sábado, 17 de octubre de 2020

En 2019, Galicia tivo un saldo migratorio positivo de 17.747 persoas, e mantén a tendencia de incremento iniciada en 2016

 

Onte o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou os “Indicadores migratorios” que toman como espazo territorial de referencia a comunidade autónoma de Galicia; consideran movemento migratorio interior aquel que teña orixe e destino un concello galego, e movemento migratorio exterior todo movemento que teña como orixe ou destino o resto de España ou o estranxeiro.

Estes movementos clasifícanse segundo xénero, grupos de idade e nacionalidade, e a partir deles calcúlanse saldos migratorios, taxas de emigración/inmigración ou idades medias á migración. Inclúense tamén outras variables relacionadas co fenómeno migratorio, que aínda que non miden directamente movementos migratorios, proporcionan información relevante sobre o seu desenvolvemento, como son as obtidas dos datos sobre residentes estranxeiros en Galicia ou de persoas de nacionalidade española con vinculación cun concello galego residentes no estranxeiro.

Unha migración prodúcese cando unha persoa establece a súa residencia habitual nun territorio, tendo anteriormente a súa residencia noutra demarcación xeográfica distinta. A información sobre este tema procede en xeral de distintas fontes cuxo obxectivo inicial non é medir as migracións e que proporcionan aproximacións á súa cuantificación.

Estos son os principais resultados:

Saldos migratorios

O saldo migratorio (diferenza entre as entradas e as saídas) de Galicia en 2019 presenta un valor positivo de 17.747 persoas, e mantén a tendencia de incremento iniciada en 2016.

O saldo migratorio total por cada 1000 habitantes aumentou nos últimos anos nas catro provincias galegas.

Os concellos galegos que en 2019 presentaron maior saldo migratorio interior (é dicir, o saldo dos movementos con orixe e destino en Galicia) foron Sada (+188) e Oleiros (+168), e os de menor saldo interior en 2019 foron Ferrol (-289) e Lugo (-178).

Os concellos que presentaron maior saldo migratorio exterior (é dicir, o saldo dos movementos con orixe ou destino fóra de Galicia) en 2019 foron A Coruña (+2.861) e Vigo (+2.456); os que rexistraron menor saldo exterior foron en 2019 Oímbra (-27) e Beariz (-19).

Taxas de emigración/inmigración

Desde 2016 a taxa de inmigración (calculada como as inmigracións por cada 1000 habitantes) supera á taxa de emigración (emigracións por cada 1000 habitantes) en Galicia, tomando no ano 2019 os valores de 10,7 saídas por cada 1000 habitantes e 17,2 entradas por cada mil habitantes.

Idades medias

A análise das idades medias das persoas que entran e saen de Galicia reflicte que desde o ano 2017 o proceso migratorio está a favorecer o rexuvenecemento da poboación galega; as idades promedio das persoas que chegan a Galicia é inferior á das que saen. Durante o ano 2019 as persoas que chegaron a Galicia para fixar a súa residencia tiñan unha idade media de 36,1 anos (40,0 anos os españois e 32,5 anos os estranxeiros), e as persoas que marcharon de Galicia unha idade de 37,1 anos (37,9 anos os españois e 35,5 anos os estranxeiros).

Segundo o xénero das persoas migrantes, os homes que chegaron a Galicia en 2019 tiñan de media 35,8 anos, e os que marcharon 37,0 anos. No caso das mulleres, as que chegaron tiñan en promedio 36,4 anos e as que marcharon 37,2 anos.

Poboación estranxeira residente en Galicia

Segundo os datos correspondentes ao 1 de xaneiro de 2019 do Padrón Municipal de Habitantes, a poboación estranxeira en Galicia representaba o 3,7% do total; destas, o 4,2% naceran en Galicia e o 95,0% no estranxeiro.

Por idades, só o 6,3% das persoas estranxeiras residentes en Galicia no 1 de xaneiro de 2019 tiñan 65 ou máis anos de idade

A distribución da poboación estranxeira no territorio galego é desigual: en 2019, a maior porcentaxe de poboación estranxeira (con respecto ao total da poboación municipal) aparece en concellos do sur da provincia de Ourense: Carballeda de Valdeorras (15,5%), Oímbra (13,8%) e Entrimo (12,6%).

Tampouco é uniforme a presenza de poboación estranxeira nos sete grandes concellos de Galicia. No ano 2019, nos concellos de A Coruña, Lugo e Ourense supera o 5% do total da poboación, mentres que no concello de Ferrol a poboación estranxeira supón o 2,6% do total.

Poboación galega residente no estranxeiro

A poboación de nacionalidade española inscrita no Padrón de Españoles Residentes en el Extranjero (PERE), con referencia a algún concello galego no 1 de xaneiro de 2020, vive maioritariamente en países de América, o 77,7%, e de Europa o 21,4% do total. Por grupos de idade, o 30,4% ten 65 ou máis anos, mentres que o 10,0% ten 15 anos de idade ou menos.

En canto ao lugar de nacemento desta poboación galega residente no estranxeiro no 1 de xaneiro de 2020, o 27,5% naceu en Galicia mentres que o 71,6% naceu no estranxeiro.

Tres de cada catro novas inscricións no Padrón de Españoles Residentes en el Extranjero (PERE) de galegos e galegas durante o ano 2019 (recollidas no rexistro na data 1 de xaneiro de 2020) tivo lugar en América, e case o 80% das novas inscricións eran persoas nacidas no estranxeiro. En canto á idade desas novas inscricións, máis do 61% delas foi de persoas menores de 35 anos.

http://www.ige.eu/estatico/html/gl/OperacionsEstruturais/Resumo_resultados_Indicadores_migratorios.html#introduci%C3%B3n