jueves, 8 de octubre de 2020

Feijóo anuncia unha Comisión para planificar e promover os proxectos galegos que optarán aos fondos de reconstrución Next Generation da UE


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves a creación dunha comisión encargada de promover e impulsar os proxectos de Galicia que serán remitidos ao Executivo central para optar aos fondos de reconstrución Next Generation da Unión Europea.

A constitución do órgano aprobada polo Consello é un paso máis nos plans de reactivación económica activados pola Xunta desde a pandemia, e ten por obxectivo “impulsar a recuperación e poñer en valor o potencial de Galicia desde o punto de vista dos recursos naturais, a capacidade das súas empresas e dos centros de coñecemento”, subliñou Feijóo. As partidas Next Generation da UE alcanzan un importe de 750.000 millóns de euros, dos cales arredor de 140.000 está previsto que correspondan a España.

O titular da Xunta defendeu os traballos iniciados desde hai semanas para “estar preparados” ante o reparto dos recursos comunitarios, mesmo antes de que se dean a coñecer o requisitos da Unión Europea, que se divulgarán en xaneiro. Posteriormente, antes de abril do vindeiro ano, a Comunidade deberá enviar as súas iniciativas ao Goberno central para a súa defensa ante a UE.

A comisión estará encabezada polo presidente da Xunta e terá de vicepresidente a Francisco Conde, titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Ademais, nela estarán presentes a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; o conselleiro do Medio Rural, José González; e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e as demais consellería tamén estarán representadas. Ademais, exercerán de coordinadores o director do Igape e o director xeral de Planificación e Orzamentos.

Feijóo salientou que desde a irrupción da crise sanitaria se adoptaron distintas decisións encamiñadas á recuperación económica e social, como a constitución dun comité de expertos económicos, a aprobación dun plan de reactivación dotado con 3.000 millóns de euros con cargo aos Orzamentos da Xunta, e a definición dos tres primeiros proxectos tractores en sectores clave: un centro para fomentar a economía circular, unha factoría de fibras téxtiles sustentables e unha planta de hidróxeno verde. 

Os tres supoñen “un gran investimento desde o punto de vista económico e de creación de postos de traballo”, afirmou o presidente da Xunta.

En adiante, a Comisión encargarase de desenvolver eses e detectar outros plans tractores. Do mesmo xeito, o titular do Goberno galego tamén anunciou a creación dunha unidade de proxectos tractores dentro do Igape, en coordinación coa Dirección Xeral de Orzamentos.

Foro para a reconstrución

Nesta liña, Feijóo deu a coñecer a celebración, este mes, dun foro para a reconstrución ao que están convocadas “todas as empresas, entidades financeiras e profesionais para axudar a concretar proxectos de economía circular, dixitalización, transición enerxética, e infraestruturas sanitarias”. 

O encontro tamén servirá para captar socios industriais e tecnolóxicos e incentivar así a cooperación público-privada na recuperación.