sábado, 19 de septiembre de 2020

Feijóo: “ A política non está para crear novos problemas nin divisións nin para ir sempre á contra”


Viaxo hoxe a A Coruña o presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o PPdeG non ten máis obxectivo que seguir servindo a Galicia: “Cada vez que Galicia tivo problemas, este partido estivo ao seu carón; e, agora que Galicia volve ter problemas, nos toca volver servir a Galicia”.

 

Durante a Xunta Directiva autonómica, o líder do PPdeG amosouse orgulloso de formar parte dun partido aberto, plural e no que caben moitas sensibilidades. E indicou que a historia da nosa Comunidade ten o selo desta formación, polo que avogou por “estar á altura”. “Vou seguir traballando para vós -continuou- para que esteades orgullosos do Goberno de Galicia e de min”. E incidiu en que “sen partido, non hai goberno”.

 

A POLÍTICA SÓLIDA, A QUE CUMPRE CO SEU DEBER


Aproveitou para reivindicar a política sólida e tende a man aos demais partidos políticos para sumar e afrontar os retos de futuro.

 

“Nun tempo de política líquida -sinalou- é necesario reivindicar a política sólida”, a que cumpre co seu deber e a que, precisamente, representan os milleiros de persoas que forman a gran familia que é Galicia.

 

E dixo que, do mesmo xeito que o resultado das urnas implica responsabilidade de gobernar, implica tamén responsabilidade de ser oposición: “Todos os partidos teñen un deber con seus votantes e con Galicia: o deber de practicar unha política construtiva e útil”. “Nós imos asumir a responsabilidade de gobernar en tempos difíciles -afondou- e a oposición debería asumir que está para serlle útil a Galicia”.

 

O MELLOR PARA GALICIA


Apuntou que os galegos votaron e escolleron o que consideraron o mellor para Galicia: un balance sólido, unha capacidade de gobernar acreditada, experiencia, diálogo e o mellor programa para o presente e o futuro da nosa Comunidade. “Ese 48% dos votos acredita que a nosa era a mellor proposta para esta terra, avala o rumbo de Galicia nestes últimos once anos e testemuña o inxente traballo que fixo o noso partido”, destacou.

 

A POLÍTICA DAS CERTEZAS


Así mesmo, referiuse ao exemplo de superación que é Galicia, un país que se forxou nas dificultades, pero que sempre foi capaz de saír adiante. Por iso, ao igual que fixeron os nosos avós e pais á hora de facer fronte aos momentos complicados, avogou por apostar polo tesón, o talento e o sacrificio para resistir aos envites desta pandemia sanitaria, social e económica; e por recuperar a confianza nos servizos públicos, nos emprendedores e, tamén, na política.

 

Para o presidente dos populares galegos, a política non está para crear novos problemas nin divisións nin para ir sempre á contra, senón para “dar respostas ás dificultades do día a día, para unir á sociedade e para buscar o mellor para o país”. Por iso, remarcou que o PPdeG ten que ser, hoxe máis que nunca, o partido das certezas. Así, ante as incógnitas, as liortas e enfrontamentos, o ‘todo mal’ e os que gobernan sen rumbo, Feijóo apostou pola capacidade de xestión, o entendemento, as verdades, os valores e por unha folla de ruta.

 

O PPDEG CAMBIA CON GALICIA


Salientou que, nunha Galicia en continuo cambio, a capacidade do PPdeG de cambiar con ela. E é que, tal e como dixo, se o PPdeG logrou a confianza dos galegos durante catro décadas, non foi por casualidade nin por descarte; senón por ser capaz de encarnar os anhelos da xente e de levar á práctica as ideas da maioría da xente. “A Galicia desta democracia -subliñou Feijóo- non deixou de cambiar e nós cambiamos con ela. Por iso, somos o partido que máis de parece a esta terra”.

 

Para Feijóo, sería un erro interpretar o apoio “abrumador” como un voto ao inmobilismo, xa que o PPdeG é un partido dinámico.

 

Así, recordou que, en 2015, cando España atravesaba unha profunda crise institucional, o PPdeG non se quedou quieto e, tras renovar equipos, políticas e actitudes, un ano despois renovou, tamén, a confianza dos galegos. Tras isto, fixo fincapé en que o novo Executivo autonómico “renóvase e reármase” para aportar novas certezas e para dar respostas aos retos que Galicia ten por diante en ámbitos como o emprego, a economía e o benestar.

 

Para rematar, agradeceu a xenerosidade das persoas que asumen novas responsabilidades e se puxeron a disposición de Galicia, como daquelas que deixaron paso no seus respectivos cargos para asumir novas funcións noutros ámbitos.