miércoles, 10 de marzo de 2021

Feijóo e o ministro de Transportes acordan deseñar conxuntamente as bonificacións das peaxes da AP-9

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o acordo co ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, para que o Goberno central e a Xunta de Galicia deseñen conxuntamente as bonificacións das peaxes da AP-9.

“Ao que nos comprometemos hoxe é a que a Comunidade poida participar, xunto co Goberno, no deseño das bonificacións das peaxes da AP-9, co obxectivo de que a proposta que se faga á concesionaria sexa unha proposta acordada”, explicou tras a reunión mantida esta mañá no Ministerio.

Sobre este punto, Feijóo recordou que a Administración autonómica ten presentado unha proposta que inclúe, por exemplo, a bonificación do 100% na viaxe de volta; un desconto adicional para os vehículos que completen a volta en 24 horas; rebaixas para familias numerosas e vehículos pesados, ou unha bonificación en horario nocturno.

Así mesmo, sinala o compromiso do Ministerio de aprobar o Real Decreto no primeiro semestre deste ano, para que no segundo semestre poida ser efectiva esa redución das peaxes na Autopista do Atlántico.

Ao longo da súa intervención, Feijóo abundou na importancia de que “o que se faga, o fagamos xuntos, porque o obxectivo é que esta infraestrutura a xestione a Comunidade; e, por tanto, que o que se acorde tanto no tema das peaxes, como en relación ás obras de permeabilidade en Pontevedra, Coruña e Vigo, teñan unha visión conxunta”, aseverou, insistindo en que para o Goberno galego a prioridade é rebaixar as peaxes e, despois, abordar a transferencia.

En relación ao Corredor Atlántico de Mercadorías, o presidente da Xunta valorou a decisión de nomear un comisionado, tal e como solicitou a Xunta.

Feijóo valorou especialmente o compromiso expresado polo Ministro de Transportes de financiar a conexión ferroviaria do porto exterior de Punta Langosteira. E, doutra banda, continuar a traballar conxuntamente na procura de solucións para a situación financeira do porto e para o futuro dos terreos portuarios.

“O porto exterior necesita un ferrocarril”, dixo, valorando o compromiso do Executivo co financiamento desta infraestrutura, clave para o futuro do porto e da cidade, ao tempo que recordou que esta actuación, cun custo de 140 millóns de euros, pode ser susceptible de obter financiamento de fondos europeos.

Sobre a Saída Sur de Vigo, destacou a importancia da vontade expresada polo Ministerio de impulsar a actuación, incluíndo a conexión ferroviaria do porto da cidade.

Por último, o responsable da Administración autonómica constatou que o Ministerio de Transportes mantén as datas anunciadas polo presidente Pedro Sánchez en relación coa posta en servizo do tren de alta velocidade a Galicia a finais deste ano. Non obstante, expuxo a necesidade de abordar tamén as conexións cara a Lugo e Ferrol, así como avanzar no eido das intermodais.

Próxima reunión en abril

Ademais da AP-9, o presidente da Xunta referiuse ao compromiso do Ministerio cos outros dous temas centrais abordados na xuntanza: o Corredor Atlántico e a chegada do AVE a Galicia, despois de anunciar que o resto dos asuntos relacionados co Ministerio referidos a autovías, vivenda, fondos Next Generation ou Xacobeo, formarán parte da orde do día da reunión que ambos manterá en Galicia na segunda semana do 5 de abril.