O presidente do goberno provincial salientou que Ourense
“conta co goberno da Deputación para protagonizar a recuperación, para estar ao
lado dos sectores da nosa economía como o agroalimentario, o do viño, o
comercio, os autónomos ou a hostalaría, coa confianza, como palabra clave para
a recuperación, porque nada pode analizarse, entenderse ou proxectarse sen ter
en conta o impacto do COVID-19. Nunca transformación tal coñecemos en tan pouco
espazo de tempo”, afirmou.
No debate, Manuel Baltar presentou 14 medidas, a título
persoal, centradas nos ámbitos de medio ambiente, cultura, turismo e deporte,
sectores estratéxicos, emprendemento, universidade, administración e interacción
co cidadán, nun pleno no que se aprobaron un total de 16 propostas de
resolución dos grupos políticos: 10 do Partido Popular, 3 do BNG e 3 de
Cidadáns, referidas a turismo, natureza, equilibrio territorial, cooperación
cos concellos e fondos europeos, tecnoloxía, vivenda e demografía, emerxencias,
seguridade viaria, administración, cultura, maiores e sanidade.
Manuel Baltar dedicou boa
parte do seu discurso ás consecuencias da pandemia. “Vaia por diante o meu
recordo para todas as vítimas -267- e os seus familiares, tamén todo o meu
ánimo para aqueles que están a padecer o virus, facendo de novo un chamamento á
responsabilidade individual no cumprimento dos protocolos hixiénico-sanitarios
para superar esta dramática situación”,
engadindo que este escenario “provoca que, por primeira vez na historia desta
Deputación, esteamos a facer posible esta sesión por videoconferencia,
opción escollida para as xuntanzas de
tódolos órganos colexiados”.
Baltar quixo destacar “a todas as persoas que están en
difícil situación económica e laboral, aos autónomos que xa recibiron unha
axuda directa desta institución, a máis social da historia; unha administración
útil cun aparato administrativo a quen quero agradecer, ao persoal ao servizo
desta deputación, a súa implicación e a súa axilidade na tramitación dos procedementos”,
expresou, e enviou “unha especial mensaxe para o sector da hostalaría e o
comercio, especialmente castigado polas restricións acordadas para reducir os
devastadores efectos do COVID-19”.
As 14 medidas que propuxo o
presidente Baltar son as seguintes:
MEDIO AMBIENTE E INFRAESTRUTURAS
1.- Atribuír a un membro do
goberno provincial as competencias en materia de cumprimento e seguimento da
axenda 2030.
2.-
Proxecto de xestión ambiental integral: a Deputación de Ourense co-liderará un proxecto de economía
circular que, ademais de innovación, crecemento económico e mellora do impacto
ambiental no noso territorio, ofrece unha solución para a xestión de residuos
en liña, con tres ámbitos de actuación: planta de biometanización, planta solar
fotovoltaica e planta de obtención de hidróxeno verde. A Unión Europea ten
instaladas con esta tecnoloxía algo máis de 700 plantas de produción de
biometano, das cales en España hai 5 e en Galicia ningunha. Neste sentido, Manuel
Baltar expresou que Ourense “volverá ser referente en innovación e
aproveitamento dos nosos recursos; o goberno
provincial volve a situarse como actor principal a hora de captar e
facilitar proxectos empresariais no territorio, que fagan que este evolucione
pero sen perder a nosa esencia”. Os datos económicos e socioeconómicos do
proxecto, financiados desde o sector privado, son os seguintes: 21 millóns de
euros, 20 empregos directos e 100 empregos indirectos.
CULTURA
3.- Posta
en marcha da web da cultura de Ourense da man do sector: axenda, axudas,
convocatorias, foros, etc.
4.- Exposicións:
“De Nós a nos”, coa Xunta de Galicia; “Alfonso X o Sabio de Galicia”, co Consello
da Cultura Galega.
5.- Inventariado
e catalogación dos bens culturais da Fundación Santamaría-Temes , 900 pezas que integran os fondos da
colección artística e pictórica de Angelita Varela. A Esta colección poderá ser
visualizada na exposición que patrocinará a Deputación de Ourense.
TURISMO E DEPORTE. OURENSE
COMO SEDE
6.-
Observatorio Mundial do Termalismo.
7.- Implantación
en 2021 do proxecto Destino Turístico Intelixente: “Hai un Ourense para ti. Descúbreo”.
8.-
Centro de interpretación do Camiño de Santiago no edificio de Correos.
9.-
Centro Galego de Tecnificación do Hóckey. En xaneiro celebrarase no pazo dos deportes “Paco Paz” o
Campionato europeo feminino de seleccións.
SECTORES ESTRATÉXICOS,
EMPRENDEMENTO E UNIVERSIDADE
10.-
Maior protagonismo da Deputación e do Inorde en Tecnópole.
