viernes, 15 de enero de 2021

Ofensiva reivindicativa da autovía A-56 entre Ourense e Lugo por parte dos deputados ourensáns e lucenses do PP


Hoxe os deputados populares no Congreso pola provincia de Ourense, Ana Váquez e Celso Delgado, e pola provincia de Lugo, Jaime de Olano e Joaquín García, demos a coñecer por medio dunha nota de prensa que "veñen de presentar un conxunto de preguntas ao Goberno no marco dunha ofensiva parlamentaria coa que van reivindicar a tan necesaria autovía A-56 (Ourense-Lugo), asumindo as fundadas demandas dos alcaldes dos concellos ourensáns e lucenses afectados, así como tamén dos colectivos sociais e empresariales que integran a plataforma da A-56.

A autovía entre Ourense e Lugo está proxectada como un eixo  vertebrador do interior de Galicia, sendo planificada como unha vía de nova construción que parte da autovía Lugo-Santiago en Guntín e chegaría ata a autovía A-52 en Ourense.

O deputado Celso Delgado afirmou que “estamos diante dunha infraestrutura que non somente debe unir dúas capitais de provincia senón que sería o gran eixo vertebrador da Galicia interior que uniría Portugal co norte de Galicia, de España e de Europa”

O 23 de setembro de 2020 tivo lugar a posta en servizo do tramo da autovía A-56 entre A Barrela (Carballedo) e San Martiño (Vilamarín). Un tramo que tivo un longo  e  tortuoso  historial. As obras foron adxudicadas polo Ministerio de Fomento o 12 de agosto de 2008. O 22 de xullo de 2010, o entón ministro José Blanco anunciou a rescisión dos contratos.  Os traballos retomáronse en xullo de 2015, sendo ministra Ana Pastor. Despois se rexistrarían varias complicacións, entre elas un modificado do viaduto sobre o río  Bubal, o que xunto con otros factores implicou unha enorme demora do prazo de conclusión.

Malia a apertura do citado tramo, a preocupación polo futuro desta autovía é notable, tendo en conta a situación na que se atopan o resto dos treitos, confirmado polas nulas ou ínfimas dotacións que o Goberno socialista incluíu na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2021, recentemente aprobada.

No trámite parlamentario, os deputados populares presentaron diversas emendas para elevar as dotacións de diferentes tramos desta autovía, pero foron rexeitadas pola maioría do executivo.

Agora os deputados do PP interpelan ao Goberno para coñecer a situación de todos os  tramos, tanto dos que transcorren pola provincia de Ourense como de Lugo, presentado as seguintes preguntas.

TRAMOS OURENSÁNS.


Cambeo-Sanmartiño. Os deputados sinalan que de executar o  tramo Cambeo-Sanmartiño sería posible conectar directamente a autovía A-56 coa Nacional-540. Trátase dun tramo de 9 quilómetros que precisa dun investimento de 73 millóns de euros e a súa construción é fundamental para dar funcionalidade ao tramo San Martiño-A Barrela Norte, que se acaba de abrir ao tráfico. Por iso preguntan: En que mes de 2021 concluirá o Goberno a redacción do proxecto do Tramo Cambeo-Sanmartiño da autovía A-56, que acumula unha enorme demora? 

A Casilla-Cambeo. Desde fai once anos estase a traballar na redacción do proxecto que vai desde a localidade ourensá de A Casilla ata Cambeo, no concello de Coles. Pero o certo é que non hai avance algún e todo indica que este proxecto está bloquedado a pesar da súa necesidade, xa que de executarse facilitaría a entrada de vehículos á cidade de Ourense, que hoxe se fai por un tramo sinuoso de estrada nacional. Por iso preguntan: En que mes de 2021 concluirá o Goberno a redacción do proxecto do Tramo A Casilla-  Cambeo da autovía A-56, que acumula unha enorme demora?

Quintela-A Casilla. O 4 de marzo de 2019 os deputados populares preguntaron ao Goberno sobre a data na que concluiría a redacción do proxecto de construción do tramo da autovía A-56 ligazón de Quintela coa N-120 ata a ligazón de A Cailla coa N-525. O Goberno respondeu "que o proxecto do tramo Quintela-A Casa atópase nunha fase moi avanzada de redacción e tan só pendente da auditoria de seguridade viaria".

O 21 febreiro de 2020 formulouse unha pregunta idéntica ao Goberno e o 2 de abril de 2020 respondeu “que se atopa en fase de redacción e que non podía dar unha data concreta de finalización destes traballos xa que dependía da supervisión e correccións que puidese ser preciso realizar nas sucesivas versións do proxecto”.

Malia todo, iniciado o 2021 non hai noticias da aprobación do proxecto de construción deste tramo por parte do ministerio, o que evidencia unha enorme desidia e falta de compromiso que se confirmou coa consignación nos orzamentos do Estado para 2021 da ínfima suma de 100.000 euros, que fai inviable a pronta licitación das obras. Por iso preguntan: ¿En que mes do ano 2021 está prevista a aprobación do proxecto de construción do tramo da autovía A-56 ligazón de Quintela coa N-120 ata a ligazón da Casilla coa N-525?

