jueves, 3 de septiembre de 2020

O Parlamento de Galicia elixe presidente da Xunta a Alberto Núñez Feijóo



Desde o meu despacho do Congreso en Madrid sigo a través da web do Parlamento de Galicia a continuación do debate de investidura do candidato a presidente da Xunta.

Escoitei as réplicas ao aspirante do PP de  G con senllos discursos de 35 minutos, comezando por Gonzalo Caballero, seguido de Ana Pontón e de Pedro Puy.

E a resposta a todos eles de Alberto Núñez Feijóo.

Finalizado o debate o Pleno do Parlamento de Galicia elixiu, por maioría absoluta, con 42 votos, a Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galicia.

Coa votación e posterior proclamación do resultado por parte do presidente da Camara, conclúe a sesión de investidura do presidente da Xunta, que deu comezo o pasado martes no Parlamento de Galicia.

Unha vez proclamado o resultado, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, comunicará o resultado da elección á Súa Maxestade o Rei, para o seu nomeamento mediante Real Decreto que se publicará no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia,  conforme o disposto no artigo 18 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente. 

A comunicación a Súa Maxestade o Rei e ao presidente do Goberno efectuarase esta mesma tarde por correo electrónico, enviando unha certificación con sinatura dixital.