, en terceiro lugar,
merecen máis recoñecemento. Sempre e máis aínda neste momento. E por iso, polo
que respecta ao futuro Goberno autonómico, propoñeremos
melloras nas súas condicións de traballo á altura do seu esforzo e
profesionalidade.
Señorías, a
emerxencia provocada pola COVID-19 tamén tivo un grande impacto nos servizos
sociais, non só a nivel humano senón tamén porque provocou a apertura dunha
reflexión colectiva sobre o futuro das residencias.
A situación en
Galicia non chegou aos extremos que se viviron noutros territorios grazas á anticipación e contundencia coa que se
traballou desde o primeiro momento.
Antes da declaración do estado de alarma e antes de que o Goberno central
publicase os seus criterios, Galicia xa contaba cun protocolo en materia de
residencias.
A autoridade sanitaria asumiu a tutela de todas as residencias, tanto
públicas como privadas.
Reforzamos o cadro de persoal dos centros residenciais con máis de 1.000
persoas.
Puxemos en marcha as primeiras residencias integradas, varios días antes
que outras comunidades que seguirían despois o noso exemplo.
Intervimos, como xa mencionei, nas residencias privadas cun elevado número
de contaxios.
E dispoñemos dun
completo plan de reactivación que indica como deben desenvolverse as visitas e
saídas das residencias; e cando e en que circunstancias se deben restrinxir se
hai brotes.
Houbo menor
afectación e mortalidade nas residencias galegas respecto a outras partes de
España, pero desde logo non podemos conformamos. Porque tivemos que chorar demasiadas perdas e porque
a protección dos maiores debe ser a máxima posible sempre.
O noso obxectivo é perfeccionar os mecanismos de resposta nas
residencias ante esta ou calquera outra emerxencia e, por iso: haberá aínda máis Sanidade nas residencias
xa que aprobaremos un protocolo de relación entre elas e a rede sanitaria
pública, centrado en
mellorar o seguimento dos pacientes e avanzar na teleasistencia.
Poremos en marcha un Plan de
formación permanente para os traballadores dos centros de servizos sociais
de Galicia. Abordaremos a renovación e
apoio tecnolóxico dos centros. Reforzaremos
a inspección, entre outras medidas. E elaboraremos unha nova normativa que regule as condicións de
apertura e actividade das residencias de maiores.
Seguiremos facendo todo o posible, e ademais contamos para iso co rigor e
profesionalidade dos traballadores destes centros.
Somos conscientes de que a práctica totalidade do persoal de atención ás
persoas dependentes demostrou nestes meses un gran compromiso e
profesionalidade que merece toda a nosa gratitude.
Por suposto, alá onde se detecten malas prácticas cómpre detectalas e
denuncialas.
Pero as excepcións non poden enturbiar o mimo e dedicación da maioría.
Porque non sería xusto.
Outro eido no que a
adaptación é básica é a educación. Preocúpanos o inicio do curso porque estamos
a falar do máis importante que temos, que son os nosos fillos e as nosas
fillas, as xeracións que garanten o futuro do país.
Nos últimos anos, a
educación galega avanzou en ámbitos clave nos que nos propoñemos seguir
afondando.
Superou liortas
estériles e abriu a Educación Pública ao plurilingüismo. Hoxe máis de 100.000
alumnos reciben ensino nunha terceira lingua e temos o compromiso de seguir
aumentando esa cifra cada curso.
Viu melloradas as infraestruturas.
Desde 2009 construíronse ou renováronse máis de 850 centros nos que estudan 220.000
alumnos. E continuaremos coa posta a punto.
Fíxose unha Educación
Pública máis accesible, que manteremos con máis prazas públicas de comedor, coa
maior rede de transporte escolar, con axudas para libros e material e coas
taxas universitarias máis baixas de España.
E dispón de máis
tecnoloxía, xa que máis de 120.000 estudan en aulas dixitais. Obxectivos que,
por suposto, reforzaremos nesta lexislatura:
só neste curso imos adquirir como mínimo outros 14.000 novos ordenadores.
Galicia pode estar
orgullosa da súa Educación Pública porque ademais os resultados acreditan que pode
estalo.
Nos resultados do
informe PISA, supera a media de España e da OCDE en todas as competencias
avaliadas.
E hai o menor índice
de abandono da historia da Comunidade (25,8 % en 2009 ao 13,5 % en 2018).
Pero, señorías,
ademais de orgullosa, quero tamén que Galicia se sinta segura e tranquila, coa
educación que lles deamos aos rapaces neste curso tan difícil que vai comezar,
e durante o tempo que dure a pandemia.
É normal afrontalo
con inquietude. Tamén iso marcou unhas eleccións en condicións inauditas, e con
todos os temores que tamén houbo entón, finalmente creo que se resolveu
satisfactoriamente.
Seguramente a
preocupación cero non se vai acadar nunca, pero as familias e o resto da
comunidade educativa deben saber que a Xunta está facendo e fará todo o que
estea na súa man. E que, en todo momento, o Comité Clínico do Servizo Galego de
Saúde, que deu unha das mellores respostas á pandemia de España, está
traballando neste ámbito tamén.
Que as familias
afronten o inicio de curso con preocupación é inevitable.
Que o fagan con confusión
é un feito lamentable polo que debemos pedir desculpas e que debemos resolver. Eu
fágoo con independencia de quen teña máis ou menos responsabilidade porque creo
que as administracións puidemos facelo mellor.
Ata a semana pasada,
a días da data fixada inicialmente para empezar o curso, non se celebrou o Consejo
Interterritorial para afrontar o protocolo común de apertura do curso escolar
en España.
E parece ser, por
fin, que a Conferencia de Presidentes deste
venres terá a educación nun punto da orde do día.
Quero recoñecer con
claridade que eu non me sentín cómodo nesta dilatación da preparación do curso,
nin tampouco observando como os socios do Goberno central se pasan este asunto
uns a outros como se fose unha pataca quente da que ninguén quere
responsabilizarse.
Pero tampouco vou
escudarme niso porque a apertura das aulas ocúpame e preocúpame.
O curso debe comezar coas
máximas certezas, e por iso: Galicia foi
unha das primeiras comunidades en contar cunha proposta para o novo curso
-presentada no mes de xullo-, e a primeira en contar con instrucións adaptadas ao
protocolo nacional pactado o pasado xoves, e adaptada tamén ás últimas
recomendacións do Comité Clínico. Deste xeito, o claustro, que hoxe se
incorpora aos centros, ten unha folla de ruta completa desde o primeiro día.
E na mesma liña, para
que os pais conten con toda a información precisa, antes do inicio do curso, a Consellería de Educación organizará
encontros telemáticos coas familias para explicar todas as medidas
directamente. Posteriormente, os equipos directivos terán tamén a indicación de
concretarlles as especificidades en cada centro.
Señorías, os nenos galegos volverán ás aulas de xeito
escalonado porque pensamos que iso facilita a adaptación ás novidades que
haberá.
Volverán a aulas seguras,
reorganizadas cando nos espazos actuais non era preciso garantir a distancia
recomendada polo Ministerio.
Nesas aulas estarán profesionais sometidos a un cribado
completo, xa que estamos realizando probas
a todo o persoal que traballa nos centros educativos, tanto público como
concertado.
Galicia, que xa era a Comunidade de toda España con máis
profesores por alumnos (10,5 rapaces por docente
fronte aos 12,5 da media de España), sumará
os profesores necesarios para atender o novo mapa de clases.