11.-
Nova etapa do Inorde, orientado cara á xestión de proxectos para a recuperación,
transformación e resiliencia de Ourense.
12.-
Convenio coa UNED para actividades formativas de asesoramento e investigación
sobre emprendemento rural. Reforza o proxecto EmprendOU, liderado pola Deputación de Ourense, neste
intre con 113 proxectos aprobados en Xunta de Goberno.
ORGANIZACIÓN ADMINISTRATIVA E
INTERACCIÓN CO CIDADÁN
13.- Renovación da web corporativa e do portal de transparencia da institución, seguindo a ser pioneira como coa “Xornada sobre Compliance” que organizaremos coa Fundación Democracia e Goberno Local.
14.-
Potenciar á atención ao cidadán mediante un sistema de cita previa e mesmo por
videochamada. Seguir traballando na
automatización robótica de procesos. Nesa liña estamos a traballar para dotar a
Deputación dun sistema accionable de información (SiaOU) que permita crear e
compartir comunicacións interactivas e actualizables en tempo real, para que os
cidadáns teñan acceso durante as 24 horas ás nosas actuacións, mediante fontes
de información directas, áxiles e nun formato amigable, o que permitirá tamén
que as súas opinións podan ser tidas en conta na construción de novas
propostas.
“Tempo de retos e desafíos”
Manuel Baltar dixo que “é tempo
de falar de retos e desafíos, dos contidos no Plan Ourense 7273, e tempo para
falar da intelixencia do rural, da materia pendente que temos de recapitalizar
o rural, recuperando o seu talento experto. Unha teima na que imos xuntos coa
Universidade de Vigo, co noso Campus de Ourense, como co congreso internacional
que concluíu coa Declaración de Santo Estevo, asumida por entidades nacionais e
internacionais. Falamos dun novo contrato social para o rural”.
“Falamos da política xeral na provincia de Ourense, un
territorio cunha indubidable vocación europeísta. Esas institucións
comunitarias que deben ver a Ourense como un living lab único. Un
proxecto europeo onde esta Deputación participa activamente, máis que ningún
outro goberno provincial de España. Ese traballo en rede que permite, sempre
por elección unánime, que teña a honra de seguir presidindo a Asociación
europea de gobernos provinciais e a Asociación Europea de Cidades Históricas
Termais. Ferramentas como a Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios
onde son o único representante de España e da que son Vicepresidente. E a curto
prazo a entrada desta Deputación no Eixo Atlántico, sen dúbida un excelente
instrumento para seguirmos avanzando na cooperación territorial”, expresou.
O presidente da Deputación
afirmou que a dinámica deste goberno provincial “é construír, facer, erguer,
fornecer, contraposto á actitude destrutiva doutros, aqueles que se levantan
sempre contra alguén ou contra algo. Momento para fuxir daquela perversión que
denunciou Michael Ignatieff –o que foi Líder do Partido Liberal do Canadá- en
“Lume e cinzas”, cando se refería “a descualificación e destrución persoal do
adversario para negarlle o dereito a intervir no debate público”.
Economía
No ámbito económico, Baltar destacou que os trece
documentos elaborados polo OEOU nos últimos sete meses, “marcan desde o
principio as características da crise e os retos que se presentaban no ámbito
sociolaboral en cada momento. A crise puxo de manifesto que a economía ourensá
posuía un extraordinario aliado: unha estrutura económica que a dota dunha
maior resistencia. As rendas dispoñibles e mesmo a ocupación e actividade
deixaron á vista unha capacidade máis inelástica que outras economías, ante
crisis moi acentuadas e bruscas como é a que estamos a vivir”.
“O noso principal propósito a partir de agora será ver
como somos capaces de incrementar a calidade de vida dos ourensáns nese novo
escenario. E na nosa vontade está crear unha administración áxil, adaptativa,
proactiva, transparente e aberta á participación dos cidadáns e a colaboración
cas empresas. Podería dicirse que agora empeza todo”, expresou Manuel Baltar.
Para abordar esta nova realidade salientou que é o
momento de cuestionar algúns dos axiomas. “É o caso da aposta por un
“desarrollismo construido” a partir de núcleos urbanos; a penalización das
transferencias públicas, ou mesmo a asociación dos territorios con baixas
densidades de poboación, coma o noso, con espazos de declive económico. A este
último respecto compre lembrar que con densidades de poboación iguais ou
inferiores á nosa tamén se atopan todas as NUTS 3 da boiante Finlandia (salvo a
de Helsinki), 14 das 21 NUTS 3 da modélica Suecia ou 17 das 19 da puxante
Noruega. A maioría delas teñen densidades por baixo incluso dos 12,5 habitantes
por km2, fronte ós máis de 42 da nosa provincia. Non se trata, entón, de tomar
como referencia aos que son máis, senón aos que son mellores, independentemente
da súa poboación”.
