domingo, 15 de noviembre de 2020

Avanzan as obras do Pavillón Polideportivo dos Remedios

 

O Complexo Deportivo dos Remedios, inaugurado en 1969- lembro perfectamente aquel acontecemento-  é unha instalación municipal referente para a vida deportiva, social e cultural da nosa cidade.

Conta cun amplo volume de utilización, cun rexistro de máis de 40.000 accesos mensuais dotado de múltiples servizos deportivos, dúas piscinas, un spa (piscina exterior), dous pavillóns polideportivos cubertos, un campo de fútbol, un módulo de atletismo, un ximnasio, unha sala de musculación e pistas exteriores.

Debido ao deterioro lóxico que sufriron os seus espazos co paso do tempo e por tratarse dunha infraestrutura referente localizada na entrada principal da cidade, nunha zona emblemática entre a Ponte do Milenio e a Ponte Romana, era moi necesario renovar, adaptar e adecuar o edificio ás novas necesidades implementando esta remodelación estética e, sobre todo, funcional, nun 2019 no que esta instalación cumpriu 50 anos.

Pois ben, as obras de remodelación do Pavillón Polideportivo dos Remedios, iniciadas o pasado 15 de novembro de 2019,  avanzan a bo ritmo na súa fase final de renovación da fachada.Hoxe domingo operarios da empresa adxudicataria traballaban arreo nela.

As obras de remodelación integral do Pavillón dos Remedios son froito dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Ourense e están financiadas integramente polo Goberno galego. Estaba prevista unha duración aproximada de dez meses. A empresa Construccións Alea foi a adxudicataria do contrato cun orzamento de 1.900.449,86 distribuído en dos anualidades, 480.738,17 euros en 2019 e 1.419.711,69 euros en 2020.

Remodelación profunda

O proxecto contempla  unha remodelación profunda, estética e funcional actuando sobre diversos aspectos do complexo deportivo desde a entrada principal ata a pista polideportiva. 

A renovación da fachada principal e a fachada cara á Ponte Romana quedando o conxunto cun aspecto renovado e moderno; a modernización da entrada principal e todas as comunicacións á vez que se garante a accesibilidade de minusválidos a toda a instalación; o arranxo de toda a planta de soto con accesibilidade mediante un novo ascensor, a modernización de case 400 m² de vestiarios e aseos facendo que sexan accesibles a minusválidos; a construción dunha nova planta de 550 m² nunha zona de ximnasio onde se aloxará unha sala nova en planta baixa de usos múltiples e, en planta primeira,unha sala de musculación e outra de actividades dirixidas, todo accesible mediante un ascensor; cambio do recubrimento de chans e paredes na piscina de 50 metros Rosario Dueñas e reordenación dos espazos da piscina de 25 metros Pedro Escudero; así como o aproveitaranse as augas termais para o atemperamento da climatización e para auga quente sanitaria.

Agardemos que pronto rematen as obras, e que a pandemioa da civid-19 dé unha tregua e permita que o pavillón volva a ser o epicentro do deporte ourensán.