jueves, 1 de octubre de 2020

Feijóo asevera que non se trata de suspender o debate e a controversia en busca dunha imposible unanimidade, senón de protexer un espazo para “o acordo de todos e con todos”

 


Da actualidade de hoxe resalto a inauguración da II edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico.

Este Foro foi inaugurado pola súa Maxestade o Rey e contou coa presenza  do presidente da república de Portugal Marcelo Rebelo de Sousa.

Nel o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou á política capaz de agrupar á cidadanía en torno a obxectivos compartidos para, combinada con medidas inmediatas e de longo alcance, afrontar o reto da resistencia e a reconstrución. “É preciso responder ao día a día, sen esquecer por iso políticas de longo alcance”, matizou, recordando que a política ancorada no perentorio é tan daniña como a que só atende os grandes asuntos.

Feijóo aseverou que non se trata de suspender o debate e a controversia en busca dunha imposible unanimidade, senón de protexer un espazo para “o acordo de todos e con todos”. 

E, nesta liña, destacou que a transición española ofrece tamén neste sentido un exemplo elocuente, xa que boa parte dela discorre en medio dunha “profundísima” crise económica.

Así mesmo, salientou que a apertura deste encontro está presidida por dous xefes de Estado que fixeron da unidade dos seus pobos a súa principal misión; “un é un presidente republicano e outro un monarca constitucional, pero ambos defenden o mesmo: a liberdade, a igualdade e a fraternidade para as súas nacións. Ambos son garantía da continuidade do Estado”, dixo, incidindo en que tanto a democracia portuguesa como a española teñen nas súas xefaturas ese común denominador imprescindible nos tempos que corren.

Diante da situación inédita que estamos a vivir, cunha grave crise sanitaria e económica, Feijóo aseverou que este segundo foro ofrece unha oportunidade para analizar o que sucede á luz da experiencia, coas achegas de mandatarios que compartan vivencias, e tamén de expertos que albisquen as tendencias do futuro. 

“Os testemuños que oiremos nestas xornadas seguro que ampliarán o noso coñecemento e nos permitirán contemplar o que ocorre cunha perspectiva maior que non se limite ao día a día”, abundou.