“E o mesmo se podería dicir da poboación pensionista que
aporta cada ano case mil millóns ás rendas dispoñibles da provincia, ou dos
26.000 empregados públicos que nos fan menos fráxiles como sociedade. Ata agora
eran estigmas, pero no novo escenario esa consideración está a mudar e están
pasando a formar parte das nosas máis sólidas posibilidades”, dixo o presidente.
No reto de impulsar a construción dun novo modelo de
crecemento económico, Baltar resaltou “aspectos que deben de ser parte central
do noso traballo para os próximos meses: a fortaleza da estrutura empresarial
da provincia en sectores económicos claves e estratéxicos, como o sector
agroalimentario e o da innovación; aproveitar a Economía Verde vencellando nela
aos grupos empresariais de referencia nacional e internacional asentados na
provincia, tanto no ámbito da construción como da xestión e reciclaxe de
residuos; impulsar un ecosistema para a creación de emprego, integración e
desenvolvemento profesional de traballadores mozos nun sector que rexistrará un
gran crecemento da demanda no futuro; e impulsar un ecosistema de innovación, a
partir de estratexias de colaboración público-privadas que aposten polo
coñecemento existente e pola inmersión en novos saberes aplicados que se
conecten coa agroalimentación e coa economía verde. Temos que ser capaces de
artellar sinerxias entre estos tres vectores e intentar explorar e avanzar en novas
fortalezas”.
E nesta liña citou ao Parque Tecnolóxico de Galicia
(Tecnópole), do que a Deputación é socio, e no que están xa centros de I+D+I
como o Centro de Investigación, transferencia e innovación da Universidade de
Vigo ou o Centro Tecnolóxico de la Carne. “O Parque debe ser chamado a xogar un
papel clave nesta aposta, e nese propósito deberemos reforzar a nosa presencia
e implicación no seu aproveitamento”, remarcou.
Ourense, espazo seguro
O presidente da Deputación dixo que debemos amosar “que
Ourense é un espazo seguro, optimista, diferenciado e competitivo; crear unha
maneira propia de facer as cousas que non sexa peor nin mellor pero que sexa a
nosa. Debemos ser atrevidos, dar pasos, buscar outros referentes distintos aos
que nos trouxeron ata hoxe. Temos que arriscar. E temos que deixar os
pesimismos e lamentos para tempos mellores, porque estes son demasiado malos
para deterse en queixas, e sería irresponsable facelo”.
Un esforzo que tamén debe encamiñarse -dixo- a tirar
proveito da situación transfronteiriza da nosa provincia, cunha maior
participación e presencia no territorio da eurorrexión Galicia-Norte de
Portugal. “Aspiraremos a que Ourense
teña o liderado que lle corresponde nas actuacións relacionadas cos sectores
expostos, e que se porán en marcha principalmente a través dos programas de
financiación incluídos no marco “Next Generatión UE”, e destacou actividades
como a industria do automóbil ou a industria extractiva da lousa, “por ser
sectores sinalados como prioritarios dentro do plan de recuperación económica
Next Generation UE”.
En clave europea, Manuel Baltar afirmou que desde a
aprobación do Plan de recuperación, na xuntanza extraordinaria de xullo do
Consello europeo, “a Deputación de Ourense está a traballar para detectar os desafíos
e aproveitar as oportunidades que nos ofrece,
así como para garantir unha repartición territorial equitativa dos
mesmos, impulsando liñas de traballo que -no Plan de Recuperación e no Pacto
Verde Europeo- permitan mediante o impulso de proxectos público-privados
favorecer o crecemento económico provincial intensificando os procesos de
dixitalización e a aceleración da transición cara modelos económicos máis
sustentables. É un reto de todos traballar para garantir unha repartición
territorial equitativa dos fondos para que as entidades locais xoguen o papel
que lle corresponde”.
Baltar rematou salientando que es profundos cambios que
está provocando o COVID-19 na actividade económica e no mercado laboral “fan
obrigado repensar a situación das economías locais. Pero os efectos da pandemia
non son os únicos que transformarán profundamente o emprego e a maneira de
traballar. Iso ía acontecer de todos modos. O virus só o acelerou”. “As
institucións temos a obriga e a oportunidade de poñernos ao fronte e atopar o
punto de equilibrio entre o que somos e o que nos corresponde ser nestes novos
tempos. A aprendizaxe non debe deterse, tampouco para nós”, concluíu.
