Nos primeiros días deste mes a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo un encontro de traballo telemático cos representantes das principais federacións do sector de transporte de viaxeiros por estrada de Galicia: Anetra, Fegabus, Fegatravi e Transgacar. Na reunión tamén participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade compartiu a preocupación trasladada polo sector do transporte de viaxeiros xa que, aínda nos meses coa mellor situación sanitaria, os niveis de demanda dos autobuses mostraron unha recuperación “incompleta” e afastada dos datos previos á covid e agora, de novo, pola situación da pandemia, a caída de usuarios no transporte público en autobús chega ao 80% nalgúns casos.
Por iso, segundo detallou, a Xunta tense dirixido xa ao Goberno de España para solicitar oficialmente o que xa se lle tiña avanzando na Conferencia Sectorial de decembro, para que se estenda a este exercicio 2021 o fondo estatal de compensación ao sector do transporte público de pasaxeiros. Trátase, en palabras de Ethel Vázquez, dunha medida “fundamental” para garantir a supervivencia dun sector que presta un servizo público esencial e imprescindible, que está a ser “duramente castigado” pola pandemia, e unha medida que, ademais, “defenden outras autonomías”.
A
conselleira de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor o esforzo realizado
pola Xunta para achegar, o pasado ano, liquidez ao sector, anticipando, tramitando
e resolvendo coa máxima axilidade o pagamento dos 28 millóns de euros asignados
a Galicia do Fondo estatal de compensación ao transporte público.
A Xunta tamén se comprometeu a analizar as propostas do sector para axustar o nivel de oferta de servizo ás actuais restricións de mobilidade, sempre tendo en conta o requisito de atender axeitadamente as necesidades dos traballadores e usuarios dos servizos públicos.
A xuntanza celebrada este mediodía prodúcese no marco de diálogo permanente que a Administración autonómica vén mantendo coas empresas de transportes, que se ten intensificado desde a irrupción da pandemia pola covid-19.
Ethel Vázquez salientou que a Xunta sempre defendeu o transporte público como un servizo esencial na Comunidade, porque o autobús é o medio polo que miles de cidadáns acceden á sanidade, á educación pública ou cada día aos seus postos de traballo. Por iso, asegurou, desde o primeiro momento o Goberno galego traballou a carón das empresas para poñer en marcha medidas e protocolos para garantir unha mobilidade segura no transporte público, sempre co visto e prace das autoridades sanitarias.
Lembrou, nesta liña, as medidas de prevención e protección da saúde dos viaxeiros e dos traballadores do transporte público, a activación dun protocolo especialmente esixente para os autobuses compartidos entre escolares e maiores, ou a adaptación do aforo máximo dos vehículos á situación sanitaria de cada momento.
Ethel Vázquez agradeceu a responsabilidade e a implicación que, con carácter xeral, mostraron as empresas galegas de transporte no cumprimento estrito das medidas destinadas a garantir a mobilidade sostible, máis tendo en conta que este sector é un dos que está a padecer con máis dureza as consecuencias da redución da mobilidade desde a declaración da emerxencia sanitaria.
Por último, a conselleira referiuse á aposta que a Xunta vén realizando polo sector, completando a implantación do Plan de transporte público de Galicia, coa reordenación integral do sistema de autobuses interurbanos da Comunidade, ao que destina 73 millóns de euros en cada exercicio. Ademais a Xunta traballa para estender a todas as liñas interurbanas a gratuidade do autobús para menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova antes do verán, e ten tamén priorizado a dixitalización e modernización do transporte na solicitude ao Ministerio de fondos europeos do Plan de recuperación, presentando proxectos neste eido que supoñen un investimento de 13 millóns de euros.