lunes, 7 de septiembre de 2020

Feijóo presenta un novo Executivo comprometido co realismo, o traballo e a xestión e coa defensa dos intereses de Galicia por riba de calquera outra consideración

 

Hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou un novo Executivo galego comprometido co realismo, o traballo, a xestión e a planificación, e coa defensa dos intereses de Galicia por diante de calquera outra consideración.

Durante o acto de toma de posesión dos conselleiros, Feijóo aseverou que o novo Goberno conserva a mesma ilusión que aquel primeiro equipo de 2009, pero se cabe “con máis enerxía, con máis experiencia e con máis paixón”.

Conscientes da magnitude do reto que teñen por diante, o titular da Xunta incidiu en que a prioridade é afrontar a pandemia en todas as frontes e, con este fin, destacou o reforzo da área de Economía para que todos os esforzos coordinados vaian cara á reactivación económica e social; “para, ademais de seguir tendo capacidade económica, soster o estado do benestar”, matizou.

Unha tarefa, subliñou, na que estará centrado Francisco Conde, co obxectivo de que nazan novas empresas, proxectos novos e proxectos tractores; e, todo isto, baixo un cambio de paradigma baseado na dixitalización, a sostibilidade e a economía circular.

Logo de precisar que para acadar ese fin, Conde contará co apoio e o traballo de María Jesús Lorenzana, José González e Rosa Quintana, Feijóo deu a benvida ao novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, do que destacou a súa traxectoria profesional. E referiuse a Román Rodríguez que, baixo a nova Consellería de Cultura, Educación e Universidade, recupera unha competencia que coñece ben como é a educativa.

Así mesmo, citou a Ángeles Vázquez, Ethel Vázquez e a Fabiola García, que renovan as súas responsabilidades “e incrementan a esixencia da súa labor”. E, no ámbito da Consellería de Facenda, con Valeriano Martínez á fronte, expuxo a necesidade de coordinar con maior profundidade a administración pública, co obxectivo de ter unha visión conxunta da mesma, nun tempo novo de teletraballo e dunhas administracións máis rápidas, tecnolóxicas e máis abertas.

Ao longo da súa intervención, confirmou tamén que na coordinación de todo o traballo conxunto do Executivo seguirá Alfonso Rueda, que asume ademais as competencias nunha materia tan especial como é o turismo.

Facer fronte ao retos mirando cara ao mañá

Coa celebración do primeiro Consello ao remate da toma de posesión dos conselleiros, o presidente da Xunta constatou que o novo Goberno galego comeza a traballar arreo desde hoxe mesmo: “Os problemas de Galicia non lle van dar 100 días ao Goberno, porque están xa en riba da mesa”, abundou.

Alberto Núñez Feijóo recordou ademais que os puntos cardinais deste Executivo permanecen inalterables, “coherentes cos valores que sempre estiveron presentes na nosa xestión”, afirmou, defendendo a igualdade de oportunidades entre todos os galegos, velando polo traballo dos cidadáns para xerar riqueza e repartila axeitadamente e garantindo a cohesión territorial e social de toda a Comunidade.

Todo isto cun dobre horizonte: facendo fronte ao reto sanitario e aos seus efectos sociais e económicos; e mirando cara ao mañá, avanzando en desafíos claves como o demográfico, a vertebración territorial, o coidado ambiental, a conservación do patrimonio ou a creación de riqueza.

“O noso proxecto de futuro construirase sobre esa Galicia plural e diversa, pero unida no fundamental. A política galega debe ser moderada, como é Galicia; integradora, como é Galicia; e respectuosa, como é Galicia”, dixo, lembrando que non é a primeira vez que á Comunidade lle toca superarse a si mesma.

“Once anos despois, a fortaleza deste pobo está máis que acreditada. Once anos despois, os galegos podemos mirarnos á cara coa satisfacción de estar a construír unha terra mellor. E, once anos despois, Galicia ten un rumbo certo do que as turbulencias non nos van apartar”, aseverou, concluíndo cunhas palabras de recoñecemento e agradecemento a Jesús Vázquez Almuíña e Carmen Pomar pola súa entrega e a súa “magnífica” labor.