"• Tal día coma hoxe, o 21 de decembro de 1980, someteuse
a referendo o vixente Estatuto de Autonomía de Galicia. Remataba, co veredicto
popular emitido aquel día nas urnas, a primeira fase do longo camiño percorrido
por Galicia para dotarse dun marco xurídico sustentador da súa autonomía
política e que en datas posteriores se foi desenvolvendo, paseniñamente, pero
con tanta solidez como nas democracias máis consolidadas.
• Ao lembrar o 40 aniversario da aprobación do vixente
Estatuto de Autonomía rendemos tributo a todas as persoas que se entregaron en
corpo e alma á elaboración deste texto estatutario e sortearon toda clase de
atrancos antes de ser plebiscitado; e homenaxeamos tamén, por suposto, a cantos
ofreceron o mellor de si na conformación das diferentes propostas elaboradas na
década dos 30 do pasado século e que culminaron co referendo estatutario
celebrado o 28 de xuño de 1936.
• Por desgraza, o estourido da Guerra Civil impediu completar
a tramitación daquel estatuto nas Cortes. No entanto, a semente —adormecida
durante a ditadura— acabou por ofrecer o seu froito, aínda que serodio, en
forma de recoñecemento constitucional á nosa condición de nacionalidade
histórica.
• Permítanme que, antes de concluír, convide as súas señorías
a reflexionar sobre o moito que, co concurso de todas e todos, ten
avanzado Galicia, nos diferentes ámbitos, nestes 40 anos de vixencia do noso
Estatuto.
• España e Galicia atravesaron, nestas catro décadas, o
período de maior crecemento económico e estabilidade social de toda a nosa
historia milenaria. Continuar transitando por esta senda para seguir brindando
á nosa xente maiores cotas de benestar é posible, pero tamén é unha obriga
inescusable para todas e todos os que exercemos responsabilidade públicas,
incluídas as persoas que temos a honra de formar parte desta Cámara.
• Se Galicia posúe e exerce unha autonomía plena, coas súas propias institucións de autogoberno —incluído este Parlamento que dentro dun ano celebrará 40 anos de vida— é consecuencia do Estatuto que hoxe conmemoramos. Cómpre recordalo sempre, e moi especialmente no día de hoxe."
Por certo, hai uns días na exposición “Galicia, de Nós a nós” vin este cartel da campaña daquel Estatuto.
Longa vida ao noso Estatuto de Autonomía!