martes, 19 de enero de 2021

Inaugurada a nova sede do Grupo Cuevas na Cidade do Transporte do polígono de san Cibrao das Viñas


Esta mañá tivo lugar o acto de inauguración da nova sede do Grupo Cuevas, na Cidade do Transporte do polígono de san Cibrao das Viñas. Un cetro loxístico que abrangue unha superficie de 31.860 metros cadrados repartidos en zona administrativa, cámaras de refrixerados, almacenaxe de produto, loxística e carga.

Un acto presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; e no que participou tamén o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o alcalde de san Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández e o director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste, así como directivos e traballadores da compañía e representantes institucionais e empresarias. 

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou e agradeceu o compromiso de Cuevas, cuxa cadea de supermercados prestan servizo a máis de 23.000 habitantes do rural e inviste unha media de máis de 80.000 euros ao día na compra a provedores galegos e en orixe.

Feijóo destacou a aposta do Grupo Cuevas pola internacionalización dos seus produtos, chegando a exportar a 30 países, entre eles, Arabia Saudita, Exipto e Sudáfrica. “Estamos a falar dunha empresa que leva exportando desde hai case oitenta anos”, dixo.

O presidente da Xunta incidiu en que a historia de Cuevas é unha historia de logros e fitos, referíndose, a modo de exemplo, á venda de castaña conxelada a Asia ou á comercialización pioneira en España do marrón glacé, nos anos 70.

En relación a este produto, aseverou que a Administración galega seguirá impulsando esta especie con actuacións, a través do novo Plan forestal, como: a recuperación de soutos tradicionais en produción; e a creación de novas superficies de soutos para producir castaña e madeira, co obxectivo de xerar 16.000 novas hectáreas en 20 anos. Todo isto baixo a previsión de elaborar en 2025 o Plan estratéxico do castiñeiro de Galicia.

Feijóo concluíu subliñando que as novas instalacións de Cuevas están situadas no Polígono de San Cibrao da Viñas, o gran pulmón industrial da provincia, no que están asentadas máis de 450 empresas e máis de 8.500 empregados. Un polo importante no que a Xunta executou melloras recentes, como a conexión coa A-52, e que seguirá impulsando coa ampliación en máis de 420.000 metros cadrados do polígono; un proxecto que conta nos orzamentos deste ano cunha partida para avanzar nel.

O presidente da Deputación Manuel Baltar destacou “a gran capacidade empresarial do Grupo Cuevas, exemplo –dixo- do seu compromiso de progreso, competitividade e futuro coa provincia de Ourense, sendo ao longo de máis de século e medio de existencia “unha base fundamental da economía de Ourense e de Galicia, e tendo como cerne o concepto de empresa familiar”. 

E salientou que os logros do Grupo Cuevas “son un modelo de xestión, cooperación e innovación, demostrado durante tantos anos, e que está en constante evolución”, remarcando “o labor que neste sentido desenvolve Artur Yuste ao fronte dun excelente equipo humano que fai posible esta exitosa realidade empresarial e de emprendemento na nosa provincia”. 


Parabéns a esta gran compañía ourensá de 154 anos de historia, todo un referente para o sector empresarial galego.