“Hoxe estamos aquí porque render contas é fundamental sempre”, subliñou durante o encontro de traballo con motivo dos 100 días do actual Goberno galego.
Aínda que a xestión da pandemia está a esixir a meirande parte do tempo, o esforzo e os recursos, Feijóo aseverou que o Executivo non descoida a construción da Galicia do futuro: cun Xacobeo 2021 que, malia todo, seguirá sendo especial e converterá á Comunidade nunha das capitais mundiais da cultura; cuns servizos públicos cada día de maior calidade, coa OPE máis ambiciosa dos últimos 40 anos; co obxectivo de que a igualdade entre homes e mulleres non sexa un soño, e a violencia machista sexa o antes posible un pesadelo do pasado; e cunha Galicia máis cohesionada, coa mellora continua das infraestruturas e conexións de todo o país, e esixindo ao Goberno central que mellore as que lle corresponden.
“A Galicia que pensamos para a vindeira década segue a ser a mesma que antes da covid”, dixo, lembrando que nestes 100 días de goberno conseguiuse presentar 12 novas leis, entre as que se inclúen os maiores Orzamentos da historia.
Unha Galicia construída cos máis pequenos, cos mozos e cos maiores
Ao longo da súa intervención, Feijóo recordou que a Galicia familiar constrúese cos máis pequenos, atendendo ao reto demográfico e impulsando medidas de conciliación. “E por iso arrancamos a tramitación da primeira Lei de impulso demográfico do conxunto de España, con medidas transversais de longo alcance para consolidar Galicia como un bo lugar para formar unha familia”, dixo, salientado, ademais, que o curso que arrancou coa lexislatura é o primeiro no que todas as familias se poderán beneficiar da gratuidade das escolas infantís para o segundo fillo e sucesivos.
Así mesmo, resaltou o maior orzamento da historia da autonomía para mellorar os servizos de axuda ano fogar -máis de 83 millóns de euros- e para a atención á dependencia -máis de 92 millóns- ; e o traballo que se está a desenvolver para acadar un novo modelo de residencias, cunha maior coordinación sociosanitaria.
O titular da Xunta referiuse tamén á Galicia moza que cre nunha educación de calidade, referente en equidade e en inclusión; que aposta pola inserción laboral, cun maior desenvolvemento da FP Dual; cunha educación superior á que poida acceder todo o mundo, cunha reiterada conxelación das taxas universitarias; na que o galego e o castelán son linguas vehiculares e na que se respectan os diferentes modelos de escolas.
“E a Galicia moza cre firmemente nunha cultura propia, viva, de prestixio e aberta”, engadiu, destacando o incremento dun 55% dos orzamentos en política lingüística, para seguir promocionando o seu uso e coñecemento, sobre todo, entre os máis novos.
“Unha cultura con memoria, coa que lideramos a recuperación do Pazo de Meirás e queremos convertelo nun Faro da Igualdade para Galicia, para España e para Europa”, engadiu, destacando tamén a reinauguración da Catedral de Santiago, 800 anos despois da súa construción ás portas do Ano Santo.
Unha Galicia máis verde cun rural máis produtivo e cun mar máis azul
Para acadar unha Galicia máis verde, Feijóo destacou a aposta por un rural máis produtivo: cun Plan forestal 2020-2040, cunha nova estratexia do sector lácteo ou coa posta en marcha da Lei de recuperación de terra agraria. E tamén cun mar máis azul, co desenvolvemento do Plan de loita contra o lixo mariño; co desbloqueo administrativo da dragaxe da ría do Burgo; e coa próxima presentación da app e da páxina web da Rede de observadores do medio mariño galego.
Nesta mesma liña, destacou o impulso lexislativo en materia de medio ambiente e de urbanismo, para adaptalo ás novas necesidades e ao futuro. Así como outras accións clave como as melloras na xestión da auga, coa cooperación cos concellos para os seus plans de emerxencia contra a seca; e a posta en marcha de tres novas plantas de compostaxe de Sogama, das que nestes meses se licitou o proxecto básico para a execución da primeira, en Vilanova de Arousa.
Unha Galicia máis investigadora para acadar unha Galicia máis innovadora
Logo da aprobación da Estratexia dixital de Galicia 2030, do impulso a unha administración máis dixital e do lanzamento do programa Conecta Hub, o titular da Xunta incidiu en que acadar unha Galicia máis innovadora implica apostar por unha Galicia máis investigadora.
Para conseguir este obxectivo destacou a creación da primeira Comisión interdepartamental para apoiar todas as iniciativas en materia de I+D+i; a activación da primeira incubadora dirixida ao descubrimento de novos fármacos contra o cancro; ou a captación de novos investigadores dentro do programa Oportunius.
Neste sentido, referiuse tamén a dous novos centros de fabricación avanzada relacionados coa industria láctea, que veñen a sumarse aos cinco aprobados en xuño; e á ampliación dos recursos para o Programa Fábrica intelixente e a mellora dos centros tecnolóxicos de Galicia.
Feijóo concluíu recoñecendo que “a única honra maior que servir a Galicia, é servir a Galicia cando máis o necesita”.