viernes, 26 de marzo de 2021

Feijóo destaca que a candidatura galega aos fondos Next Generation conta xa con 354 proxectos "maduros e viables" e cun orzamento estimado de 19.698 millóns de euros


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacaba onte que a candidatura galega aos fondos Next Generation conta xa con 354 proxectos “maduros e viables” e cun orzamento estimado de 19.698 millóns de euros.

Na web da Xunta informase que "Tras a celebración dun Consello monográfico, para abordar os proxectos de Galicia aos fondos europeos de recuperación, Feijóo aseverou que cada un dos 354 proxectos, dos que 247 pertencen ao sector público da administración (o 65,4%) e 107 a sectores económicos e industriais (o 34,6%), reúnen os requisitos necesarios para poder conseguilos.

Así, recordou que se identificaron cinco cadeas de valor, aliñadas cos obxectivos que marca Europa e España, e sobre as que estas iniciativas buscan ter un maior impacto: a economía circular e transición enerxética; a mobilidade sustentable; os hubs de innovación, a industria 4.0 e as TIC; a cadea mar-industria e o agro-industria, para potenciar un crecemento cohesionado; e a sanidade, os modos de vida saudables e a nova economía dos coidados.

Nesta liña, e nun primeiro termo, o titular do Goberno galego aseverou que a Estratexia Next Generation Galicia ten como un dos seus grandes obxectivos a recuperación e o crecemento do tecido empresarial, buscando potenciar ás pemes e micropemes, que supoñen o 96% do total das empresas, na captación dos fondos. Unha idea que casa con outra das claves sobre as que se apoia a estratexia: a colaboración público-privada.

Sobre este aspecto, Feijóo salientou o traballo desenvolvido pola Xunta para crear contornas colaborativas e incentivar a participación da iniciativa privada, a través de mecanismos como a Sociedade Impulsora.

Como terceiro punto, subliñou que nesta estratexia a I+D+i concíbese como un elemento transversal a todos os proxectos, “xa que hai que ter en conta que estamos falando de obxectivos compartidos que transcenden sectores, a transición dixital, a transición ecolóxica ou reindustrialización”, precisou.

Como cuarto obxectivo, Feijóo aseverou que os fondos Next Generation son unha oportunidade excepcional para redefinir un novo modelo económico máis dixital, máis sustentable e máis resiliente. “Non só estamos vivindo unha era de cambios, senón un cambio de era” dixo.

Nese sentido, salientou que estes fondos poden ser unha vacina económica contra a pandemia para volver a unha senda de crecemento e de creación de emprego que abandonamos en 2019.

Así mesmo, avanzou que na reunión de mañá trasladará o informe avaliado no Consello da Xunta e o traballo realizado aos responsables dos partidos da oposición. “Levamos desde outubro abertos a coñecer as súas propostas e espero que con este informe que presentamos hoxe como candidatura galega poidamos pechar a Comisión parlamentaria de reactivación, na que sería unha boa noticia acordar”, abundou.

Finalmente, o presidente da Xunta aproveitou a súa intervención para pedir transparencia e certezas novamente ao Goberno central, así como que se exerza a cogobernanza real previamente comprometida para que as comunidades poidan ter unha participación máis activa. “Pedímoslle ao Goberno que sexa un árbitro imparcial”, sentenciou.

A rolda de prensa continuou coa intervención do vicepresidente económico que expuxo as novidades da candidatura galega, para posteriormente dar paso ao resto de conselleiras e conselleiros que explicaron os principais proxectos da súa área.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, explicou que a primeira cadea de valor, a da economía circular e a transición enerxética, agrupa 126 proxectos, o 36% das 354 iniciativas que presenta Galicia. A segunda, que ten que ver coa mobilidade sustentable, abrangue 32 proxectos, o 9% do total. Á terceira, que engloba os Hubs de innovación dixital, a Industria 4.0 e as TICS, pertencen 56 propostas, o 16%. Á cadea de valor mar-industria, agro industria e ligada ao crecemento cohesionado, forman parte 71 proxectos, o 20% do total. E, finalmente, o eido sanitario, os modos de vida saudables e a nova economía dos coidados son os ámbitos de actuación de 69 iniciativas, o 19%.

Conde precisou que os proxectos que promove a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, baséanse en catro retos: a transición ecolóxica, a transformación e modernización empresarial, a competitividade das pemes e a captación e retención de talento.

Como principais iniciativas que está a impulsar a Vicepresidencia económica citou a de converter o hidróxeno verde nunha fonte de enerxía alternativa en Galicia promovendo a instalación de plantas de produción. Unha delas, proxectada nas Pontes, de 50MW ampliables ata os 100MW. Tamén mencionou os 1000MW de enerxía eólica e solar que se prevé desenvolver en Galicia como nova potencia renovable. Ambas as dúas iniciativas forman parte do Polo para a Transformación de Galicia.