E a disposición de
toda a Comunidade educativa hai un listado
de medidas preventivas que cumprir.
En primeiro lugar, o
máis importante: a obrigatoriedade da máscara a partir dos 6 anos.
Información sobre que facer cada día antes
de ir ao colexio ou instituto.
Medidas de protección, como as relativas a
ventilación da aula varias veces ao día e a limpeza do centro, así como dobres
turnos ou mamparas nos comedores.
Escenarios para unha eventual situación de brotes.
E un plan
de ensinanza virtual para cando estes brotes se produzan, porque todo indica que lamentablemente se van a
producir.
Entre todos, coa
máxima seguridade e coas máximas certezas, debemos traballar para que o curso
comece.
Porque señorías, os nenos
precisan educación de calidade.
Seus pais non poden
converterse nos seus únicos profesores.
Os docentes teñen que
estar máis aló da pantalla do ordenador.
E a educación sobre
todo nos máis pequenos ou con dificultades, será menos educación se non é
presencial. Porque a figura dun profesor
ante os seus alumnos, a relación que forxan persoalmente, é imprescindible,
insubstituíble.
Por iso debemos aspirar a que o curso comece.
Con todas as precaucións e sen perder de vista a
situación epidemiolóxica. Pero debemos aspirar a que
o curso comece.
Comprendo a
preocupación. Compártoa. Como pai e como responsable educativo.
Todos os sectores a
sentiron. Os que nunca pararon e os que retomaron a actividade.
Todos responderon con
gran profesionalidade. E por iso, non debemos aceptar que ninguén cuestione nin
tente boicotear a dos docentes e o resto dos traballadores educativos.
Igual que o persoal dos
hospitais -especialmente urxencias, infecciosos e unidades críticas- adaptou o
seu servizo no que entran miles de persoas cada día...
Igual que os
traballadores dos supermercados que conviven cos miles de cidadáns que mercan
neles...
Igual que os
responsables de abrir en condicións de seguridade establecementos turísticos
nos que os cidadáns disfrutaron as súas vacacións...
Igual que os
traballadores das pequenas, medianas e grandes empresas que cada xornada
cumpren co seu deber, tamén a comunidade educativa debe retomar o curso co
ritmo que a autoridade sanitaria aconselle.
Coa maior
responsabilidade, sabendo que o risco cero lamentablemente non existe. E con
toda a vocación de dar a mellor formación aos nosos fillos.
E estou convencido de
que a comunidade educativa farao ben. Coma sempre.
Señorías, que o curso
comece con todas as garantías é esencial por moitos motivos non menores.
Esencial para
preservar a calidade da formación dos nosos nenos.
E con máis motivo no
caso de familias desfavorecidas.
Non podemos esquecer,
na educación e en todos os eidos, que Galicia debe saír desta crise máis
cohesionada, non menos. Máis solidaria, non menos. Máis equitativa, non menos.
Durante as primeiras
semanas da emerxencia sanitaria, Galicia despregou un Plan social de
continxencia para apoiar ás familias que teñen que vivir ao día e que foron as
que máis sufriron o impacto das primeiras incertezas.
Axilizouse e
flexibilizouse, ata o máximo que permite a Lei, o acceso á Risga, para que máis
de 1.600 persoas foran novos beneficiarios da Risga, é dicir, un 15 % máis dos
que a recibían con anterioridade.
Prestouse atención
domiciliaria 100% gratuíta a máis de 3.000
persoas maiores e ampliouse o servizo de Xantar na casa para chegar a 1.700
novos galegos que viven solos (incremento de máis do 20 %).
E concedéronse axudas
a preto de 60.000 familias cunha bolsa de comedor escolar, tanto para escolas
infantís como para colexios e institutos durante a pandemia.
Deste xeito logramos
amortecer o primeiro golpe da pandemia, xunto co compromiso que demostraron
centos e centos de galegos, desde as Administracións, desde as ONG ou a título
individual, para atender ás persoas máis vulnerables.
O comportamento
exemplar da sociedade galega inspirounos para poñer en marcha un Plan de recuperación social que aínda está en aplicación a
día de hoxe dotado con 60 millóns de euros.
Para 1.200 familias
sen ingresos ou con ingresos moi baixos, demos unha Tarxeta Básica de entre 450
e 900 euros para adquirir produtos de primeira necesidade; ademais dun
incremento do 50% na partida de Axudas de Inclusión Social.
Para as familias con
nenos ou con persoas dependentes a cargo, propuxemos senllos Bonos Coidado
Extraordinarios, con 500 euros ao mes para contratar atención a domicilio que
xa solicitaron máis de 1.800 familias.
Para as 730 familias
con menores en acollida, incrementamos un 25% a súa retribución.
Para rapaces en
situación de vulnerabilidade, dous novos centros de protección.
Para garantir a
continuidade duns servizos sociais fundamentais como son as escolas infantís e
os centros de día, unhas liñas de axuda extraordinarias para compensar o tempo
que deberon permanecer coa súa actividade suspendida.
E, señorías, tamén
tendo presente que a loita contra a violencia
machista non pode descoidarse en ningún momento.
Non o fixemos nos
últimos anos e por iso mantivemos as axudas periódicas e garantimos o apoio en
materia psicolóxica, xudicial ou de asesoramento durante a pandemia.
No momento excepcional do estado de alarma puxemos en
marcha un Plan de reforzo da atención das vítimas.
E seguiremos traballando nesta lexislatura, por exemplo
creando catro centros de información de titularidade pública
para mellorar a coordinación dos 82 que existen a nivel municipal, e tamén
fomentando que sigan chegando ao ámbito rural.
O camiño cara á
Galicia do benestar pasa tamén por achegar a todas as familias os recursos para
vivir dignamente. Nos últimos once anos,
a nosa comunidade duplicou os fondos destinados á loita contra a pobreza.
Grazas a iso e ás
melloras lexislativas como o novo decreto da Risga, a rede de seguridade que
asiste ás familias máis vulnerables é máis forte hoxe que hai once anos.
Agora ben: isto non
pode conducir ao conformismo. As consecuencias da pandemia van tensionar o noso
tecido social e debemos estar preparados para reaccionar.
Preparados a nivel de
recursos, preparados a nivel normativo e preparados tamén a nivel político. A loita contra a pobreza debe ser nesta
lexislatura forxa de consensos, e non orixe de disensos.
Nun ámbito no que é
difícil deslindar as competencias autonómicas das municipais, a coordinación é
capital. Nos últimos meses, demostramos que funcionar así, ademais de
desexable, é perfectamente posible. Non teño máis que eloxios para o traballo
dos municipios galegos. Da inmensa maioría deles. Debe seguir sendo así.
Sempre defendín desde
esta tribuna que a colaboración permite exercer con máis amplitude, eficiencia
e acerto as funcións que temos atribuídas.
Por iso, entristéceme
ler informacións que apuntan a que o Ingreso Mínimo Vital non está a tramitarse
coa axilidade que se require neste momento.
Segundo os datos dos
que dispoñemos, tan só está accedendo ao Ingreso Mínimo Vital o 0,5% das
persoas que o solicitan. Aínda contando as familias ás que se lles concedeu
automaticamente, esta prestación está a chegar a menos do 10% dos seus
potenciais beneficiarios.
O grave atasco
burocrático que estamos a vivir pode lastrar a eficacia dunha medida que o
Goberno anunciou como histórica, e que podería selo se se tivese posto en
práctica como é debido.
