martes, 24 de noviembre de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mobilizará en 2021 case 65 millóns de euros na provincia de Ourense


Onte coñecemos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mobilizará en 2021 case 65 millóns de euros na provincia de Ourense,
o que supón un investimento per cápita de 210,6 euros por habitante, segundo recolle o proxecto de Lei de Orzamentos remitido ao Parlamento.

As actuacións en materia de infraestruturas viarias reciben a partida orzamentaria máis elevada, cun investimento de máis de case 37 millóns de euros.

Estas cifras permitirán acometer actuacións para fomentar a mobilidade sustentable, completar a mellora de seguridade na estrada OU-105 en Seixalbo, rematar o acondicionamento da rúa Marcelo Macías, ou a posta en valor da Ponte Vella, todas elas intervencións no concello de Ourense.

A Xunta, unha vez en posto en servizo o acceso ao polígono de San Cibrao dende a A-52, seguirá completando a rede viaria da comarca co impulso do treito entre Bemposta e a estrada N-525 da Circunvalación Leste, para o cal se redactará o proxecto construtivo, con 250.000 euros no Orzamento.

Ademais prevese un investimento de 500.000 euros para impulsar o acondicionamento da estrada OU-540 entre Celanova e a fronteira portuguesa.

O Goberno galego reserva unha partida de case 9 millóns de euros dirixida á seguridade viaria, incluíndo obras de conservación, vialidade invernal, mellora de firmes ou supresión de tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas da provincia.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez tamén executará actuacións no ámbito das infraestruturas sanitarias, cuxos investimentos figuran nos Orzamentos da Consellería de Sanidade. Así, a Consellería de Infraestruturas encargarase de executar o Centro Integral de Saúde de Ourense, para o que se consignan 2,5 millóns de euros. Ademais, proseguirán as melloras nos accesos aos hospitais da área sanitaria da provincia, con 450.000 euros.

Mobilidade

No eido do transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade disporá o próximo ano de 22,6 millóns de euros, dos que 15,3 se destinarán ao Plan de Transporte Público de Galicia nesta provincia, prevéndose a culminación da renovación integral das liñas de autobús dependentes da Xunta.

Ademais, a Xunta reserva unha partida de máis de 2 millóns de euros que posibilitará a posta en servizo da estación de autobuses da intermodal de Ourense.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tamén optimizará estacións de autobuses da provincia e as infraestruturas de transporte no rural, mellorando as paradas e dotándoas de marquesiñas. A este fin destínase un total de 3,2 millóns de euros.

Actuacións hidráulicas

En relación ás obras hidráulicas, Augas de Galicia traballará para lograr unha xestión máis eficiente e en liña coa estratexia de crecemento verde da Unión Europea. Así, reforzaranse os sistemas de abastecemento máis vulnerables, especialmente no rural, para anticiparse ao cambio climático ou á seca.

A este respecto, o Executivo autonómico manterá as axudas aos concellos para que elaboren os seu propios plans de emerxencia fronte á seca e ás comunidades de usuarios para mellorar as súas infraestruturas de abastecemento.

O organismo hidráulico prevé acometer obras de mellora de abastecemento en concellos como Lobios (370.000€) ou no parque empresarial de Vilamarín (220.000€).

Tamén se levarán a cabo actuacións de saneamento en municipios como O Pereiro de Aguiar ou San Cibrao das Viñas.