Xunto con estes proxectos, desde a Vicepresidencia económica tamén se van promover iniciativas para impulsar o sector da biotecnoloxía e consolidar un ecosistema de I+D+i para o descubrimento e desenvolvemento de fármacos como, por exemplo, o proxecto do Grupo Zendal, que conta coa colaboración da Xunta. Ademais, destacou o Polo Aeroespacial de Galicia e o apoio para a dixitalización das pemes, como outros dous proxectos tractores que vai apoiar o seu departamento.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou pola súa banda que os fondos Next Generation son unha oportunidade crucial para a cadea mar-industria de Galicia no contexto actual de alerta sanitaria polo coronavirus e lembrou que o sector -que dá emprego a máis de 40.000 persoas e supera os 8.000 millóns de euros de facturación anual- tivo un papel determinante durante a pandemia para subministrar alimentos de calidade a cidadanía.

Por iso, apostou por dirixir os fondos a adaptar o sector aos retos da actividade extractiva e comercial dos produtos do mar con iniciativas baseadas na modernización e na sustentabilidade económica, social e ambiental da produción. Nesa liña, a Consellería do Mar traballa en proxectos como aumentar a capacidade de produción de semente de moluscos bivalvos, a adecuación da comercialización ás novas demandas da sociedade -aproveitando os pasos dados na dixitalización e na trazabilidade- e en afondar na recollida de lixo mariño e a súa valorización. Trátase de iniciativas que se coordinan coas do propio sector para acadar un tecido produtivo moderno, sostible e que fomente a cohesión social.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, destacou como grandes obxectivos de cara á recuperación do rural galego acadar unha xestión forestal sostible para anticiparse aos incendios forestais, a recuperación da terra agraria, a mellora das explotacións agrogandeiras e a loita contra o despoboamento.

Nesa liña, o conselleiro aludiu aos grandes proxectos do seu departamento para facer fronte aos efectos da covid-19. Así, José González referiuse ao proxecto de biofábrica de fibras téxtiles sostibles que ten como finalidade pechar o ciclo da transformación da madeira en Galicia incidindo na multifuncionalidade e na biodiversidade do noso monte, así como á implementación dos instrumentos recollidos na futura Lei de recuperación da terra agraria -actualmente en tramitación no Parlamento-, para poñer a producir 18.000 hectáreas de terra abandonada e promover 200 aldeas modelo.

Para concluír, anunciou que onte mesmo se lanzou a convocatoria de Manifestación de interese de proxectos autonómicos, coa finalidade de incorporar aos proxectos tractores de Medio Rural as iniciativas de pequenas e medianas empresas do sector primario e agroalimentario galego.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que os fondos europeos supoñen unha oportunidade histórica para reforzar, modernizar e ampliar o sistema de coidados. As propostas de Galicia permitirán traballar en cinco retos: o novo modelo de residencias, o apoio ás persoas maiores que viven soas, o acompañamento das persoas con menos recursos, as oportunidades para os menores máis vulnerables e a vertebración do territorio galego desde un punto de vista social.

Para afrontar estes desafíos presentáronse unha trintena de proxectos candidatos aos fondos europeos. A conselleira destacou dous: a transformación dos centros de servizos sociais para menores, maiores e persoas con discapacidade; e o impulso do rural como escenario para o envellecemento activo e a inclusión social a través de proxectos de cohousing e de integración de 400 familias en risco de exclusión.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou dous proxectos prioritarios para poder desenvolver desde o sistema sanitario galego terapia celular avanzada e protonterapia, dous tratamentos de alta eficacia contra determinados tipos de cancro e que permitirán a Galicia ter a infraestrutura e a loxística para avanzar no desenvolvemento da medicina personalizada para outras patoloxías e converterse en referente do noroeste peninsular para estes tratamentos.

Avanzou, tamén, a intención de utilizar os fondos Next Generation para xerar a infraestrutura big data que permita o traballo en rede de todos os profesionais do Sergas a xeito dun centro sanitario único, facilitando tamén que esta inxente cantidade de datos, convenientemente anonimizada, poida utilizarse no deseño de políticas sanitarias, na investigación e análise de tendencias e mesmo para o desenvolvemento de modelos preditivos e de detección precoz de patoloxías.

O desenvolvemento de tratamentos pioneiros, o impulso da investigación e a transformación dixital foron tres dos grandes retos que García Comesaña citou como prioritarios para dirixir os fondos, engadíndose á modernización dos equipamentos sanitarios e á actualización das infraestruturas que permita acelerar os plans directores de varios hospitais e o Plan de Saúde Mental, así como desenvolver un novo Plan de Infraestruturas de Atención Primaria.

Os proxectos presentados pola Consellería de Emprego e Igualdade teñen un reto primordial, segundo afirmou a conselleira María Jesús Lorenzana, o de “impulsar políticas innovadoras, inclusivas e igualitarias centradas na creación de emprego calidade”. Para elo proponse a creación de polos de emprendemento destinados a xerar proxectos no ámbito rural utilizando fórmulas de economía social e microemprendemento autónomo. Galicia dividirase en 12 zonas socioeconómicas nas que se aplicarán sistemas avanzados de análise de mercado para detectar actividades con potencial non cubertas. Os proxectos empresariais xurdidos conforme ás necesidades detectadas estarán acompañados por programas de formación, información e asesoramento e contarán con axudas destinadas a subvencionar os novos negocios.