Non
vou recordar as advertencias que fixemos a maioría dos dirixentes autonómicos e
das ONG sobre as formas coas que se negociou e aprobou a medida e sobre a
modalidade de xestión que se escolleu.
Si me gustaría
avanzar a posición que manterá a Xunta de Galicia, se esta Cámara me outorga a
confianza para ser o seu Presidente:
En primeiro lugar, a nosa comunidade seguirá reclamando a
xestión do Ingreso Mínimo Vital. Como lle trasladei varias veces ao
presidente do Goberno central, despois de trinta anos tramitando a Risga, a
Administración autonómica ten os profesionais e a experiencia necesaria para
que esta prestación chegue do mellor xeito posible ás persoas que a necesitan.
Nin a maioría dos
galegos nin eu mesmo comprendemos as razóns polas que a algunhas comunidades xa
se lles ten comprometido a xestión desta axuda e a outras se nos denegou.
Aínda que a parálise
sexa tal que, cando se cumpren tres meses da publicación do Ingreso Mínimo
Vital no BOE, nin sequera se consumase a encomenda de xestión ás dúas únicas
comunidades que, segundo o Goberno, eran dignas de facelo.
En segundo lugar, e
paralelamente a unha reclamación que cremos xusta, a xestión directa desta
renda por parte das comunidades autónomas, Galicia
deseñará o mecanismo para que unha parte do orzamento da Risga se reoriente a
complementar o Ingreso Mínimo Vital, garantindo, iso si, que estea
vinculado coa inserción sociolaboral das persoas que o perciben.
A nosa comunidade
tamén estará pendente daquelas persoas que están nunha situación máis extrema. Seguiremos traballando para evitar os
desafiuzamentos e facilitando alternativas
habitacionais ás persoas que os sofren.
Ademais, nesta
lexislatura desenvolveranse as medidas
recollidas no Plan de atención a persoas sen fogar, que inciden
especialmente no acceso á vivenda. Temos o convencemento de que dispoñer dun
teito é a mellor forma de iniciar un proceso de inclusión social.
Somos conscientes das
dificultades de moitos galegos, especialmente os máis novos, para acceder a
unha vivenda. Pode agravarse no contexto actual, e por iso seguiremos priorizando esta tarea:
A través do Bono de Alugueiro Social, que durante a
pandemia está a cubrir o 100% da renda, co diñeiro de todos os galegos a través
do presuposto da Xunta.
Con novas axudas para a adquisición de vivenda
protexida, tanto nova como rehabilitada; de ata 20.000 € para familias con
menos ingresos.
Incentivando a
emancipación dos mozos cun programa de
alugueiro con opción a compra.
E fomentando tamén a mobilización de vivendas baleiras, un
obxectivo no que levamos traballado moito ao longo dos últimos anos.
Máis de 33.000
familias en Galicia contan con axudas da Xunta para aluguer ou rehabilitación;
e o noso obxectivo é que haxa cada vez máis porque ter unha vivenda digna é un
obxectivo clave de calquera persoa.
Por suposto, en
ningún caso o dereito constitucional á vivenda pode exercerse en colisión coa
liberdade ou a propiedade doutros galegos.
Como a maioría dos
cidadáns, estamos preocupados pola ocupación ilexítima de vivendas. Dana a
convivencia, atenta contra os valores que nos fan fortes como sociedade. E,
como no resto de España, está crecendo de forma preocupante, polo que se debe
reaccionar a nivel nacional con rapidez e contundencia, modificando a normativa
legal axeitada.
As difíciles semanas
nas que España estivo confinada fixéronnos apreciar máis se cabe a importancia
de dispoñer dun fogar en condicións. Pero o noso pensamento estivo tamén con
aqueles que teñen unha vivenda, pero non con quen compartila.
As persoas maiores
que viven soas precisan apoio, compañía e cariño. Para achegárllelo, dispoñemos
do Servizo de Axuda no Fogar (que despois destes once anos chega a 16 veces
máis domicilios que antes), tamén o Xantar na casa ou os servizos de
teleasistencia.
Seguiremos estando ao
seu carón. Nos vindeiros meses
presentaremos a Estratexia de atención á soidade non desexada, que
identificará esta problemática e proporá medidas para solucionala.
Tamén volverá poñerse en marcha, con todas as
garantías sanitarias, o autobús de Coidados porta a porta, que en 2019
percorreu 20 concellos e neste 2020 levará a 200 municipios servizos de óptica,
podoloxía e estimulación cognitiva.
Teño a convicción de
que as persoas maiores deben ser suxeitos activos, non pasivos, desta
sociedade. A súa voz debe ser escoitada con atención, valorada e respectada. Os
galegos de máis idade teñen dereito a decidir como queren facerse maiores.
Desde esa filosofía estenderemos unha iniciativa pioneira como
son as casas do maior, que nesta lexislatura chegará ao 100% dos concellos de
menos de 5.000 habitantes. Xa están en funcionamento as primeiras 30 e
lanzada a orde para outras 30 casas do maior máis.
Reforzaremos tamén a
rede pública de residencias de maiores, para aquelas persoas que, polo seu grao
de dependencia, precisan un apoio máis intenso.
Na primeira metade desta lexislatura, Galicia contará con
sete das mellores residencias de Europa: as
que proxectamos, co financiamento da Fundación Amancio Ortega, nas principais
cidades de Galicia. E complementaranse con máis prazas públicas naquelas zonas
onde exista unha maior demanda.
Se nestes once anos
conseguimos incrementar nun 44% o número de prazas á disposición das persoas
maiores dependentes, ata 2024 prevemos subir esa porcentaxe ata o 80% creando
2.000 prazas máis.
Pero todo isto, como
é natural, non podemos facelo sós. O financiamento do sistema da atención á
dependencia non pode recaer, case en exclusiva, sobre os ombros das comunidades
autónomas.
Dos 383 millóns de
euros que Galicia destina a atender ás persoas dependentes, tres cuartas partes
proveñen da comunidade autónoma, contradicindo a Lei, que establece un reparto
50-50.
Desde 2009, o
investimento da Xunta en dependencia incrementouse nun 95%; os fondos estatais
nun 24%.
Espero que esta sexa a lexislatura na que o Goberno
central salde esta débeda cos maiores e coas persoas con discapacidade de
Galicia.
Isto non significa,
señorías, que na nosa comunidade non sigamos tendo materias pendentes. Pese ao
incremento sostido das prazas públicas, pese ao impulso á integración laboral
das persoas con discapacidade, pese ás melloras na accesibilidade... aínda
existe marxe de mellora.
Moitas persoas pasan
demasiado tempo esperando polo seu grao de dependencia ou de discapacidade,
unha situación que se viu acentuada durante a pandemia. Por eles, comprometémonos a axilizar e simplificar os
procesos necesarios para acceder aos servizos e prestacións públicas.
Nesa mesma liña,
proximamente contaremos cunha ferramenta útil para que as persoas con
discapacidade poidan acceder canto antes a un centro que se axuste ás súas
necesidades e preferencias. Falo do Decreto
do concerto social, que xa está en tramitación e pronto verá a luz.
Permítanme tamén
reiterar o meu compromiso coa Xustiza, un servizo que tamén se está a ver
fortemente presionado a raíz da pandemia.
É prioritario que o Goberno central desenvolva
con éxito e con fondos suficientes un
plan de reactivación dos órganos xudiciais. Conta con todo o apoio da Xunta
de Galicia.
