lunes, 28 de diciembre de 2020

Licitadas obras na estrada autonómica OU-105, na contorna do tanatorio de Ourense, que completan a mellora da seguridade viaria e da mobilidade en Seixalbo

 

Hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación por case 950.000 euros das obras na estrada autonómica OU-105, na contorna do tanatorio de Ourense, que completan a mellora da seguridade viaria e da mobilidade en Seixalbo.

Nunha nota, a Xunta da conta de que “durante a visita que realizou esta mañá ao lugar onde se levará a cabo esta nova actuación, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a titular de Infraestruturas da Xunta detallou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación dos traballos e que as empresas teñen de prazo ata o vindeiro 1 de febreiro para presentar as súas ofertas.

A partir de aí, explicou, realizaranse os trámites administrativos necesarios co obxectivo de iniciar as obras a finais de primavera e telas rematadas a principios de 2022, xa que contan cun prazo de execución de 8 meses.

Magnitude da obra: case 1 millón de euros para actuar en 350 metros

A intervención ten por obxectivo completar a reforma integral da OU-105 en Seixalbo con novos traballos que consistirán na reordenación da sección transversal da estrada para optimizar a circulación dos peóns e do tráfico rodado, actuando nun treito de 350 metros de lonxitude.

Precisamente a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade destacou a “magnitude da intervención”, xa que suporá un investimento de preto de 1 millón de euros, concretamente 975.000 euros, coas expropiacións e servizos afectados, para actuar nun treito de 350 metros.

Executarase unha nova glorieta de 36 metros de diámetro para o acceso á rúa Canizo e tamén se mellorará o acceso ao tanatorio por esa mesma rúa, con carril central de espera para favorecer os xiros á esquerda. Ademais, a rúa Canizo deixarase de sentido único desde o seu inicio ata o tanatorio e de dobre sentido desde o acceso ao tanatorio á nova glorieta.

Ethel Vázquez explicou que os traballos tamén incidirán na mellora da mobilidade, tanto dos vehículos, coma dos peóns. Para iso mellorarase a mobilidade na entrada e saída da rúa Canizo; disporase unha senda na marxe dereita desta rúa ata a súa conexión coa estrada autonómica e habilitaranse beirarrúas, adaptando os pasos de peóns para que sexan accesibles. Ademais, disporase un paso de peóns con iluminación específica e regulación semafórica para dar continuidade aos percorridos peonís e poder acceder á parada de autobuses en dirección a Ourense, ademais de dúas paradas de autobús asociadas aos pasos de peóns. 

Os traballos completaranse coa mellora dos firmes e pavimentos, xunto co alumeado, saneamento e drenaxe, sinalización e balizamento en todo o treito da actuación.

Ethel Vázquez lembrou a intervención xa realizada o ano pasado nun treito de 1,5 quilómetros, entre a zona do tanatorio e O Cumial, na que se executou unha nova glorieta no acceso principal a Seixalbo; se eliminou o terceiro carril para calmar o tráfico e para poder dispoñer dese espazo para carrís centrais e aparcadoiros; se melloraron os pasos de peóns e instaláronse novas marquesiñas para as paradas de bus; se actuou nas beirarrúas e habilitáronse sendas en ambas as marxes, no teito final, incidindo na traza do Camiño de Santiago.

Dúas actuacións de reforzo da seguridade viaria e mellora da mobilidade en Seixalbo que contan cun investimento autonómico conxunto de 1,8 millóns de euros e que, segundo salientou Ethel Vázquez, se veñen sumar a outras actuacións coas que a Xunta contribúe a facer cidade.

Citou, entre outras intervencións, a mellora da avenida Otero Pedrayo, xa realizada; a mellora da rúa Marcelo Macías, que estará rematada en primavera; ou a segunda fase de posta en valor da Ponte Romana, na contorna da capela dos Remedios, iniciada no mes de setembro.

Referiuse tamén á nova estación de autobuses da intermodal de Ourense, que pronto estará finalizada e para a que a Xunta xa ten adxudicada a explotación para os vindeiros cinco anos, e á demolición da vella terminal para liberar o espazo para a construción dunha residencia da terceira idade.

Ethel Vázquez salientou que as obras da Xunta na cidade, en execución ou licitadas, suman un investimento autonómico de 13 millóns de euros.”