Este luns o Grupo Popular vén de rexistrar no Parlamento galego unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de España que respecte a autonomía financeira e a capacidade normativa en materia tributaria que a Constitución, o Estatuto de Autonomía e as leis lle recoñecen a Galicia. Así mesmo, a supresión do artigo do proxecto de Lei de medidas de prevención e loita contra o fraude fiscal que declara como comportamento fraudulento toda venta dos bens recibidos a través dos pactos sucesorios en vida regulados no Dereito Civil de Galicia, ao considerar que se trata dunha clara e inxustificada vulneración da autonomía competencial e financeira de Galicia.
O portavoz popular, Pedro Puy, explicou que esta proposición non de lei xorde do “debate motivado logo da sorprendente petición dun grupo independentista que apoia ao Goberno central na aprobación dos orzamentos de proceder a unha harmonización fiscal” entre as comunidades autónomas, unha solicitude “claramente dirixida a que a política fiscal de rebaixa de impostos sexa revertida a través dun acordo que se reconduce cara unha comisión bilateral entre Cataluña e o Estado que a nós nos parece moi inapropiada”.
Neste sentido, Puy lembrou que “en Galicia fixemos importantes rebaixas fiscais que contribuíron a dinamizar a economía tras a pasada crise e que mantemos na actualidade porque entendemos que seguen sendo útiles para dinamizar a economía”. En concreto, referiuse á rebaixa do IRPF para favorecer aos que menos tributan e que chegou ao 98,5 por cento dos galegos; a exención do imposto de sucesións para as transmisión de pais a fillos ou entre cónxuxes, ata o tope de un millón de euros, e que beneficia ao 99,6 por cento dos contribuíntes; e outras rebaixas fiscais selectivas que na súa meirande parte favorecen a colectivos sociais ou ao rural galego.
Pedro Puy manifestou que estas rebaixas fiscais “foron avaliadas polo último proceso democrático e están funcionando ben desde o punto de vista económico”, polo que considerou que “con esa pretendida harmonización fiscal existe o risco de alterar decisións que, de acordo coa Constitución, o Estatuto de Autonomía e coas leis que regulan a capacidade financeira das comunidades autónomas, estamos lexitimamente a exercer”.
FALTA DE RESPECTO AO DEREITO CIVIL GALEGO
Así mesmo, o portavoz popular recordou que “en Galicia tivemos un grave problema de falta de respecto ao noso Dereito Civil que prevé os pactos sucesorios en vida”. Deste xeito, explicou que no Dereito Civil de Galicia se recoñece a posibilidade de practicar os pactos de apartación e mellora que permiten a recepción dunha herdanza en vida do causante. “Son herdanzas que en vida permiten aos fillos independizarse ou poñer en marcha un negocio cando os pais lles transmiten hereditariamente, pese a non ter falecido, os bens que lle corresponderían na súa herdanza”, dixo.
Porén, lembrou que a Axencia Estatal Tributaria recorreu esta situación e neste Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular que pedía ao Goberno central que deixara de facer unha práctica que claramente ía en contra do exercicio do Dereito Civil de Galicia, recoñecido e amparado pola Constitución e o Estatuto. “O Goberno tivo que ceder xa que o Tribunal Superior de Xustiza doulle a razón a moitos contribuíntes que tributaban por sucesións e non por IRPF, polo que a situación cambiou, ata o punto de que a Administración Tributaria da Xunta computou máis de 135.000 herdanzas en vida desde o ano 2016”, afirmou.
Pedro Puy cualificou de “sorprendente” que o actual Goberno central estea a tramitar no Congreso unha lei de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal pola que se entende que se o fillo que recibe a herdanza en vida transmite os bens que recibiu en herdanza antes de que faleza seu pai, se presume sempre que hai unha operación de fraude fiscal, que obrigaría a tributar polo IRPF. “Iso é un novo ataque á autonomía fiscal de Galicia porque estas transmisións que se fan en vida teñen moito que ver coa existencia dunha rebaixa no imposto de sucesións e ataca á base do noso autogoberno en materia de xurídica”, sinalou.
Diante desta situación, a través do Grupo Popular no Congreso vaise presentar unha emenda solicitando que se elimine esa ficción xurídica pola que se presume que sempre que parte do herdado en vida se transmite hai un fraude fiscal.
A isto, engadirase na proposición non de lei rexistrada polo Grupo Popular no Parlamento de Galicia a solicitude ao Goberno de España de que todas as reformas que afecten ao financiamento autonómico se fagan pola súa canle, é dicir, polo Consello de Política Fiscal e Financeira coa participación das comunidades autónomas, para despois concretarse na Comisión Mixta de Transferencias.
Ademais, pídese expresamente que retire o artigo do proxecto de Lei de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal que atenta contra a autonomía fiscal de Galicia e contra o autogoberno, particularmente nunha cuestión tan específica como é o Dereito Civil propio de Galicia.