lunes, 8 de febrero de 2021

Na presentación da Estratexia Galicia Dixital 2030 Feijóo avanza a posta en marcha dun plan de mellora da eficiencia e calidade dos servizos públicos para facilitar a iniciativa empresarial


Hoxe o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta está a traballar na posta en marcha dun Plan de mellora da eficiencia e da calidade dos servizos públicos baseado na simplificación dos procedementos administrativos.

O obxectivo é "facilitar a implantación de iniciativas empresariais, axilizar os prazos e crear un entorno máis favorable para afrontar a reconstrución económica”, dixo, recordando que ese é o propósito que guía a futura Lei de simplificación administrativa e reactivación económica, que se está a tramitar no Parlamento, coa previsión de que se aprobe neste mes de febreiro.

Durante a clausura do acto de presentación da Estratexia Galicia Dixital 2030, Feijóo subliñou que esta iniciativa ten como finalidade implantar uns servizos públicos acordes ao século XXI, impulsar un marco xurídico adaptado á nova realidade; e aplicar as tecnoloxías disruptivas que terán un maior impacto na economía.

Nesa liña, subliñou que os 7 eixos da estratexia se desenvolverán a través de 20 programas, incluíndo iniciativas que faciliten: o desenvolvemento dun goberno e unha administración intelixente; unha sociedade dixital e inclusiva; o desenvolvemento das competencias tecnolóxicas entre a poboación e tamén no ámbito educativo; e un entorno dixital para saúde e benestar.

Apostarase, tamén, por un territorio intelixente, verde e resiliente, con plans de dixitalización no mar, no rural, así como a xestión intelixente do territorio con mecanismos áxiles de vixilancia e detección temperá de risco; a aposta por unha conectividade avanzada do territorio, que inclúa programas de infraestruturas dixitais e o fomento do transporte sostible; por unha cultura e un turismo na nova realidade, co impulso á Memoria dixital de Galicia e á conservación do noso patrimonio; e por unha economía dixital e sostible, no que se transformará o Servizo Público de Emprego e se fomentará a transición dixital para industria e empresas.

Así mesmo, como eixo transversal, impulsarase a promoción do talento e do emprendemento dixital e a proxección exterior do sector TIC. Non en van, este medrou na Comunidade máis dun 13% desde 2014, chegando a superar as 3.600 empresas, e conta con máis de 24.400 traballadores.

Para traballar en todas estas liñas, Feijóo aseverou que esta estratexia establece unha serie de metas a cumprir na fronteira do 2025, entre as que destacou que o 100% da poboación teña cobertura de Internet de máis de 100 Megabits por segundo (Mbps); que o 70% da poboación teña competencias dixitais básicas; incrementar en 25 puntos o número de persoas que compran a través de comercio dixital, pasando do 50% do 2019 ao 75%; e que a metade das empresas de máis de 10 empregados vendan por Internet.

“E estamos tamén a falar dunha estratexia que servirá para dar un pulo ás novas actividades ligadas ao dixital”, engadiu, referíndose a outros obxectivos como: que o 25% das empresas e o 50% das administracións empreguen tecnoloxías como a Intelixencia Artificial, Big Data, ou Ciberseguridade; ou a que o 20% das empresas conten con persoal especializado neses campos.

Unha mobilización público-privada de máis de 4.000 millóns de euros ata 2027

Ao logo da súa intervención, o presidente da Xunta aseverou que todo iso non sería posible se unha cantidade de recursos á altura deste reto. Así, esta estratexia suporá o maior investimento dixital da historia de Galicia, cunha mobilización público-privada de máis de 4.000 millóns de euros ata 2027.

Serán 2.450 millóns entre fondos da Xunta e os instrumentos de financiación europeos -Next Generation e marco financeiro 2021-2027-, que xerarán un efecto panca para mobilizar máis de 1.600 millóns da iniciativa privada, calculando que “cada euro público terá un retorno de 1,42 euro e iso suporá un impacto na riqueza de Galicia de 3.500 millóns de euros”, aseverou Feijóo.

E ademais, hai que ter en conta outras implicacións importantes que conleva esta aposta como a redución do consumo de papel en máis de 4.100 toneladas; a diminución das toneladas de CO2 emitidas á atmosfera en máis de 94.000; ou un aforro de custos á cidadanía de máis de 27 millóns, grazas á redución de cargas administrativas.

Por último, e de cara a un uso seguro e adaptado á nosa sociedade, a Comunidade elaborará un Código Ético de referencia, para garantir unha dixitalización responsable.