Nel, o conselleiro de Facenda e Administración
Pública, Valeriano Martínez anunciou hque a intención da Xunta é que os
proxectos de investimento financiados polo Fondo Consenso se concreten no
primeiro trimestre do vindeiro ano.
Na súa intervención, Valeriano Martínez subliñou que o
Fondo Consenso incluído nos orzamentos do ano que vén está dotado con 115
millóns de euros e permitirá “por primeira vez reservar un soporte financeiro
para os consensos de investimentos” que se acaden na Comisión de reactivación,
no marco do Diálogo Social e nas recomendacións do Comité de Expertos
Económicos de Galicia.
Os Orzamentos do vindeiro ano esgotan o teito de gasto
e acadan os 11.563 millóns de euros, aos que hai que engadir 101 millóns no
capítulo VIII de instrumentos financeiros. Ademais, o gasto en xuros de débeda
sitúase por debaixo dos 100 millóns de euros, o máis baixo desde hai 25 anos
para poder gastar máis nas prioridades dos cidadáns.
Neste marco, Valeriano Martínez explicou que as tres
prioridades destes presupostos son seguir combatendo a pandemia co reforzo da
atención sociosanitaria e da saúde pública; artellar os recursos financeiros
necesarios para apoiar a reactivación económica; e atender a familias, pemes e
autónomos en todas as súas necesidades. “Para poder cumprir estas tres
prioridades, necesitamos recursos para ter capacidade económica e xestión para
optimizar cada euro para executar o orzamento de maneira áxil e eficiente”,
apuntou.
Reforzo extraordinario dos investimentos e do gasto
social
Os Orzamentos de 2021 reforzan o investimento
produtivo con case 2.600 millóns de euros para reactivar a economía e recuperar
o mercado de traballo porque “investir é gastar en xerar riqueza e benestar”,
subliñou o conselleiro.
Este volume de investimentos combinarase cun gasto social récord de 8.540 millóns de euros co obxectivo de reforzar a sanidade, a educación, as políticas sociais e as políticas de emprego. Valeriano Martínez sinalou que “elaboramos unhas contas cun crecemento para estas partidas de 864 millóns de euros, un 11,2% máis que este ano”.
Sen subir impostos
En materia de política fiscal, o conselleiro de
Facenda e Administración Pública explicou que as contas do ano que vén non
suben os impostos nin ás familias nin ás empresas e consolidan as maiores
rebaixas fiscais aprobadas nos últimos anos pola Xunta de Galicia. Deste xeito,
o vindeiro ano, máis de 115.000 familias beneficiaranse de novo das rebaixas de
impostos aprobadas polo Goberno galego desde 2016.
Á súa vez, a Xunta ampliará de novo o volume de beneficios fiscais ata os 472 millóns de euros, o que supón un incremento de 24 millóns con respecto ao ano 2020. Os beneficios fiscais inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta de Galicia decide non percibir para que revertan principalmente ás familias e aos fogares, case o 95% destes beneficios fiscais son de carácter social.
Catro novos instrumentos
A principal novidade dos Orzamentos de 2021 é que
Galicia disporá de catro fondos que lle permitirán contar á súa vez con novos
instrumentos para mobilizar importantes volumes de recursos e acometer os retos
aos que se ten que afrontar a comunidade galega.
Ademais do Fondo Consenso dotado co 1% do gasto non
financeiro dos Presupostos para financiar os proxectos de investimento
acordados no marco da Comisión parlamentaria de reactivación económica, cos
axentes sociais e cos expertos económicos de Galicia, os orzamentos de 2021
inclúen o Fondo Covid dotado con 503 millóns de euros destinados a seguir
combatendo a pandemia, o fondo REACT-EU con 430 millóns para impulsar a
reactivación económica e o emprego; e o Fondo de Garantía de Infraestruturas
Sanitarias dotado con 105 millóns no ano 2021 para financiar durante toda a
lexislatura a construción e reforma de infraestruturas sanitarias e mellorar o
grandes centros hospitalarios, os hospitais comarcais e os novos Centros
Integrais de Saúde en atención primaria.
En definitiva, os presupostos de 2021 son os
orzamentos máis altos da historia, co menor gasto en xuros, cun volume de
investimentos histórico, cun reforzo récord do gasto social e sen subir
impostos. #galicia_reactívase