O pasado venres foi aprobado o proxecto de lei de Orzamentos para a Galicia do Xacobeo, que son os orzamentos máis altos da historia, con máis gasto social e co maior esforzo investidor para reactivar Galicia.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou a elaboración dos orzamentos nun tempo récord, “en 5 semanas”, de forma que, nun ano excepcional, a previsión -dependendo da tramitación parlamentaria- é que no mes de xaneiro xa estean aprobadas as contas do exercicio 2021. “Os actuais orzamentos acreditaron ser útiles nunha remodelación orzamentaria que fixemos no mes de abril, onde destinamos 3.500 millóns de euros dos orzamentos do 2020 para a pandemia”, destacou, engadindo que Galicia necesita unhas contas pensadas para a pandemia desde o primeiro instante, “e estas estano para facer fronte á pandemia, ao seu impacto nas familias, nos traballadores, nas empresas, nos servizos públicos e na transformación do capital de Galicia”.
O titular do Goberno galego destacou que o obxectivo é
reactivar Galicia. Para iso, dixo, “é necesario garantir a estabilidade do país
durante o próximo 2021”, porque a estabilidade “é un activo económico dunha
extraordinaria importancia”.
Ao longo da rolda de prensa do Consello, Feijóo
recordou que as contas que se acaban de aprobar dispoñen de 11.563 millóns de
euros para dar resposta aos retos que Galicia afronta neste momento, con tres
prioridades: seguir combatendo a pandemia; reactivar económica e socialmente
Galicia; e atender as necesidades das familias, dos traballadores e das
empresas que están en risco laboral medio ou máximo.
Trátase do presuposto que dedica menor gasto para
pagar os xuros da débeda. “Por primeira vez dedicamos menos de 100 millóns de
euros a pagar os xuros da débeda”, salientou, explicando que “Galicia é a
comunidade que menos incrementou a débeda pública nos últimos 11 anos” e que,
por iso, “cada galego e galega debemos 2.095 euros menos que o resto dos
españois só no que se refire a débeda autonómica; e, en dez anos, evitamos
emitir 5.654 millóns”.
Diante disto, Feijóo aseverou que Galicia está na
mellor posición entre as comunidades para endebedarse o necesario para afrontar
a pandemia e as súas consecuencias. Non en van, nun orzamento que medra un 14%,
o capítulo de gasto sen xuros de débeda pública baixa dun 30% en comparación co
exercicio vixente; “é dicir, aforramos 43 millóns nos xuros da débeda pública e
investímolos para producir actividade económica”, aseverou.
“E é un presuposto san porque contraemos o gasto corrente
para incrementar ao máximo o investimento en favor de traballadores, familias e
empresas; en definitiva, en favor da economía real para que incremente o PIB na
comunidade autónoma”, subliñou.
O maior investimento para reactivar Galicia
Por outra banda, o responsable do Goberno galego
salientou que para 2021 impúlsase ao máximo a capacidade para reactivar
Galicia: aumentando un 53,3% os gastos de capital e sobrepasando a cifra récord
de 2.500 millóns de euros, o que significa multiplicar por tres o investimento
territorializado para Galicia previsto no proxecto dos Orzamentos Xerais do
Estado.
Un esforzo investidor que, segundo aseverou, será
clave para que Galicia recupere un forte crecemento da economía en 2021,
estimado nun 8% do PIB.
“E no ámbito do investimento, quixera facer un
apartado específico para o Xacobeo: 61,7 millóns de euros dedicado ao Xacobeo
descentralizado en toda Galicia”, dixo.
Feijóo referiuse tamén ao reforzo histórico do gasto
social e do emprego. Así, Sanidade, Educación, Políticas Sociais e Emprego
disporán de 8.538 millóns de euros, un 11,2% máis, ou o que eu o mesmo, 862
millóns máis que este ano: refórzase con 475 millóns a Sanidade; con 166
millóns a Educación; con 126 millóns as Políticas Sociais; e con 97 millóns o
Emprego.
“Aquí non se soben os impostos, nin ás familias nin
aos traballadores. Aquí o que vimos a consolidar é a rebaixa de impostos que
levamos feita desde o ano 2016. No ano 2021 115.000 familias galegas serán
beneficiadas da consolidación da rebaixa fiscal do Imposto de Sucesións, do
Imposto de Doazóns e dos Impostos 0 no rural, entre outros”, sinalou,
recordando que estas rebaixas xa beneficiaron ao longo destes anos a máis de
535.000 galegos.
Tras o Consello, o titular da Xunta resaltou que as contas
para o vindeiro ano contarán con novos instrumentos e fondos financeiros: un
Fondo Covid, con 503 millóns, co obxectivo de garantir os recursos necesarios
para seguir combatendo a pandemia; un Fondo React-EU, con 430 millóns, que
servirá para impulsar a reactivación económica; un Fondo Consenso de 115 M€,
que constituirá un soporte financeiro para os consensos que se acaden no marco
da comisión parlamentaria de reactivación económica, social e cultural pola
crise da covid-19, do diálogo social e no marco do comité de expertos
económicos; e un Fondo de Garantía de Infraestruturas Sanitarias.
Sobre este último fondo, o presidente do Goberno
galego salientou que estará dotado con 105 millóns en 2021, pero terá un
carácter plurianual para blindar os investimentos necesarios en hospitais e
centros de saúde esta lexislatura.
En definitiva, Feijóo destacou que o Goberno galego vén de aprobar un orzamento que se remitirá ao Parlamento de forma inmediata e que vai permitir ter un orzamento excepcional, o máis alto da historia, anticipando investimentos a exercicios posteriores. Neste sentido, explicou que o orzamento baixará nos vindeiros anos, pero que se incrementa neste 2021 para reactivar a economía.
Ademais, sinalou que se reducen ao mínimo histórico o pago
de xuros pola débeda, que non se soben os impostos para as familias nin para as
empresas, que Galicia terá o maior gasto en investimentos da historia, que se
tentará xestionar un bo Xacobeo 2021 descentralizado nas vilas e nas cidades
galegas e que se porá á disposición fondos específicos e extraordinarios onde
oposición, sindicatos e expertos axudarán a acertar nas políticas de
reactivación da economía galega.
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e
Administración Pública, Valeriano Martínez, explicou que o Goberno galego tivo
que elaborar os orzamentos do vindeiro ano “en tempo récord” para que poidan
entrar en vigor o antes posible e reactivar Galicia.
Ademais, sinalou que estes presupostos extraordinarios
buscan trasladar ás persoas e ás empresas “unha política útil para atender ás
persoas cos recursos necesarios e sen perder o rigor financeiro”.
Trátase, en definitiva, dunha política que non sobe
impostos, que mantén controlada a débeda, que dispón de recursos para combater
a pandemia e aumenta os investimentos, que blinda as infraestruturas
sanitarias, aposta pola dixitalización e transición verde, e atende ás persoas.