Eirasvedras-Quintela. É un feito obxectivo que un tramo especialmente maduro para licitar as obras é o correspondente á ligazón de Eirasvedras coa  N-120 (punto quilométrico 573,800)–ligazón de Quintela coa N-120 (punto pq. 572,000). Un tramo urbano que de executarse  solucionaría os problemas de circulación nun tramo de alta intensidade de tráfico e que posibilitaría o proxecto municipal de conversión dese espazo da N-120 nun bulevar termal.

Compre lembrar que o proxecto de construción do tramo foi aprobado pola Dirección Xeral de Estradas o 22 de abril de 2019, cun orzamento de licitación de 34,31 millóns de euros. O BOE do 21 de novembro de 2019 publicou o anuncio do ministerio de sometemento a información pública previa á ocupación de bens e dereitos afectados. Un trámite que de ningún xeito condiciona a licitación, pero que xa rematado 2020 segue sen materializarse.

Esta deliberada e inaceptable demora evidencia un notorio desprezo aos ourensáns, indignación que vai en aumento ao comprobar que no proxecto de lei de orzamentos para 2021 o Goberno socialista consignaba para este tramo a ínfima suma de 250.000 euros, que fai inviable a  licitación o próximo ano.

Na Lei de orzamentos de 2018 -co goberno do Partido Popular- este tramo tivo unha partida de 2,5 millóns de euros. No fallido proxecto de orzamentos de 2019, o goberno socialista non fixaba consignación algunha o que provocou o rexeitamento unánime de todas as forzas políticas de Ourense. Para xustificarse, o ministerio dixo o 30 de xaneiro de 2019 que “este proxecto podería estar por tanto aprobado e a continuación ser licitadas as obras en 2019”.

Pero unha vez máis o MITMA incumpriu e as obras nin foron licitadas en 2019 nin en 2020. E agora este ministerio sorpréndenos desfavorablemente nos orzamentos de 2021 cunha consignación ínfima de 250.000 euros, é dicir, dez veces menor que a consignada en 2018.

No trámite parlamentario de emendas o PP tentou incrementar a dotación ata os 4 millons de euros para posibilitar a licitación de obras, pero a proposta foi rexeitada.

É imprescindible que en 2021 o Goberno rectifique e licite as obras deste tramo, e por iso o deputados populares seguirán a insistir e preguntan: ¿En que mes do ano 2021 procederá o Goberno a licitar as obras do tramo da autovía A-56 ligazón de  Eirasvedras coa  N-120–ligazón de Quintela coa  N-120?

TRAMOS LUCENSES.


O 27 de abril de 2010, o Ministerio de Fomento contestaba a unha pregunta formulada polos deputados populares, que se interesaban pola situación administrativa dos proxectos de todos os tramos da autovía A-56. Daquela sinalaban que “os proxectos de trazado de A Barrela-Chantada; Taboada-Narón e Narón-Guntín xa foran sometidos a información pública a efectos da Lei de Expropiación Forzosa e aprobados definitivamente, estando en redacción os proxectos construtivos e pendientes de aprobación”. Engadían que “o proxecto de trazado do tramo Chantada-Taboada fora sometido ao trámite de información pública a efectos da Lei de Expropiación Forzosa, sendo aprobado definitivamente segundo o BOE de 2/6/2009, estando redactado o proxecto construtivo que se aprobou con data 23/10/2009”.

Con todo, máis de dez anos despois, nada se adiantou e todo indica que o MITMA ten totalmente abandoados estes tramos.

Ademais, desapareceron na recentemente aprobada lei de PGE para 2021 as consignacións para os tramos lucenses. Como exemplo do ocorrido no trámite parlamentario desa lei pódese sinalar que os deputados populares pediron explicacións ao Goberno pola non inclusión nos orzamentos de 2021 dunha partida para o intercambiador de Guntín, entre a A-54 e a A-56 e que nos orzamentos de 2018 tiña 2,5 millóns de euros.

O 11 de novembro de 2020, o MITMA respondeu que “para avanzar na redacción dos  proxectos dos tramos pendentes da autovía A-56 Quintela-A Casilla e Cambeo-Sanmartiño, se consignan 200.000 euros. O intercambiador das autovías A-54 e A-56 e a conexión coa N-547 e N-540 en Guntín queda englobada dentro do tramo Guntín-Narón da autovía A-56, cuxo proxecto  require actualización”.

Unha actualización que non acaba de executarse, polo que os deputados do PP preguntan:

 ¿En qué situación administrativa e que previsións ten o MITMA en 2021 para avanzar no tramo da autovía A-56 A Barrela-Chantada?

 ¿En qué situación administrativa e que previsións ten o MITMA en 2021 para avanzar no tramo da autovía Chantada-Taboada, cuxo proxecto construtivo fora aprobado en 2009?

 ¿En qué situación administrativa e que previsións ten o MITMA en 2021 para avanzar no tramo da autovía A-56 Taboada-Narón?

 ¿Qué pasos se deron ata a data e dará en 2021 o Gobierno para actualizar o proxecto do intercambiador das autovías A-54 e A-56 e a conexión coa N-547  e  N-540 en Guntín, englobado dentro do tramo Guntín-Narón da A-56?