Propostas de resolución
aprobadas
O pleno aprobou 16 propostas de resolución dos grupos
políticos. Son as seguintes:
EQUILIBRIO TERRITORIAL
1.- Xestionar diante da Xunta
de Galicia a ubicación na provincia de Ourense de proxectos autonómicos que
opten aos fondos europeos “Next Generation”.
TURISMO DEPORTIVO
2.- Fornecer a posición de
liderado da provincia en deportes náuticos con infraestruturas deportivas en
Laias, Arnoia e Castrelo de Miño coa “Coupe de la Jeunesse” de 2022 como evento
catalizador.
HOMENAXE AO PAI MIÑO NA PROVINCIA TERMAL
3.- Centro de interpretación
do río Miño no Concello de Toén, establecendo conversas coa Confederación
Hidrográfica do Miño-Sil para sumala a este proxecto.
NATUREZA E LECER COMO MOTOR ECONÓMICO COMARCAL
4.- Abrir unha nova etapa de
xestión en Meisa, coa desestacionalización como obxectivo de mellora permanente
e a identificación coa comarca.
COOPERACIÓN COS CONCELLOS E FONDOS COMUNITARIOS
5.- Creación do programa
“Ourense provincia biosostible”, que axudará aos concellos a captar fondos do
programa “Green Deal”, dotado con 1.000 millos de euros
SEGURIDADE PERSOAL E TECNOLOXÍA
6.- Aplicación “VOUCONTIGO”,
para axudar á veciñanza en situación de risco por maltrato, asalto ou agresión
sexual. Ante unha potencial situación de emerxencia ou risco para a vítima, un
grupo de contactos predefinidos da persoa agredida terá coñecemento inmediato
do problema.
VIVENDA E DEMOGRAFÍA
7.- Plataforma informática
provincial, en colaboración cos concellos, como escaparate de vivendas en
disposición de ter vida no rural (para alugar ou vender).
MAPA PROVINCIAL DE EMERXENCIAS
8.- Obxectivo de funcionamento
dos GES: aplicar en 2021 a porcentaxe de financiamento (Xunta de Galicia,
52,5%; Deputación 40%; e concellos 7,5%) aos custos reais anuais.
SEGURIDADE VIARIA
9.- Converter a rede viaria
provincial nunha vía escolar segura (Preto de 30 CEIP teñen acceso directo a
vías provincias).
RACIONALIZACIÓN ADMINISTRATIVA
10.- Metodoloxía “Lean”
aplicada á simplificación administrativa e reenxeñería de servizos da
Deputación, en consonancia cos traballos da carta de servizos e co liderado
nacional en transparencia dos gobernos provincias.
TECNOLOXÍA
11.- Requerir á Xunta de
Galiza e o Estado para tomar as medidas cara a extensión da fibra e/ou redes de
internet con suficiente capacidade para traballar e estudar dignamente no rural
da provincia de Ourense, máis aínda na situación que estamos a padecer.
SANIDADE
12.- Reclamar con maior forza
e urxencia, se cabe, ante a Xunta de Galicia, o mantemento e mellora duns
servizos sanitarios públicos de calidade. Tanto na atención primaria (que debe
voltar a ser presencial en todo aquilo que non sexan meros procesos
administrativos) como na hospitalaria.
PROXECTOS EUROPEOS
13.- Establecemento de liñas
áxiles e abertas de colaboración cos concellos da provincia, que co liderado da
Deputación poidan acceder a fondos e proxectos europeos. O que permitiría a
posta en marcha de medidas de recuperación e colaboración co tecido
socioeconómico de Ourense, de tal xeito que se active e reforce a capacidade
produtiva do territorio nos sectores primarios, industriais e terciarios, con
especial fincapé nos ligados ó comercio e hostalaría que tanto están a padecer
a situación xerada polo Covid-19. E ó tempo, grazas os factores diferenciais
que atesouramos en elementos patrimoniais, culturais e medioambientais poidan
ser un sector clave na ansiada recuperación. Sempre que se establezan proxectos
estratéxicos de desenvolvemento sustentables, acompasados cos fondos europeos
que deben de achegarse prioritariamente a pequenas empresas e autónomos.
CULTURA
14.- Solicitar do Pleno da
Deputación un apoio continuo á cultura e a tódolos sectores que fan posible
calquera evento a través do proxecto “Cultura na rúa”. Programa de organización
de distintos eventos repartidos por tódalas comarcas da nosa provincia durante
os próximos meses.
VIVENDA
15.- Solicitar de novo ao
Pleno da Deputación que acorde a posta en marcha dunha iniciativa piloto dun
proxecto de Cohousing-Vivenda colaborativa nunha das nosas aldeas, implicando a
tódalas Administracións.
TURISMO
16.- Solicitar do Pleno da
Deputación que leve a cabo un proxecto definitivo para a estación de montaña de
Manzaneda. Reestruturación e posta en valor.