Onte o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacaba a posta en marcha do Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas para manter a actividade económica de máis de 30.000 autónomos e máis de 10.000 microempresas.
Así mesmo, Feijóo destacou que estas axudas complementan ás prestacións que concede o Estado polo cese de actividade como consecuencia da pandemia da covid-19 ao amparo do Real Decreto- Lei 30/2020, de 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego.
Dotado con
máis de 70 millóns de euros ao longo de 2020 e 2021, o titular do Goberno
galego explicou que esta nova iniciativa contará con dúas liñas de apoios para
contribuír ao mantemento do emprego e da actividade.
A primeira
liña, que contará cun investimento de 30 millóns de euros, estará destinada a
30.000 autónomos que poderán percibir: 1.200 euros; ou 2.000 euros, no caso de
que se trate de actividades paralizadas durante polo menos 6 meses ou
especialmente suspendidas, como o ocio nocturno.
Os
traballadores por conta propia que reciban o apoio deberán adquirir o
compromiso de manter a actividade e o emprego como mínimo durante 3 meses. E
poderán optar a esta axuda aqueles que teñan recoñecida a prestación extraordinaria
ou ordinaria por cese e que non superen determinados rendementos netos -alleos
á súa actividade como traballadores autónomos- na declaración do IRPF do ano
anterior.
No tocante á
segunda liña de axudas, a Xunta destinará 40 millóns de euros para microempresas
ou traballadores autónomos con persoal contratado ao seu cargo e que, desde a
declaración do estado de alarma teñan ou tivesen autorizado un ERTE pola
covid-19. Así mesmo, deberán ter declaradas perdas de, polo menos, o 50%
respecto ao mesmo período do ano anterior (setembro 2019-setembro 2020). Neste
segundo caso concederase unha axuda de 4.000 euros que se abonará en dous
prazos.
Feijóo tamén
destacou que se unha persoa traballadora autónoma ten contratados a outros
traballadores autónomos poderá acceder a unha axuda máxima de ata 6.000 euros,
é dicir, as dúas axudas son compatibles entre si.
O presidente
da Xunta aseverou que estas dúas liñas de axudas van dirixidas ás actividades
económicas para as que as medidas sanitarias tiveron unha especial repercusión
e que se corresponden coas pertencentes aos sectores: artes gráficas e
reprodución de soportes gravados; comercios ao retallo (salvo vehículos de
motor e motocicletas); transporte terrestre e por tubaxe; servizos de
aloxamento; servizos de comidas e bebidas; actividades cinematográficas, de
vídeo e programas de TV, gravación de son e edición musical; actividades de
axencias de viaxe, operadores turísticos, servizos de reservas e actividades
relacionadas con estes; actividades de creación, artísticas e espectáculos; e
actividades deportivas, recreativas e de entretemento.
Todos estes
sectores son os que se consideran como os máis afectados pola pandemia no Real
Decreto Lei de medidas sociais en defensa do emprego. O presidente da Xunta
concluíu destacando que unha vez informado ao Consello, esta medida
consensuarase na Mesa do Emprego Autónomo e no seo do Diálogo Social.