O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe o carácter estratéxico do Corredor Atlántico e a conexión de Galicia con Portugal para a Eurorrexión.
“Sería un grave erro para Galicia non incorporarse a
un corredor ferroviario que posibilitaría seguir traballando en produtividade,
en competitividade da nosa economía e tamén coa zona norte de Portugal, que é a
máis rica, a máis próspera e a de maior actividade económica de todo o país”,
subliñou Feijóo durante a súa participación, xunto co presidente da Cámara
Municipal de Porto, Rui Moreira, na primeira edición de Diálogos Gallaecia,
baixo o título Galicia e Portugal, novos lazos.
Sobre isto, o titular da Xunta engadiu que sería “un
grave erro” seguir sen conexión ferroviaria do Porto Exterior da Coruña e sen
unha Saída Sur en Vigo que conecte Galicia con Portugal, polo que agarda que
“se o impulso do Goberno portugués nesta cuestión é un impulso definitivo e prioritario
nos fondos europeos, tamén se animen as autoridades españolas”.
En materia fiscal, lembrou que, co obxectivo de
facilitar o investimento, Galicia está adoptando decisións a través da Lei de
reactivación e da Lei de recuperación da terra agraria, como os relacionados co
imposto de transmisións patrimoniais e co imposto de actos xurídicos
documentados. Ademais, mencionou as decisións dos últimos anos, como foron os
impostos cero no rural ou a práctica eliminación do imposto de sucesións.
Por outra banda, Feijóo gabou a grande ambición neste
eido dos concellos portugueses, que están a dar “unha lección de pragmatismo,
de orientarse cara á inversión”.
Fondos europeos de recuperación
Ao longo do acto, o presidente da Xunta tamén destacou
que os fondos europeos deben investirse en proxectos estruturais, porque
destinalos a iniciativas estéticas suporía perder “unha grandísima
oportunidade”. Así, destacou que se trata da ocasión que ten a economía
española para reactivarse e volver a un PIB previo á covid nos vindeiros anos.
Feijóo subliñou que depende dos estados o reparto dos fondos, pero que as
comunidades autónomas teñen a capacidade de realizar propostas: “Coñecemos o
territorio, a nosa musculatura industrial e as nosas prioridades”. Por iso,
destacou o traballo realizado pola Xunta para detectar máis dun cento de
proxectos no sistema produtivo galego.
Xacobeo 2021
Tras destacar a necesidade de que Portugal tamén poña
en valor o Camiño Portugués ante a celebración do Xacobeo 2021, o presidente da
Xunta asegurou que despois da pandemia, Galicia e o Norte de Portugal “serán
destinos máis interesantes” dada a relevancia que adquirirán o turismo de
natureza, o gastronómico e o cultural; ámbitos nos que existen “activos que
podemos organizar conxuntamente”, aseverou.
Nesa liña, Feijóo insistiu en que “o Norte de Portugal
e Galicia temos unha gran capacidade de atracción turística que, se nos
organizamos e se temos paquetes comúns, podemos ser un potente territorio
atractivo desde o punto de vista turístico”.
Pola súa parte, o presidente da Cámara Municipal de Porto, Rui Moreira, incidiu en que “entre o Norte de Portugal e Galicia o importante será sempre a relación económica, que medrou moito, pero que neste momento necesita de infraestruturas para medrar máis”.