O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, amosou onte o seu optimismo ante a receptividade do presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, aos proxectos galegos que optan aos fondos europeos Next Generation.
Durante
a xuntanza mantida no Palacio da
Moncloa, Feijóo trasladou todo o traballo feito pola Comunidade, con especial
fincapé nos proxectos tractores que xa se coñecen, relacionados coa construción
dunha planta de produción de fibras téxtiles; coa posta en marcha dunha planta
de economía circular para a xestión de residuos orgánicos; co impulso do polo
aeroespacial de Galicia; co proxecto da automoción galega; e coa fabricación de
vacinas nos laboratorios Zendal. “En definitiva, estamos a falar duns proxectos
que suporán uns 17.000 novos postos de traballo”, aseverou.
“Ao
presidente o que lle pedín é obxectividade no reparto dos fondos, concorrencia
competitiva nos proxectos e el aseguroume que vai haber esa concorrencia
competitiva nos proxectos dos fondos Next Generation”, sentenciou.
Se ben valorou a resposta da UE, a través dos fondos
Next Generation, e do propio Goberno, cos complementos adicionais ao sistema de
financiamento autonómico, Alberto Núñez Feijóo expuxo tamén o gran esforzo
orzamentario que as comunidades están facendo ante a pandemia.
Ao respecto incidiu en que o diñeiro dos fondos ás
comunidades se reparta cun criterio coñecido: “Trasladei a necesidade de
ponderar este reparto e de non romper o sistema de financiamento que temos”,
abundou, recordando, ademais, que “moitas comunidades tivemos que denunciar o
impago do IVE e tamén os incumprimentos dos convenios que tiñamos as que
estabamos dentro da estabilidade orzamentaria”.
Compromiso coa AP-9 e coa chegada do AVE
Durante a xuntanza, centrada especialmente na xestión
da pandemia e nas súas consecuencias sociais e económicas, ambos abordaron
outros asuntos prioritarios para Galicia.
Así, en materia de infraestruturas, Feijóo valorou o
compromiso do presidente do Goberno coa AP-9, en relación coa baixada de peaxes
con cargo a unha partida de 50 millóns de euros, incluída nos orzamentos do
Estado.
E tamén plantexou o levantamento da peaxe entre Vigo e
Redondela, “comprometida desde fai moito tempo”, lembrou, e insistiu na
transferencia desta infraestrutura á comunidade autónoma. Ao respecto, o
presidente do Goberno trasladoume que esa é unha unanimidade dos grupos
parlamentarios e, polo tanto, entende que así debe facerse”, matizou.
No tocante ao AVE a Madrid, Feijóo destacou o
compromiso de Pedro Sánchez de que “o AVE a Galicia estea en servizo no segundo
semestre do 2021”. E, a maiores, tamén abordaron a necesidade de levar a cabo o
acceso ao porto exterior da Coruña e a saída Sur de Vigo, “dúas infraestruturas
estratéxicas” para o Corredor Atlántico de mercadorías; así como de retomar o
AVE Lugo-Ourense, que acumula grandes atrasos.
Reconsideración da taxa de reposición
Entre as cuestións relativas á pandemia, o responsable
do Executivo galego propuxo que se valore e reconsidere a taxa de reposición
nas ofertas públicas de emprego, cando menos no ámbito sanitario. “É o mínimo
que podemos facer polos profesionais da saúde”, engadiu, resaltando a
disposición do presidente do Goberno de avaliar esta cuestión no ámbito do Consello
Interterritorial.
Por outra banda, trasladou a posibilidade legal de
ampliar o toque de queda naqueles concellos ou áreas de saúde cunha incidencia
pandémica moi elevada. “Incluso o confinamento domiciliario en concellos
concretos, cunha incidencia do virus moi elevada debería ser un instrumento a
disposición das autoridades delegadas, é dicir, dos presidentes autonómicos”,
precisou.
Así mesmo, avogou por un acordo no Consello
Interterritorial para contar cun criterio homoxéneo sobre o uso das máscaras
FFP2, “ben sexa como recomendación ou excepcionalmente obrigatorio nalgúns
casos concretos”.
En relación ás vacinas, insistiu na importancia de
concretar un calendario vacinal para toda España, así como en que o reparto das
doses se estableza en función da poboación diana que corresponda en cada
momento. E fixo fincapé na idoneidade de contar cunha Lei da pandemia.
Por outra banda, o titular da Xunta expresou o desexo de que a crise industrial que está a padecer Galicia, como consecuencia da transición enerxética, “non a paguen os que non teñen ningunha responsabilidade”. Así, avogou por buscar solucións para As Pontes; a venda de Alcoa a un novo dono que active a única planta de aluminio primario en España; solucionar o problema de Ence e manter a industria, “porque non estamos no momento de destruír postos de traballo”, dixo, referíndose tamén á situación de Meirama.
“Estamos de acordo coa transición enerxética, pero ten
que ser xusta e ordenada”, engadiu, valorando a disposición do presidente do
Goberno sobre estas cuestións.
Así mesmo, Feijóo pediu a implicación do Goberno coa
comarca de Ferrolterra, ante a necesaria carga de traballo para o estaleiro de
Navantia ata que comece a construción das fragatas F-110, co encargo dun buque
de aprovisionamento; e a aprobación da construción do dique seco, para garantir
a transformación a un estaleiro 4.0.