Pola nosa parte, non
renunciamos a seguir completando nin a renovación
tecnolóxica nin a seguir finalizando as infraestruturas xudiciais que
necesitamos. De feito, do mesmo xeito que nos últimos anos investimos 100
M€ na renovación tecnolóxica e de infraestruturas nas cidades de Ourense, A
Coruña, Santiago e Ferrol, que teñen novos xulgados a disposición, seguiremos
traballando e, por exemplo, remataremos
a Cidade da Xustiza de Vigo, a maior obra xudicial feita nunca na historia
de Galicia.
Señorías, hai e
haberá galegos en dificultades que debemos protexer porque a situación
económica é complexísima.
Xa estamos padecendo
as consecuencias da pandemia, como o resto de comunidades e países.
A isto únese a
incerteza sobre os rebrotes, e os efectos das medidas que hai que tomar para
contelos.
E no noso caso,
súmanse ademais as preocupantes previsións para España, que apuntan á maior
caída do PIB da contorna europea, sen precedentes na nosa historia.
Debemos aceptalo con realismo porque isto é básico para poder anticiparse, sen esperar
pasivamente os acontecementos.
E debemos afrontalo
con esperanza porque xa superamos momentos de recesión antes.
Se Galicia é a
2ª comunidade que máis aumentou o PIB per capita na última década.
Acadou a maior
converxencia en renda con España da serie histórica.
Bateu récords de
exportacións ata a chegada da pandemia.
Reduciu a taxa de
paro do 12,6% que atopamos en 2009 ao 11,95% actual.
Ou cambiou o rumbo de
sectores que estaban caendo, como o naval ou a automoción.
Se fomos capaces de
lograr iso é porque, como pobo, fomos capaces de reverter a fonda crise que
tamén marcou unha sesión de investidura como esta na primeira das miñas
lexislaturas. Esa experiendia debe impulsarnos.
Tamén no presente hai
ocos de esperanza nos que podemos apoiarnos para afrontar o desafío actual. Por
exemplo:
Os datos de caída do
PIB (aínda que durísimos) revelan polo momento un mellor comportamento de
Galicia que o resto de España. En Galicia o PIB cae o 14,5% e no resto de
España o 18,5%.
O emprego destruído
no 2º trimestre estase recuperando a maior ritmo que a media nacional. En
Galicia se recupera o 81,85% fronte ao 31% do conxunto do Estado.
E o mesmo ocorre cos
ERTES. Galicia foi a 5ª Comunidade onde máis rápido descendeu o número de
traballadores nesta situación, cunha intensidade oito puntos superior ao
conxunto de España.
E, ademais dos datos,
tamén temos a nosa forza colectiva.
Como xa dixen, conto
con todos os grupos desta Cámara. Se cada día galegos que foron votantes do
Partido Socialista ou do Bloque Nacionalista ou do Partido Popular traballan e
loitan xuntos, tamén nós temos que sumar esforzos na busca de respostas
realistas ás consecuencias económicas e
sociais da pandemia.
A reacción tamén será
máis axeitada se seguimos contando co tecido produtivo, coa súa visión e
experiencia, como fixemos en Galicia ao constituír o Comité de Expertos
Económicos.
Quero agradecer a
todos os seus integrantes a súa disposición. E trasladarlles igualmente que o
seu servizo a Galicia non rematou. Seguirémolos necesitando.
E, por suposto, o
Diálogo Social é un instrumento clave para trazar medidas que palíen a
situación actual e impulsen a senda de crecemento.
O Diálogo Social
resultou moi útil para dar os primeiros pasos durante a pandemia.
Por exemplo, no
Diálogo Social Galicia pactou e conseguiu ser unha das primeiras comunidades
que facilitou que os traballadores afectados por un ERTE puidesen cobrar un
anticipo da súa nómina cando o Goberno aínda non lla tiña ingresada.
Por exemplo, no
Diálogo Social activamos axudas para completar as prestacións de menor contía
dos traballadores afectados por ERTES e para as persoas a partir de 55 anos que
perderon o seu emprego.
Por exemplo, no
Diálogo Social fixemos un novo programa de formación dixital dirixido a parados
con máis de 45 anos.
E tamén no Diálogo
Social durante a pandemia aprobamos un paquete de medidas extraordinarias de
conciliación para axudar ás familias, que inclúe as excedencias e as reducións
de xornada por coidados a menores ou maiores.
Todas elas, insisto,
son iniciativas que xurdiron no seo do Diálogo Social durante os meses da primeira
ola, e por iso, a miña intención é reforzar o marco de concertación que xa
tiñamos.
Así, anúnciolles que a miña primeira decisión
xunto co nomeamento do novo Goberno será
a convocatoria da Mesa de Diálogo Social. Precisamente para trazar xuntos métodos
e obxectivos:
Métodos e obxectivos para paliar a crise,
pero tamén saír reforzados dela e
deseñar a Galicia de 2030 apoiada nos catro eixos nos que xa viñamos
traballando: unha Galicia máis familiar; máis verde; máis innovadora e máis
aberta.
Señorías, non oculto
que un obstáculo determinante para afrontar o futuro é a incerteza que temos
sobre as contas públicas.
Galicia tiña ata a
chegada da COVID-19 unha situación financeira saneada. Soubemos manter o
autogoberno. Non precisamos de axudas que implicaran perda de control ou
intervención da nosa Facenda autonómica. Fomos a Comunidade que menos aumentou
a débeda pública desde 2008 e a que mellor paga, aínda actualmente, aos seus
provedores.
Eses datos, aos que
por suposto seguimos aspirando, vense agora superados por unha restra de
incógnitas acerca da situación financeira que temos as Comunidades e que cómpre
disipar canto antes.
Desde que se iniciou
esta crise, a maioría dos presidentes autonómicos pedimos a celebración dun Consejo de Política Fiscal y Financiera.
Non se celebrou ningún. E é imprescindible porque as autonomías, que estamos
asumindo importantes tensións para poder cumprir coas competencias que temos,
precisamos respostas e decisións. Como tamén o é mellorar o funcionamento da Conferencia de Presidentes para que
sexa útil e verdadeiramente un espazo de acordo concreto.
En primeiro lugar,
necesitamos volver a falar do Fondo de
16.000 millóns de euros habilitado para afrontar os gastos deste ano. Primeiro
porque se está revelando insuficiente.
Pero, ademais, seguimos absolutamente en contra dos
criterios fixados discrecionalmente polo Goberno, que no caso de Galicia
supuxo só no primeiro tramo deste fondo perder 83 millóns de euros en relación
coa porcentaxe que nos correspondería co sistema de financiamento actual.
En segundo lugar,
discrepamos de que eliminara do Fondo a área social, toda vez que Galicia xa
preveu 76,5 millóns de recursos na área social mentres que o Goberno só enviou
18,9 millóns e deles o 43% para os concellos.
E, en terceiro lugar,
porque debe ter continuidade este ano 2021. Hai gastos que van ser estruturais
durante varios anos (en Sanidade e Educación especialmente) e, por iso, o
Goberno debería habilitar un Fondo similar suficientemente dotado para 2021. O Fondo covid 2021.
Segundo dentro da
restra de incertezas: a necesidade financeira. O Goberno central segue sen aboar os 370 millóns que lle debe a
Galicia, e que lle debe ao resto das comunidades autónomas, pola
mensualidade do IVE que está sen pagar e polos incentivos polo cumprimento dos
obxectivos fiscais que desde o ano 2017 seguen sen pagar.
