Onte o Instituto Galego de Estatística (IGE) presentou un interesante informe que día que a análise dunha poboación require a elaboración de indicadores demográficos de xeito continuo, para establecer comparacións temporais, que ademais permitan facer comparacións a nivel territorial.
Cada ano o IGE
presenta un conxunto de indicadores demográficos para Galicia, por sexo e ata o
nivel municipal, que achegan información acerca da estrutura da poboación, da
fecundidade, mortalidade e nupcialidade.
Hoxe cito nesta entrada
algúns dos indicadores:
A poboación galega aumentou no ano 2019 un 0,08%, segundo as cifras de poboación obtidas da operación estatística Cifras poboacionais de referencia, rachando así unha serie de taxas de variación interanuais negativas experimentadas nos últimos anos.
A evolución por provincias non foi homoxénea: as provincias da Coruña e
Pontevedra experimentan crecemento da poboación no último ano, pero non así
Lugo e Ourense, onde a poboación diminúe no último ano un 0,43%, e un 0,32%,
respectivamente.
Aínda que en 2019 a
Comunidade Autónoma galega experimente un repunte demográfico, o peso relativo
da súa poboación con respecto á poboación total de España está a diminuír. Se
no ano 2010 a poboación galega representaba o 5,96% da poboación española, no
ano 2020 esta porcentaxe diminúe ata o 5,71%.
En canto á
distribución da poboación de Galicia por provincias, Lugo e Ourense continúan a
perder representatividade mentres que A Coruña e Pontevedra aumentan o seu peso
no total galego.