Durante a sinatura, Feijóo aseverou que se dá así un
paso adiante fundamental, consensuando as prioridades co sector e cos
consumidores, dentro do Observatorio Galego de Vivenda.
Estruturado en catro liñas estratéxicas e con preto de
medio cento de accións que combinan medidas implantadas con 12 iniciativas
novidosas, o titular da Xunta subliñou que para acadar todos os obxectivos
prevese un investimento directo duns 433 millóns.
“É dicir, unha inxección importantísima de recursos dirixida a particulares e empresas coa que estimamos unha mobilización de 1.083 millóns de euros entre fondos públicos e privados”, reiterou, asegurando que, deste xeito, contribuirase a manter, aproximadamente, 30.000 postos de traballo e a reactivar a economía tras a incerteza e a actividade por mor da pandemia.
Un novo impulso á adquisición de vivendas protexidas
Dentro da liña estratéxica por facer máis accesible a
vivenda, Feijóo referiuse á posta en marcha de medidas para dar un novo impulso
á adquisición de vivendas protexidas, mediante axudas de ata 20.000 euros para
familias con ingresos inferiores a 4,5 veces o IPREM.
“Deste xeito, acadamos un dobre obxectivo: axudar,
sobre todo aos mozos, a que poidan mercar unha vivenda e reactivar o sector da
construción; e potenciar a promoción da vivenda protexida, cunha mellor análise
dos custos para os promotores, e adaptando os períodos de protección”,
explicou.
Así mesmo, salientou que a Xunta lanzará, tamén, o
alugueiro con opción a compra para menores de 35 anos, de xeito que os donos
poidan incluír esta opción ata o quinto ano, mantendo un prezo establecido, e a
cambio teñan acceso a axudas de ata 8.000 euros. Ademais de impulsar a
mobilización das vivendas baleiras, fomentando o seu arrendamento, con axudas
de ata 8.000 euros para os propietarios, a cambio da cesión en usufruto e a
xestión do alugueiro por parte da Administración autonómica durante 10 anos.
E, para paliar a exclusión residencial, impulsaranse
instrumentos de colaboración entre a Xunta e as entidades de servizos sociais,
para velar pola atención aos colectivos vulnerables.
Rexeneración dos espazos urbanos e compromiso coas
zonas menos poboadas
Dentro da aposta pola rexeneración dos espazos
urbanos, a rehabilitación de vivendas e o compromiso coas zonas menos poboadas,
Feijóo aseverou que o Goberno galego seguirá fomentando a reconstrución de
vivendas en núcleos rurais, mediante incentivos a particulares que sexan
autopromotores de vivendas en concellos con saldo demográfico negativo.
Así mesmo, lanzarase un programa de núcleos rurais en
abandono, para facilitar aos concellos a súa dinamización e posta no mercado,
con axuda de ferramentas informáticas que se porán á súa disposición para dalos
a coñecer. E, seguirase co programa de Áreas Rexurbe –os espazos delimitados nos
que se acometen actuacións conxuntas de rehabilitación e dinamización—, vixente
en concellos como Mondoñedo, A Coruña ou Ribadavia.
Por outra banda, implantaranse medidas como a posta en
funcionamento do rexistro de informes de avaliación de edificios; ou un plan de
cesión e venda de locais do IGVS, para favorecer o seu arrendamento a favor de
entidades sociais sen ánimo de lucro, cun período de carencia de tres anos e
renda limitada durante cinco.
“En definitiva, deseñamos en consenso co sector unha
batería de medidas en todas os frontes, para axudar aos mozos a adquirir
vivendas en concellos de menos 5.000 habitantes ou en centros históricos; con
diversas axudas ao alugueiro; ou cun incremento do 25% das subvencións á
rehabilitación en municipios de menos de 5.000 habitantes”, dixo, a modo de
resumo, referíndose tamén á aposta polo reequilibrio territorial.
Desenvolvemento doutras medidas xa implantadas
Feijóo fixo fincapé en que, ademais das novas medidas,
a Xunta seguirá desenvolvendo medidas xa implantadas como: o Programa Rexurbe,
con 10 millóns de euros para actuacións directas; ou a construción de vivendas
de promoción pública nas grandes cidades, no que se investirán 7,75 millóns
este ano. Así como achegando solo residencial para vivenda protexidas na Coruña
(Ofimático), en Pontevedra (Valdecorvos) ou en Vigo (Navia), cun investimento
neste último de 8 millóns de euros.
Neste mesma liña, recordou que, a partir de mañá,
poderán solicitarse outra vez as axudas do Bono de alugueiro social, que
chegará a, “como mínimo”, 800 familias máis vulnerables, por un período de ata
seis anos.
En total, concederanse 225 euros de axuda cada mes,
outra contía adicional de 600 euros para formalizar os contratos e un
complemento durante todo o ano que cobre o 100% do pago da renda, explicou.
O presidente do Executivo galego concluíu reiterando o
compromiso do Goberno galego cunha vivenda máis accesible, coa rehabilitación e
coa rexeneración dos espazos.