Terceiro. Tampouco se transferiron os fondos
finalistas para emprego, uns fondos que nos confiscaron, simplemente, e que
no caso de Galicia ascende a 100 millóns de euros. Seguimos esixindo o acceso a
eles. E o lóxico sería amplialos ante unha nova realidade sociolaboral que
recomenda fortalecer as políticas activas de emprego.
Cuarto. Aínda non
temos ningunha información para elaborar
os presupostos do próximo ano, que neste momento terían que estar en
proceso de elaboración. Non temos ningunha información. Non sabemos nin
coñecemos o teito de gasto, nin as previsións, nin os anticipos a conta, nin os
obxectivos de déficit público, nin a porcentaxe de débeda autorizada, é dicir,
non sabemos nada.
Quinto. Estamos en desacordo co acordo alcanzado
coa Presidencia da FEMP (en contra de todos os partidos salvo o PSOE) respecto ao superávit dos concellos,
que corresponde aos veciños de cada municipio.
Sexto.
Importantísimo. Hai que aclarar a
situación na que queda Galicia respecto aos fondos europeos. O acordo
alcanzando por España a nivel europeo suporía, co procedemento actual, unha
perda do 40% dos fondos europeos respecto ao período comunitario anterior. Que,
por suposto, non podemos aceptar.
Que xa pedín
reconsiderar a nivel nacional ao presidente do Goberno porque é básico para que
poidamos preparar o futuro cun mínimo de planificación económica e
presupostaria.
Sétimo. Levamos anos
reclamando desde a Xunta que se actualice o sistema de reparto de fondos que
naceu eivado.
Pasa por unha reforma ou actualización do sistema de
financiamento autonómico que xa non pode adiarse máis e que debemos
negociar entre todos. Pensando máis en persoas e menos en territorios.
E oitavo. Debemos habilitar un sistema que garanta as
comunidades participar na xestión do Fondo de Recuperación aprobado pola Unión
Europea, sobre o que logo volverei.
Ademais da situación
financeira das administracións, é moi importante que non agravemos os problemas
que xa temos.
Sería totalmente incompatible falar de reconstrución e,
ao mesmo tempo, deixar caer empresas que supoñen miles de postos de traballo.
O Goberno central debe poñer fin ás incertezas xeradas na
industria asentada no litoral cunha nova lei de costas
que naza do consenso e a defensa do emprego. Tamén dos empregos que garante
Ence para 5.000 familias directamente e 80.000 que viven da madeira.
Debe buscar alternativas que garantan un futuro
industrial para as comarcas dependentes das centrais de Meirama e A Pontes.
Velar polo futuro de Navantia,
sobre todo para cubrir o baleiro que ten polo retraso da construción das
fragatas.
Garantir un prezo eléctrico que achegue estabilidade á
industria electrointensiva. Para que poida competir en
igualdade de condicións co resto de Europa e porque 5.000 familias en Galicia
dependen do prezo da enerxía para a industria electrointensiva.
E debe implicarse
para materializar a solución viable e estable para Alcoa. Hai unha opción. E ademais temos a palabra que me deu
persoalmente o Presidente do Goberno.
Desde logo eu creo
nesa palabra e traballarei con el para conseguir o obxectivo que compartimos
todos: manter a actividade industrial na
Mariña lucense e salvar os miles de emprego en xogo.
Entre todos debemos
crear un clima propicio para que a economía poida afrontar o momento actual, e
por suposto, a Xunta tamén.
Con ese convencemento
aprobamos en xuño o Plan de Reactivación
e Dinamización, dotado de 3.043 millóns de investimento público-privado. E como xa avanzamos, traerémolo á comisión que se cree neste Parlamento para seguir
fortalecendo un paquete de medidas en tres ámbitos: medidas para afrontar o
shock; medidas para impulsar a reactivación e medidas para acelerar a
transformación económica.
Loxicamente, o máis
urxente é afrontar o shock inicial, e para iso xa achegamos todos os mecanismos de financiación ao noso alcance para a industria e o resto do tecido produtivo. Por
exemplo,
Vacacións fiscais de impostos
galegos ata novembro de 2020.
Aprazamento das cotas
de amortización do 1º semestre dos préstamos con Igape e XesGalicia.
Axilización de pago a provedores.
Préstamos ata 200.000€ que
beneficiaron a 2.200 empresas e microcréditos cos que bonificamos o 100% dos
xuros a pequenos emprendedores e autónomos.
Igape Responde converteuse en
xanela única para asesorar aos emprendedores.
Todo o posible, en definitiva,
para outorgar liquidez e apoiar o mantemento da actividade. Porque iso era o
primeiro.
Nunha segunda fase,
tamén asumimos a nosa responsabilidade
para contribuír á reactivación. Por exemplo
Recuperamos o 100% da
obra pública que estaba en execución en Galicia antes do estado de alarma. A
primeira comunidades autónoma que recuperou toda a obra pública. 508 obras que
supoñen 5.300 postos de traballo.
Flexibilizamos as
condicións de acceso ao solo empresarial propiedade da Xunta de Galicia.
Aprobamos novas liñas
de financiamento para axudar ás empresas a reinventarse nun novo contexto no
que case nada é igual que antes. A transformación e dixitalización de espazos
comerciais é quizais un dos exemplos máis ilustrativos e máis exitosos disto.
Contribuímos a xerar
unha industria de material COVID en Galicia, destinando case 12 millóns que,
por exemplo, permitiron unha capacidade de fabricación de preto de 1 millón de
máscaras cada día en Galicia.
Permítanme referirme
neste punto ás persoas e sectores que están a verse especialmente afectados
pola crise.
Loxicamente, as
persoas máis castigadas pola crise son os desempregados ou aquelas persoas que
ven reducida a súa xornada laboral e ingresos.
É necesario darlles
respostas específicas e, por iso, redefinimos unha nova axenda de emprego que prevé mobilizar máis de 225 M€ e beneficiar a
máis de 65.000 galegos desempregados.
Atendemos os
principais retos aos que se debe enfrontar o mercado laboral, que debe
prepararse para a transformación
tecnolóxica de empresas e autónomos
e facilitar a convivencia das diferentes
formas de traballo – presencial e teletraballo –.
A crise tampouco está
afectando a todos os sectores da mesma maneira, e temos que ser plenamente
conscientes de que a hostalaría, o
turismo, o sector do ocio e da festa, o da venta ambulante... están a sufrir
moi intensamente.
Agradezo a
colaboración de todos nun momento de moita incerteza para eles. Decisións como o peche dos establecementos de ocio nocturno son necesarias en determinados momentos para conter o
avance da pandemia, pero loxicamente teñen consecuencias económicas que hai que
ter en conta.
Neste sentido, seguiremos a traballar conxuntamente co sector cun protocolo
de reactivación para cando a situación sanitaria permita a reapertura
paulatina dos locais así como vías de
financiamento ás que poidan acceder.
Tamén quero recoñecer o esforzo de todo o sector
turístico na preparación para a campaña de verán, ao que tentamos
contribuír cun Plan de Choque de 58 M€ e do que o 75% das medidas están en
execución.
Galicia chega aos
meses de vacacións cos deberes máis feitos e iso traduciuse en que estamos
entre as comunidades cos mellores resultados turísticos. E, con ese impulso,
imos seguir traballando. Para resistir pero tamén para avanzar.
