Hai dous días o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelaba ao novo Plan de investimentos conxuntos 2021-2027 para relanzar unha Eurorrexión máis competitiva, máis ecolóxica, máis social e máis cohesionada tras a pandemia.
Foi logo
dunha reunión co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento
Rexional do Norte, António Cunha, na que Feijóo trasladou a importancia de que
este plan se aprobe no vindeiro plenario da Comunidade de Traballo, no que se
levará a cabo o traspaso de poderes da presidencia rotatoria, que pasará á
CCDR-N.
Durante a
xuntanza, o titular da Xunta destacou tamén o traballado levado a cabo por
ambos territorios para reactivar a cooperación transfronteiriza, cun plan de
reactivación da cooperación de proximidade para fortalecer esta área, que
inclúe adicionalmente propostas concretas, susceptibles de ser incluídas nos
fondos de recuperación europeo, por valor de case 29 millóns de euros.
Así mesmo,
Feijóo defendeu o desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias e viarias
que unen a ambos territorios. Ao respecto, valorou a aposta do Goberno
portugués pola conexión por AVE entre Vigo e Porto, cun plan de investimentos
para executar unha nova liña de alta velocidade no seu territorio.
“Esta decisión
do Goberno portugués supón un espaldarazo para as propostas da Xunta no que se
refire ao Eixo Atlántico e ás propostas referidas ao Corredor Atlántico, onde a
gran infraestrutura é a conectividade de Vigo como estación pasante ata a
fronteira portuguesa, que ten un custo aproximado de 550 millóns de euros”,
aseverou.
Por outra
banda, e no tocante ás infraestruturas viarias, o responsable do Executivo
galego avogou por seguir traballando en tres liñas de actuación: a
rehabilitación da ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monçao; o
acondicionamento da estrada OU-540 entre Celanova e a fronteira portuguesa, un
proxecto que beneficiará aos 7.000 veciños da Baixa Limia que diariamente
transitan por esta vía; e a conexión por autovía entre o norte de Portugal e a
estación do AVE á Gudiña.
En relación
a este último punto, salientou que a Xunta, a Deputación de Ourense e os
concellos fronteirizos impulsaron unha declaración institucional para demandar
que os gobernos de España e Portugal aposten por unha nova conexión de autovía
entre Macedo de Cavaleiros e Vinhais coa A-52 e a estación de AVE na Gudiña.
Unha infraestrutura importante para reforzar a competitividade Galicia-Norte de
Portugal e para facilitar o acceso á autovía das Rías Baixas e ao AVE Madrid-Galicia.
Por último,
o presidente da Xunta incidiu na oportunidade que supoñen os vindeiros anos
santos e avogou por seguir poñendo en valor o Camiño Portugués, que nos últimos
once anos é a ruta xacobea que máis creceu en peregrinacións.
Ademais de formular
os retos de futuro, o responsable do Goberno galego e António Cunha
aproveitaron a xuntanza para facer balance da dilatada experiencia de
cooperación. Así, grazas á esa intensa cooperación, a Eurorrexión Galicia-Norte
de Portugal é a primeira en captación de investimento dentro do programa
Interreg, a través do POCTEP, chegando a captar entre 2014-2020 un investimento
de máis de 131 millóns de euros para 80 proxectos no eido da innovación, da
competitividade empresarial, da xestión dos recursos naturais e da eficiencia
na administración pública.
“Este
balance acredita que somos unha Eurorrexión respectada no Comité de Rexións e
consolidada”, dixo, avanzando que xa se está a traballar na nova convocatoria
do POCTEP, na que Galicia participa en tres candidaturas: Atlazul, co obxectivo
de potenciar a investigación e o aumento das capacidades en economía azul;
Exploraterra, para poñer en valor o patrimonio cultural vinculado á I
Circunnavegación e as Expedicións Marítimas Xeográficas; e Interlumes, para fomentar
a cooperación transfronteiriza na prevención e defensa contra os incendios
forestais.