O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou, no día de hoxe, o decreto de nomeamento dos membros do Executivo, que queda conformado do seguinte xeito:
VICEPRESIDENTE PRIMEIRO E CONSELLEIRO DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E TURISMO. ALFONSO RUEDA VALENZUELA
Naceu no ano 1968. Está casado e ten dúas fillas. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago e ten o diploma de Directivo da Xunta de Galicia. Funcionario de Administración Local, con habilitación nacional, categoría superior.
- Foi secretario nos concellos de Cervantes, A Cañiza, e Cambados e secretario-interventor da Mancomunidade da Paradanta
- Ocupou os cargos de xefe do Gabinete da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e de director xeral de Administración Local da Xunta de Galicia
- É presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra
- Foi conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza desde abril de 2009 e vicepresidente desde 2012.
VICEPRESIDENTE SEGUNDO E CONSELLEIRO DE ECONOMÍA, EMPRESA E INNOVACIÓN. FRANCISCO CONDE LÓPEZ
Naceu en Monforte de Lemos en 1968. É licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola mesma universidade. Foi profesor da Universidade CEU San Pablo entre 1995 e 2009, onde ocupou diferentes responsabilidades:
- Director da Aula de Estudos Europeos Robert Schuman
- Secretario do Instituto de Estudos Europeos
- Vicedecano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de 2002 a 2004
- Director de Relacións Internacionais de 2004 a 2005
- Vicerreitor de Relacións Internacionais de 2005 a 2009
- Foi asesor do presidente da Xunta de Galicia de 2009 a 2012
- Foi conselleiro de Economía, Emprego e Industria desde 2012.
CONSELLEIRO DE FACENDA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA. VALERIANO MARTÍNEZ GARCÍA
Naceu en Aldán (Cangas) en 1961, é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Xestión de Xerencia Hospitalaria pola Escola de Alta Dirección e Administración.
- Desde 1985 é funcionario do corpo superior de administración xeral da Consellería de Economía e Facenda
- Ata o seu nomeamento como conselleiro de Facenda en febreiro de 2015 exerceu como secretario xeral da Presidencia da Xunta de Galicia
- Anteriormente, entre outras responsabilidades, foi director xeral de Recursos Humanos do Sergas, director xeral de Transporte e auditor do Consello de Contas de Galicia
CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA. ÁNGELES VÁZQUEZ MEJUTO
Naceu en Melide en 1972. Acadou a Licenciatura en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, coa especialidade en Xeografía Aplicada. Ademais é técnica en Información e cultura.
- Foi alcaldesa de Melide desde o ano 2011 ata 2016, cargo que tamén ocupou entre os anos 2004 e 2007.
- No ámbito municipal, previamente ás súas responsabilidades como rexedora, foi concelleira de Cultura, Deportes e Medios de Comunicación.
- Tamén foi deputada provincial na Coruña entre 2007 e 2009 e, posteriormente, deputada no Congreso dos Deputados por esa mesma provincia.
- Na súa traxectoria profesional tamén ten experiencia xornalística, como directora da radio municipal melidense e como correspondente en medios de comunicación.
- Desde outubro de 2015 ata novembro de 2016 foi conselleira do Medio Rural.
CONSELLEIRA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE. ETHEL VÁZQUEZ MOURELLE
Naceu en Santiago de Compostela en 1972. É enxeñeira técnica superior de Camiños, Canais e Portos pola Universidade da Coruña. Tras rematar os estudos superiores, en 1996 comezou a súa traxectoria profesional na empresa privada, ata que, en 2003, se incorporou ao organismo autónomo Augas de Galicia.
- Ethel Vázquez asume a presidencia de Augas de Galicia e da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) da Xunta de Galicia en abril de 2009, cargo que exerceu ata ser nomeada directora xeral de Infraestruturas en setembro de 2010.
- En abril de 2011 asume a presidencia da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia.
- En xaneiro de 2012 foi nomeada directora da Axencia Galega de Infraestruturas.
- Desde 2014 a 2015 foi conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
- Desde outubro de 2015 ata setembro de 2018 foi conselleira de Infraestruturas e Vivenda.
CONSELLEIRO DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE. ROMÁN RODRÍGUEZ GONZÁLEZ
Naceu no Vento, Lalín, en 1968. É licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela con premio extraordinario. Doutor en Xeografía, é máster en Desenvolvemento Local, foi profesor na Universidade de León e é profesor titular do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.
- Autor dunha ducia de libros e coautor doutras case vinte publicacións da súa especialidade, amais de ter participado en corenta libros colectivos, Román Rodríguez dirixiu másteres e cursos de posgrao vinculados coa temática do ordenamento territorial en varias universidades.
- Foi galardoado, ademais, co Premio da Crítica de Galicia (2000), no eido da investigación.
- En 1999 foi elixido concelleiro polo PP en Lalín, con responsabilidades en Cultura, Medio Ambiente, Urbanismo, Desenvolvemento Local e Portavocía.
- Nas eleccións de 2009 obtivo acta como deputado autonómico para ser designado posteriormente vicevoceiro do Grupo Popular e voceiro nos eidos de Educación, Urbanismo e Ordenación do Territorio.
- Desde febreiro de 2015 ata setembro de 2018 foi conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
- Foi conselleiro de Cultura e Turismo desde setembro de 2018.