Porque dicíalles que
esta crise tamén nos convoca a medio e longo prazo, e pon ante nós o reto de
afrontar a transformación na que xa estabamos inmersos pero que cómpre acelerar.
Primeiro, a
transformación cara unha Galicia aberta.
Xa estabamos no
camiño cara unha Galicia aberta, impulsados por un modelo turístico exitoso e
co horizonte dunha década que vai celebrar tres Xacobeos.
Nos últimos anos aumentamos en máis dun millón a cifra de turistas
anuais. Crecemos en todas as variables.
Consolidamos un novo modelo turístico, máis descentralizado e máis
desestacionalizado. Duplicamos o número de turistas estranxeiros.
É
certo que a pandemia transformou profundamente a nosa realidade, por iso é
fundamental reformular o Xacobeo. E
estamos a facelo, a escasos catro meses do seu inicio, grazas ao traballo
avanzado, que nos permitiu ter unha proposta e un diagnóstico con gran
antelación.
A década Xacobea que
imos iniciar, máis alá dunha celebración, debe ser unha ferramenta económica na que debemos tentar apoiarnos.
No ámbito turístico,
suporá unha vantaxe competitiva, nun momento en que todos os destinos buscan
reinventarse e adaptarse a un novo escenario de incertezas, en Galicia partimos
dun acontecemento recoñecido mundialmente, que leva séculos fomentando os
valores que hoxe todos buscan para o seu destino.
Non só no ámbito
turístico, tamén no ámbito cultural. No ámbito cultural debe ser un revulsivo
para os nosos creadores, desde o que retomar a súa actividade, un acontecemento
que fomente o deseño de produtos e formatos e que incentive demanda para
construír e consolidar proxectos de país a longo prazo.
Despois dun impacto
colectivo tan profundo como o sufrido durante estes meses, o Xacobeo pode ser,
imos traballar para iso, un apoio para a recuperación, non só económica, senón
tamén emocional do pobo galego.
Transformación, en
segundo lugar, cara a Galicia innovadora.
Señorías, igualmente
temos que seguir avanzando cara unha Galicia máis innovadora.
Iso non significa
renunciar ao que xa somos porque os sectores estratéxicos da nosa economía
están chamados a seguir séndoo.
Non renunciamos a
seguir sendo líderes no sector
pesqueiro, pero debemos seguir innovando para responder aos retos da
comercialización e garantir novas fórmulas de traballo máis sostibles. Nese
sentido, están listos para botar a andar nos primeiros compases da lexislatura
o Plan de Acción do Marisqueo e o Plan
de Acción da Pesca Costeira Artesanal. Tamén seguiremos atentos ás
consecuencias que o Brexit ten en ámbitos como este.
Tampouco renunciamos
a que moitos galegos sigan vivindo do rural,
pero debemos seguir innovando para
avanzar na súa modernización. Para seguir atraendo proxectos de
transformación do sector lácteo. E
para seguir aumentando a agricultura
ecolóxica.
Non renunciamos ás
nosas industrias históricas, como o naval
ou a automoción, e imos seguir innovando e continuando a aposta decidida
pola súa modernización.
E tampouco
renunciamos a apostar por sectores novos
sen tradición na nosa historia económica, pero con potencial de crecemento como o aeronáutico ou o biotecnolóxico.
Porque iso tamén é innovar.
Pero ademais do noso
propio convencemento, estamos obrigados a seguir por este camiño de innovación
porque a Unión Europea tamén vai por aí. Neste sentido, o Fondo habilitado a
nivel comunitario é unha fiestra de oportunidade que non podemos desaproveitar.
Por iso, seguirá sendo unha prioridade para nós
apoiar ás pemes en ferramentas 4.0 e á industria na aposta pola fábrica intelixente.
Tamén os centros de fabricación avanzada,
que dean continuidade aos primeiros que xa están aprobados como o Polo TIC da
Coruña.
Seguir acompañando aos
emprendedores na comercialización de
solucións innovadoras fronte á COVID, como viñemos facendo nestes meses.
E por suposto, apoiando a Galicia innovadora na
dixitalización, que neste contexto é absolutamente imprescindible.
O Fondo de
Reconstrución europeo tamén reforza a nosa aposta pola Galicia verde. Convócanos
a afondar no reto da economía sostible e
Galicia tamén está nel.
Seguiremos apostando por un
sector estratéxico para a economía galega, como é o forestal, e en concreto lanzaremos a liña Emprega Madeira para
fomentar a construción ou rehabilitación a partir deste material.
Tamén polo crecemento das enerxías renovables. Galicia é a 2ª CCAA con maior
potencia eléctrica renovable instalada, cunha produción equivalente ao 88% do
total do noso consumo. E seguiremos traballando no seu impulso porque queremos
que esta porcentaxe chegue ao 100%.
Estamos convocados,
en definitiva, a acelerar a transformación económica e Galicia está disposta.
De feito, como lles dixen, xa pedimos ao
Goberno central que implique ás Comunidades no Plan de Investimentos e Reformas
que está elaborando e este venres volverei solicitalo na Conferencia de
Presidentes.
Debemos sentarnos
para que no outono poidamos levar a Europa un Plan acordado por todos. Desde
logo Galicia ten vontade e ten tamén xa
deseñados os primeiros proxectos tractores que, na nosa opinión, encaixan
perfectamente na filosofía do Fondo Europeo.
A instalación dunha
planta de produción de hidróxeno verde.
A implantación dun
centro para o impulso da economía circular.
E a creación dun
centro de fabricación de fibras téxtiles sostibles a partir da celulosa soluble
da madeira, que permita diversificar un sector estratéxico para Galicia.
Son tres proxectos
tractores que vimos traballando neles desde fai meses.
Señorías. Só estes
proxectos supoñen un investimento aproximado de 1.300 millóns, pero o noso
compromiso é darlle continuidade con iniciativas adicionais que deseñaremos cos
expertos e sectores máis innovadores.
Ese é o noso
obxectivo porque encaixan na aposta por facer unha transición enerxética
planificada, ordeada e xusta.
A transición
ecolóxica que nos gustaría acordar co Goberno central, máis que apoiarse en
pechados criterios doutrinarios, debería sustentarse na realidade.
Esa realidade está
definida por comarcas necesitadas de reactivación industrial, por traballadores
e profesionais ben cualificados, e por industrias que requiren un cambio e unha
adaptación gradual. Non somos orixinais neste punto. Europa, sen distincións
partidarias, sigue este camiño que, por razóns difíciles de entender, o Goberno
da Nación, de momento, desdeña.
Señorías, é
incuestionable que a chegada desta pandemia trastocou os plans de Galicia como
en todo o mundo. As familias reordenaron os seus hábitos e as institucións da
nosa comunidade tampouco foron alleas a esta reorientación colectiva.
Nestes meses cambiaron as urxencias do Goberno galego,
pero non os nosos compromisos coa cidadanía porque os nosos compromisos coa
cidadanía permanecen e serán fixados no Plan Estratéxico que estamos
elaborando.
As decisións que
tomamos e tomaremos para combater a pandemia deixarán un cimento na nosa
comunidade. O noso labor é garantir que, sobre ese cimento, poida seguir
construíndose a Galicia que queremos e pola que levamos tantos anos
traballando.
Nesta época brumosa
resulta complicado mirar ao lonxe, cara adiante. Pero é o noso deber facelo.
Cando superemos xuntos esta situación —que a superaremos—, non podemos nin
debemos atoparnos ante o baleiro, sen unha planificación que guíe os nosos
pasos.
