O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe a liña de alta velocidade entre Vigo e Porto como un obxectivo irrenunciable que permitira reducir o tempo de viaxe a 60 minutos.
Así mesmo, e como
prioridade galega dentro do Corredor Atlántico, Feijóo reiterou a necesidade de
impulsar tamén a Saída Sur de Vigo, que converta a estación intermodal de
Urzaiz nunha estación única, central e pasante. “Se conseguimos a Saída Sur de
Vigo haberá Corredor Atlántico, senón non poderemos sumar as sinerxías co Norte
de Portugal e teremos enormes dificultades para competir no futuro”, aseverou,
incidindo ademais en que esta saída debe incluír unha conexión directa coa
terminal portuaria de Bouzas, para garantir a operatividade e a funcionalidade
intermodal do Porto de Vigo.
Ao respecto,
lembrou que para acreditar a necesidade desta actuación, a Xunta realizou un
estudo completo onde se certifica o impacto económico da Saída Sur e a conexión
do porto de Bouzas: “Mellora o PIB de Galicia, mellora o PIB de Vigo, e mellora
a competitividade da nosa economía e da nosa pesca”, precisou.
Durante o acto de
clausura do foro CoLogistics ‘Vertebración peninsular: Corredor Atlántico e o
desenvolvemento das infraestruturas’, o titular do Executivo galego referiuse
ao outro fito do corredor: a necesaria conexión ferroviaria a Punta
Langosteira. “Estamos a falar de 140 millóns de euros, cando o Adif acaba de
recibir 6.000 millóns de euros dos fondos europeos. Creo que non é pedir
moito”, sostivo.
Ao longo da súa
intervención, Feijóo aseverou que Galicia continuará a ser esixente e
colaborativa. “Non temos outro obxectivo máis que a dignidade ferroviaria en
pasaxeiros e en mercadorías; queremos apuntalar a nosa solidez económica,
loxística e comercial “, dixo, apelando á suma de forzas para afrontar os
desafíos compartidos.
Nesta liña, recordou a enérxica defensa común de Galicia, Castela e León e Asturias para introducir o Corredor do Noroeste nos fondos europeos. “Conseguimos rectificar un erro histórico e, agora, debemos seguir traballando para pasar da planificación á execución”.
“Somos un lugar
xeoestratéxico moi importante para a Unión Europea e necesitamos ser
competitivos para que este lugar xeoestratéxico estea dotado de capacidade de
produción e tractora, desde os portos cara ao interior”, engadiu, solicitando
ao Ministerio de Transportes que nomee un comisionado para o Corredor
Atlántico, tal e como demandou Galicia, “determinante” para poder competir en igualdade
de condicións co Corredor Mediterráneo.
Feijóo concluíu
subliñando que a Comunidade galega seguirá traballando, apostando pola
cooperación, pola suma de esforzos e por conseguir sinerxías, así como
intentando dar estabilidade e seguridade.