CONSELLEIRA DE EMPREGO E IGUALDADE. MARÍA JESÚS LORENZANA SOMOZA
Naceu na Coruña en 1981. Licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña en xuño de 2004. Curso Superior de Dereito Autonómico polo Instituto de Dereito Público de Barcelona. Certificado CAE de inglés pola Universidade de Cambridge e de francés B1 pola Alianza Francesa.
- Entra a formar parte da escala de Letrados da Xunta de Galicia por oposición en maio de 2007. Ocupa diversos postos como letrada na Asesoría Xurídica da Xunta, entre eles, na asesoría xurídica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e na Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.
- Desde novembro de 2011 ata febreiro de 2013 ocupa o posto de asesora xurídica da Presidencia da Xunta.
- En febreiro de 2013 é nomeada secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar.
- En outubro de 2015 é nomeada secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
- En outubro de 2018 é nomeada secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural.
CONSELLEIRO DE SANIDADE. JULIO GARCÍA COMESAÑA
Nado en 1968, é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten a Especialidade Sanitaria de Radiofísica Hospitalaria, así como un Máster en Administración Sanitaria pola Escola Nacional de Sanidade. A súa formación inclúe o Programa de Dirección Sanitaria (Escola de Directivos Sanitarios de Galicia, Fegas), o Programa de Liderado e Xestión Estratéxica (Instituto de Empresa). Conta, ademais, co Título de Xefe de Servicio de Protección Radiolóxica, outorgado polo Consello de Seguridade Nuclear. É profesor de distintos cursos organizados pola Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria
- No eido da investigación e da innovación participou en distintos proxectos Europeos e proxectos de compra pública de tecnoloxía innovadora. Innovasaude e H2050
- Como Especialista Sanitario de Radiofísica Hospitalaria desenvolveu a súa actividade asistencial nos hospitais Povisa e Meixoeiro, de Vigo, e Vall D`Hebron de Barcelona, entre os anos 1993 e 2005.
- No ámbito da xestión desempeñou o posto de Director de Centro e Director Operativo no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo entre os anos 2005 e 2011.
- Desempeñou o posto de subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de Saúde e a coordinación da Estratexia Galega contra o cancro.
- Foi Director de Procesos Asistenciais da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo.
- Desde xullo de 2019 é Xerente del Área de Xestión Integrada de Vigo despois de selo da de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras.
CONSELLEIRA DE POLÍTICA SOCIAL. FABIOLA GARCÍA MARTÍNEZ
Naceu en Ribeira en 1985. É licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela.
- Desde xuño de 2015 foi primeira tenente de alcalde do Concello de Ribeira, ademais de concelleira delegada de Administración, Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Promoción e Dinamización Económica e Cultura.
- Ao longo da súa carreira profesional formou parte dos gabinetes das consellerías de Facenda, Economía e Industria e Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
- Con anterioridade, traballou en prácticas no departamento de Dereito Fiscal nun despacho de avogados.
- Como formación complementaria, é máster en Dereito Empresarial polo Centro de Estudios Garrigues e diploma en EAP (English for Academic Purposes) pola University College London.
- Desde decembro de 2016 ata setembro de 2018 foi directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade na Consellería de Política Social.
CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL. JOSÉ GONZÁLEZ VÁZQUEZ
Naceu en Ourense en 1970. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1997, ingresou no corpo superior de inspectores de Facenda do Estado, especializado en inspección financeira e tributaria e aduanas e impostos especiais.
- Foi vocal nato do comité e do pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo desde 2009 a 2014; e representante da aduana española en diferentes comités de reforma do código aduaneiro comunitario en 2009. Ademais de membro de diferentes comisións da Autoridade Portuaria de Vigo para a coordinación dos controis do comercio exterior; profesor asociado do departamento de Dereito Financeiro, na Universidade de Vigo, desde 2002 a 2006; e docente especialista en materia de imposto sobre o valor engadido e comercio exterior e en contabilización de impostos.
- Desde 2016, José González Vázquez é deputado no Parlamento de Galicia, onde desempeñou funcións como: voceiro de Medio Rural do GPP; membro da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes; membro da Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos; vicepresidente da Comisión Permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas e membro da Comisión Especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan forestal de Galicia.
CONSELLEIRA DO MAR. ROSA QUINTANA CARBALLO
Naceu no ano 1959. É licenciada en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutora en Bioloxía coa tese ‘Contribución ao coñecemento do desenvolvemento gonadal do mexillón galego cultivado’.
- Comezou a traballar como funcionaria na Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura como inspectora pesqueira
- Ocupou os postos de xefa de sección de Inspección Pesqueira, xefa do Servizo de Marisqueo e de delegada territorial da devandita Consellería en Vigo
- Foi nomeada directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos
- Desde a súa licenciatura ata a actualidade participou como poñente en diversos cursos relacionados co mundo da pesca e publicou distintos traballos, tamén relacionados coa pesca, o marisqueo e a acuicultura
- No ano 2007, participou como experta da Unión Europea na celebración de seminarios sobre lexislación alimentaria na UE para produtos da pesca e acuicultura en Puerto Varas (Chile).
- Desde 2009 a 2012 foi conselleira do Mar.
- Desde 2012 a 2015 exerceu como conselleira do Medio Rural e do Mar, volvendo a ser nomeada como conselleira do Mar en outubro de 2015.