Antes desta crise,
Galicia tiña unhas metas compartidas, uns obxectivos comúns e unhas rutas de
consenso para acadalos. Pode que haxa que alterar o plan de viaxe, pero desde
logo non imos renunciar ao destino que nos marcamos.
O primeiro dos retos
ao que non podemos renunciar é o futuro demográfico de Galicia. Non se trata
dunha cuestión novidosa.
Hoxe existe un amplo
consenso sobre que a demografía debe
estar no máis alto da axenda das prioridades dos gobernos europeos. Confío
en que ese sentir colectivo atope reflexo nesta cámara, algo que haberá
ocasións de demostrar ao longo desta lexislatura.
A Xunta aprobou neste
ano o Proxecto de lei de impulso
demográfico de Galicia, un texto pioneiro non só na nosa comunidade senón a
nivel nacional. Unha das primeiras decisións que debe tomar o próximo
Goberno será remitila a este Parlamento para que se debata, se enriqueza e se
lle dea luz verde definitivamente.
Para abordar esta
cuestión co rigor que precisa, debemos evitar caer en simplismos: non é só unha
cuestión cultural, non é só un problema económico, non é só un problema de
conciliación, non é só un problema de preferencias persoais. É unha combinación
de todos estes factores, que calquera política demográfica debe ter en conta
para ser eficaz.
Nesa liña van as
medidas que recolle a Lei de impulso demográfico, algunhas das cales xa están
en vigor.
Na semana na que os
máis pequenos da casa, hoxe, empezan a reincorporse ás aulas, é obrigado
recordar que as familias galegas son as
únicas de España que dispoñen dunha educación infantil totalmente gratuíta para
os segundos fillos e sucesivos.
A gratuidade da
atención educativa para máis de 12.500 cativos non é unha decisión illada.
Trátase da continuación lóxica a once anos nos que a educación infantil viviu
en Galicia unha etapa de expansión sen precedentes co dobre de prazas públicas,
novas axudas e novos instrumentos de conciliación como as casas niño do rural.
Nos vindeiros anos profundaremos na conciliación máis alá
dos límites da escola infantil, con fondos para que as empresas poñan en marcha
servizos de atención á infancia, máis apoio para contratar “canguros” e unha
especial reflexión sobre os horarios e a flexibilidade, cuestión que o
confinamento volveu poñer de plena actualidade.
Ademais das medidas
de conciliación, nestes anos tamén diriximos aos fogares con fillos máis axudas
económicas que nunca. Desde o ano 2016 repartimos 60.000 Tarxetas Benvida cunha
aportación económica de 70 millóns de euros en beneficio das familias que teñen
un fillo ou unha filla.
Nesta lexislatura, Galicia volverá estar á vangarda das
políticas de apoio ás familias, equiparando a efectos do imposto da renda os
fogares monoparentais ou con dous fillos ás familias numerosas e
concedéndolles a estas unha bonificación de 250 euros por cada fillo a partir
do terceiro.
Como é natural, as
familias con tres ou máis fillos seguirán contando co apoio incondicional deste
Goberno. Para elas, tal e como comprometemos durante a campaña, xa temos
moi avanzada a redacción dun Plan de
apoio ás familias numerosas, que verá a luz antes de que remate este ano
2020.
Dentro deste paquete
de medidas, estes fogares con familias numerosas poderán atopar medidas como:
descontos en todas as peaxes das autoestradas de titularidade autonómica; apoio
específico para as familias numerosas de tipo especial (con 5 ou máis fillos);
ou prezos reducidos nos aparcamentos dos hospitais ou outros centros da Xunta.
Pero a demografía
engloba moito máis que as políticas de conciliación e apoio ás familias. Tamén
é fixación e atracción de nova poboación, o equilibrio territorial, a igualdade
e son políticas destinadas aos máis novos e aos maiores.
A Galicia do futuro
debe presentar novas oportunidades para
a mocidade. É básico para iso que sigan tendo unha formación axeitada ás
necesidades presentes e futuras. Como as que se garanten coa maior aposta de Formación Profesional (hoxe
hai un 50 % máis de matriculados e cada vez máis FP dual). E como as que
garanten tamén as universidades a través da renovación do mapa de titulacións que están a facer.
Oportunidades tanto
para os mozos que naceron aquí como para os que veñen de fóra.
Señorías, cada vez
son máis as persoas que queren asentarse na nosa terra, por iso no ano 2019
conseguimos crecer timidamente en poboación, por primeira vez en dez anos.
Desde 2009, entraron en Galicia 46.661 persoas máis das
que se foron.
E desde logo as nosas
portas seguen abertas para todos os que queiran volver, especialmente pensando
nos galegos de segunda e terceira xeración que están a vivir un momento
dificilísimo na maioría dos países de Latinoamérica.
A Galicia do futuro debe apostar polo envellecemento
activo, porque os nosos maiores seguen tendo moito
que dicir e que achegar.
A Galicia do futuro
debe seguir dando pasos en igualdade
porque é moito o que avanzou nesta materia pero debe seguir avanzando para que
non queden restos de machismo na nosa terra.
A Galicia do futuro debe afondar en cohesión, para que as
oportunidades non dependan do lugar da nosa comunidade onde vivan.
A fenda que aínda
existe entre a Galicia rural e a das cidades seguirase reducindo durante esta
lexislatura. Por iso é necesario avanzar
na dotación de infraestruturas que reduzan os tempos necesarios para
moverse dentro da nosa comunidade.
O mesmo compromiso
que fixo posible renovar as liñas de transporte público e garantir que sexa
gratuíto para todos os menores de 21 anos en todas as liñas de transporte
público da Xunta de Galicia.
O mesmo compromiso
que fixo que o 80% dos galegos xa teñamos a menos de 15 minutos da nosa casa
unha vía de alta capacidade, que garantirá tamén que se materialicen novos
avances.
Falo da intermodalidade —que nesta lexislatura
poderán comezar a aproveitar moitos galegos—, falo de infraestruturas viarias, nas que seguiremos traballando e, por suposto, da chegada do tren de alta velocidade
Non pode haber máis
escusas, supoño: Galicia non admitirá
novos retrasos sobre retrasos, nin máis incumprimentos sobre incumprimentos.
Queremos un calendario definitivo xa. Non creo que iso sexa moito pedir.
Tamén temos moi
presente que, ás portas da terceira década do século XXI, algunhas das
infraestruturas máis importantes non están dedicadas á mobilidade das persoas.
No “debe” de Galicia está aínda a conectividade móbil en
certas zonas rurais, algo que supón importantes dificultades
para os seus veciños á hora, por exemplo, de teletraballar.
Para poñerlle
remedio, a Xunta vai liderar os esforzos para mellorar a cobertura nas zonas
onde os operadores non teñen previsto facelo. Porque unha Galicia vertebrada pasa necesariamente por garantir un acceso a
Internet decente en calquera punto do noso territorio.
A mellora das
infraestruturas é unha das ferramentas fundamentais para mellorar a
vertebración da nosa comunidade, pero non a única. Na última década fíxose un
importante esforzo normativo para avanzar cara a un territorio máis ordenado,
no que persistiremos nos primeiros compases desta lexislatura con dúas Leis moi
ambiciosas:
A problemática
histórica da propiedade da terra no rural abordarase na nova Lei de recuperación e posta en valor da
terra agraria de Galicia, que axudará a identificar terreos abandonados,
cuxos propietarios son descoñecidos ou ilocalizables, e mobilizalos para
facelos produtivos;
E a normativa de ordenación do territorio, segunda lei,
dará un novo paso cara á súa racionalización coa nova Lei desta materia, que
fará máis simples e áxiles os trámites necesarios para a posta en marcha de
proxectos de interese estratéxica, sempre que todas as garantías legais e
ambientais queden cumpridas.
