Hoxe a Xunta lémbroulle ao Goberno de España que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa realizou un completo estudo técnico e económico da Saída Sur de Vigo, cuxo contido puxo á disposición do Ministerio de Transportes o pasado mes de xullo.
A titular da Consellería, Ethel Vázquez demanda por parte do Executivo español unha mostra de compromiso e o impulso decidido desta actuación, que pode cofinanciarse con cartos europeos do mecanismo Conectar Europa ou do fondo de reconstrución Next Generation UE.
Para a Xunta, a Saída Sur de Vigo é unha actuación absolutamente prioritaria e necesaria para a competitividade do Porto de Vigo e de todo o tecido empresarial da área, así como para apuntalar as estratéxicas relacións entre o Sur de Galicia e o Norte de Portugal mediante unha conexión ferroviaria en alta velocidade que permita tempos de viaxe competitivos.
Por tal motivo, o Goberno galego encomendoulle aos maiores expertos autonómicos na materia, a realización dun estudo custo-beneficio da Saída Sur de Vigo e da conexión ferroviaria da terminal portuaria de Bouzas. O resultado dese estudo acredita que se trata dunha actuación cunha enorme rendibilidade económica e social.
O estudo avalía a
viabilidade dunha actuación que, a través dun novo trazado de algo máis de 15 quilómetros,
uniría Vigo coa zona do Porriño, ademais da súa conexión coa terminal portuaria
de Bouzas mediante un novo ramal de 5 quilómetros.
Esa infraestrutura suporía apuntalar a Eurorrexión, dándolle
continuidade ao Eixe Atlántico de forma directa cara a Portugal e cara á Meseta
desde a estación de Urzaiz, como terminal central, intermodal e pasante; e
permitiría eliminar transbordos, acurtar percorridos e tempos de viaxe e
multiplicar o potencial do porto.
O Estudo custo beneficio realizado pola Xunta determina que o
proxecto da Saída Sur e a conexión coa terminal de Bouzas, que suporá un
investimento de arredor de 496 millóns de euros, é sostible desde o punto de
vista económico e rendible desde o punto social, e terá un forte impacto sobre
o emprego e sobre o PIB, tanto durante a súa fase de construción como durante a
explotación.
Concretamente, o impacto na fase de construción estímase en
660 millóns de euros, de xeito directo e indirecto, o que suporá un incremento
do 1% do PIB de Vigo e 590 empregos a tempo completo, de media anual, entre
directos e indirectos.
Unha vez construída, o impacto en termos monetarios será de
528 millóns de euros durante os primeiros 20 anos de explotación, o que suporá
un incremento do 0,3% do PIB de Vigo e 225 postos de traballo a tempo completo
de media anual.
En concreto, o estudo acredita que a Saída Sur acadaría un índice de rendibilidade do 9,73%, case o dobre do requirido para proxectos deste tipo polo ADIF.
O pasado mes de xullo, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Autoridade Portuaria de Vigo remitíronlle conxuntamente ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o estudo realizado, acompañado da demanda dun impulso decidido da Saída Sur e da conexión ferroviaria da terminal de Bouzas.
Trátase de actuacións que forman parte do trazado Noroeste do Corredor Atlántico de Mercadorías e, como tales, poden ser cofinanciadas con fondos do mecanismo Conectar Europa, así como con recursos comunitarios do fondo de reconstrución Next Generation UE.