A consellería tamén incorpora nas súas propostas a creación dun novo Servizo Público de Emprego dixital, accesible e moito mais eficiente e útil, tanto para os traballadores como para os empresarios, que disporá dunha ferramenta de intelixencia artificial e big data para analizar en tempo real as demandas do mercado laboral; así como a Aula Virtual de Galicia, que multiplicará as posibilidades da comunidade autónoma en materia de formación para o emprego.

No eido da cultura e da educación, estes fondos teñen o obxectivo de coidar o legado cultural e patrimonial e preparar os retos educativos das novas xeracións. Isto pasa por afondar na dixitalización do sistema educativo, tanto a nivel metodolóxico como nos equipamentos, así como por unha nova arquitectura pedagóxica na que os centros escolares se adapten ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas poscovid. A transformación dixital da cultura é outro dos grandes piares para propiciar a súa internacionalización, cun hub das industrias creativas, o acceso a toda a cidadanía e o apoio aos novos talentos, en paralelo á decidida aposta na conservación do patrimonio, con especial atención á Ribeira Sacra, os espazos emblemáticos e os castros.

Pola súa parte, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, referiuse á presentación de proxectos para avanzar nos obxectivos colectivos do crecemento verde, a reconstrución económica e a loita contra a despoboación.

Trátase, segundo subliñou, de consolidar unha mobilidade sostible e modernizar o transporte público con solucións innovadoras, ao servizo das persoas e da competitividade económica, coa dixitalización do transporte público, o pulo á intermodalidade e o acceso aos servizos esenciais a través de sendas peonís e ciclistas e con mellores comunicacións para o medio rural.

Ethel Vázquez salientou que tamén é prioritario avanzar no crecemento verde desde unha xestión do ciclo integral da auga máis eficiente e adaptada ás exixencias do cambio climático. Neste marco, impúlsanse proxectos para garantir os servizos de saneamento e abastecemento no rural, reducir o risco de inundacións ou mellorar a conservación dos contornos fluviais e dos seus ecosistemas.

Dentro do Polo para a Transformación de Galicia, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou o Centro para o impulso da economía circular, un proxecto enfocado en catro tecnoloxías de reaproveitamento e valoración de residuos: o procesamento de xurros para a obtención de biometano ou fertilizantes; a clasificación e reciclaxe de residuos para obter, por exemplo, combustible verde ou caucho; a fabricación de fibras téxtiles a partir de lixo mariño; e o tratamento de cunchas de mexillón para a produción de fertilizantes.

Este é o principal proxecto da Consellería, que prevé en total unha vintena. Outros exemplos son a adquisición e rehabilitación de edificios en conxuntos históricos con destino a vivenda en alugueiro; a Plataforma urbanística dixital de Galicia, para a dixitalización da ordenación territorial e urbanística; ou o Proxecto Mil Ríos, nos humidais e corredores fluviais, dentro das 11 actuacións enmarcadas no reto da conservación e restauración de ecosistemas e biodiversidade.

Pola súa parte, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, destacou que a Xunta xa ten experiencia na xestión de fondos europeos e subliñou que “entre 1986 e 2013 xestionamos case 19.000 millóns de euros e actualmente estamos executando o 10% das dotacións de España para o período 2014-2020”.

Sinalou que o Goberno galego está preparado para xestionar os Next Generation a través da nova Lei de Simplificación Administrativa e de Reactivación Económica; do Plan de Mellora dos Servizos Públicos; e habilitando a reorganización do traballo dos funcionarios.

Finalmente fixo alusión a aposta pola dixitalización e entre os proxectos destacou o Plan de Desenvolvemento do marco galego de competencias dixitais; o proxecto Galicia NetLand, para adiantar a cobertura 5G a zonas rurais; e o Plan de Adopción da intelixencia artificial no sector público.

O vicepresidente primeiro subliñou a aposta por potenciar as fortalezas de Galicia e das súas potencialidades. Será así no turismo, ao que se destinan boa parte dos esforzos para crear novos paquetes turísticos, mitigar o impacto da crise no sector e impulsar a iniciativa privada na procura dun modelo sostible e de calidade, con propostas nas que Galicia foi pioneira, como o bono turístico e programas de turismo interno, e outras novidosas para captar visitantes na procura da excelencia.

Nese contexto, o Xacobeo perfílase como motor da recuperación económica de Galicia, de aí que se reforcen as inversións nas rutas do Camiño e da súa contorna, así como os investimentos nos albergues públicos para a súa mellora. A Galicia das novas xeracións ten que ser unha Galicia verde e dixital, polo que tamén se pretende modernizar e dixitalizar a Administración, con especial atención ás infraestruturas xudiciais, e investir en novos modelos de mobilidade. Por último, destacou o reforzo dos vínculos co norte de Portugal a través de inversións na raia e no conxunto da Eurorrexión.