A situación
urbanística de moitos concellos pequenos tamén se clarificará grazas aos Plans Básicos Municipais e unha
trintena de municipios modernizarán o seu urbanismo coa aprobación de novos PXOM.
Os instrumentos de
ordenación non deben supoñer obstáculos inxustificados aos proxectos que os
galegos queiran desenvolver. Ben ao contrario: a normativa que levamos anos
perfilando consolida un territorio máis vertebrado, que conxuga a harmonización
das iniciativas dos particulares e as empresas coa necesaria protección dun dos
bens máis valiosos que posuímos: a nosa paisaxe.
Galicia leva moitos
anos apostando por un modelo de desenvolvemento compatible coa protección do
medio natural e co futuro do planeta.
A miña proposta para
a vindeira lexislatura pasa pola economía
circular, por unha xestión máis
racional dos residuos e por unha reforma histórica na ordenación dos
recursos hídricos a través da creación
da Sogama da auga.
Galicia tamén porá o seu gran de area para mitigar as
causas do cambio climático e paliar as súas consecuencias, desenvolvendo a
Estratexia aprobada xa o pasado ano. A nosa comunidade,
que xa é referencia en materia de enerxías renovables, seguirá traballando para
reducir as emisións.
Farémolo, iso si,
como cremos que cómpre facerse: de xeito progresivo, con racionalidade e
procurando sempre alternativas para o mantemento e desenvolvemento do tecido
produtivo.
Aproveitar de xeito
responsable o rico patrimonio natural de Galicia é o mellor xeito de
respectalo. Darlle un uso e promover a súa permeabilidade coa sociedade galega
é o modo máis eficaz de preservalo.
Nos vindeiros anos
imos favorecer que os galegos, especialmente os máis novos, coñezan mellor os
nosos parques naturais..
En paralelo, seguiremos traballando nas candidaturas
galegas a Patrimonio da Humanidade: Cíes-Illas Atlánticas, Ferrol da
Ilustración e Ribeira Sacra son tres xoias que deixaremos aos nosos fillos e
netos cun recoñecemento, prestixio e nun estado de conservación mellor que o
que nos atopamos.
Continuaremos tamén a
aposta decidida pola recuperación do
noso patrimonio urbanístico. Ademais de impulsar a rehabilitación de preto
de 3000 vivendas, maioritariamente nos cascos históricos, ao abeiro das áreas
Rexurbe, poremos en marcha unha liña de
axudas específica para que os propietarios con menos recursos poidan finalizar
as construcións que teñan inacabadas respectando as indicacións da Guía de
cores e materiais.
A Galicia do futuro debe quererse máis a si mesma.
Outorgarlle máis valor ao que é noso.
Iso engloba seguir defendendo a nosa lingua
para abrila a todas as idades (especialmente aos mozos) a todos os ámbitos
(como o económico) e a linguas irmás, a través da lusofonía.
E engloba tamén, por
suposto, o talento dos nosos creadores.
Esa é a finalidade da Estratexia da
cultura galega que vimos de estrear e que engloba máis de 350 medidas de
apoio a un sector clave na nosa terra.
Señorías, o urxente
non pode facernos esquecer o que tamén é importante.
Por iso, estes retos
estruturais de futuro deben seguir concentrando unha parte da acción de
Goberno, en proporción variable segundo vaia evolucionando a pandemia.
Señorías, para o seu
futuro (inmediato e non tan inmediato) o pobo galego ven de emitir un elocuente
mandato nas urnas.
Fai que este
Parlamento se compoña de tres forzas, ao tempo que sitúa fora da Cámara
posicións que na nosa opinión son extremas dun e doutro signo. Reafirma o
pluralismo propio da nosa terra e facilita a posibilidade de entendernos.
Os galegos foron
chamados ás urnas nunha situación social, económica e sanitaria especial, e
creo que nos enviaron unha mensaxe acorde cos tempos que nos toca vivir. Non
podemos ignorar ese chamamento.
Dixéronnos que a
democracia galega segue en pé, que queren estabilidade e pediron unha resposta
moderada que esixe de todos nós un esforzo de achegamento.
Por iso, como
candidato a esta investidura, e contando en principio (espero que se confirme)
cun apoio aínda máis amplo que nas tres ocasións anteriores que me sometín a un
debate como este, quero dicirlles que conto con todos os deputados e deputadas
que hoxe estamos aquí.
Para min, a maioría que os galegos outorgaron nas
urnas non é un mandato exclusivo senón inclusivo.
Aspiro a que a resposta que temos que dar aos retos e
dificultades que temos por diante, non sexa só a dunha Xunta que conta con máis
apoio dos cidadáns que en lexislaturas anteriores senón que poida ser a
resposta de toda Galicia para toda Galicia.
Nos últimos anos, en
crises iniciadas, no medio de crises e en crises superadas ... os galegos
persistiron na súa forma de ser. Queren
vivir nunha terra unida e centrada só en avanzar. Os galegos son así. Somos
así. Queremos seguir sendo así.
Avogo por non importar liortas que menoscaban a
convivencia que nos demos a través da Constitución Española e o Estatuto de
Autonomía de Galicia.
Avogo por
preguntarnos cada día, en cada decisión, en cada proxecto, que une máis aos
galegos, que os fai mais libres, que os fai máis igualitarios.
Avogo por xestionar
problemas reais, que xa hai de abondo, en lugar de engadir outros evitables e
prescindibles e artificiais.
E por iso e para iso
estou aquí e solicito o apoio deste Parlamento.
Solicito o apoio
desta Cámara para que Galicia avance
unida e non dividida.
Solicito o apoio
desta Cámara para que o interese xeral
prevaleza sempre sobre intereses cativos.
Solicito o apoio
desta Cámara para defender as
prioridades dos galegos: a saúde, o emprego, a recuperación económica e o
benestar.
Solicito o apoio
desta Cámara para que Galicia siga
respondendo ante a pandemia co sentidiño que nos caracteriza.
Solicito o apoio
desta Cámara para traballar nas
urxencias que xerou esta crise, pero sen esquecer que hai metas, retos e soños
aos que Galicia non debe renunciar.
Solicito o apoio
desta Cámara para unha Galicia que actúa como unha familia na que nos apoiamos
os uns aos outros; para unha Galicia verde que coida de si mesma; para unha
Galicia innovadora capaz de anticipar o porvir; para unha Galicia que confía
nos mozos e no seu propio futuro; e para unha Galicia que, con todas as
inquedanzas, afirmo que pode manter a confianza.
Solicito o apoio
desta Cámara consciente das dificultades que temos por diante pero tamén coa
esperanza que me dá a experiencia.
Estou convencido de
que Galicia será capaz como xa fixemos noutros momentos da nosa historia.
Señorías, esta lexislatura é hoxe a do coronavirus pero
porei todo de min para que remate sendo a lexislatura do entendemento e a
lexislatura da recuperación. A lexislatura na que Galicia foi quen de volver
superarse.
Galegos e galegas,
estou ao seu servizo. Moitas grazas."