Onte tivo lugar e o acto de presentación das obras de restauración da Catedral de Santiago.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo aseverou que este
proxecto, que comezou en 2009 coa aprobación do Plan director do conxunto
catedralicio, iniciouse como un reto de país e converteuse nun éxito colectivo
tanto a nivel técnico como de xestión. “Un éxito técnico grazas ao labor de
todos os profesionais que participaron nel; e un éxito de xestión grazas ao
impulso conxunto do Arcebispado, o Cabido, a Fundación Catedral, e as
Administracións que unimos forzas”, dixo, incidindo en que este traballo é
resultado dun esforzo constante, diario e colectivo.
Nesta liña, salientou o impulso que en 2015 experimentou este
proceso de conservación, a través dun convenio de colaboración coa
Administración xeral do Estado. “Grazas a este financiamento incluíronse 18
actuacións das cales a maior parte estarán rematadas antes de que acabe o ano”,
aseverou, referíndose tamén ao convenio asinado pola Xunta neste 2020 para dar
continuidade á iniciativa.
Feijóo resaltou que a través das distintas fases recuperouse o
esplendor das fachadas e acometeuse o complexo reto das cubertas; “e no
interior é evidente o resultado dos traballos realizados que recuperaron a luz
e as cores que o tempo escurecera”, dixo.
Se ben a pandemia condiciónao todo, e tamén o Ano Santo que
comezará nuns días, o titular da Xunta asegurou que o Xacobeo 2021 será
distinto a como se imaxinou e preparou, pero seguirá sendo “especial”. “España,
Europa e o mundo están convocados a participar, cos requisitos obrigados polas
circunstancias do momento, no Xacobeo 2021”, remarcou.
O presidente do Goberno galego concluíu asegurando que, ademais da restauración visible, hoxe celébrase outra menos evidente, “pero que podemos percibir todos, cando xa estamos ás portas do Xacobeo 2021”, afirmou, referíndose aos valores que encerran estas pedras e que inspiraron á humanidade que se deu cita nesta catedral.