Outro ano máis as restricións derivadas da pandemia obrigan a que as celebracións litúrxicas de Semana Santa teñan lugar no interior das igrexas, por tanto non haberá procesións para evitar aglomeracións e contaxios de Coronavirus.
Para os que non poidan acudir aos templos da cidade, a alternativa é seguir por televisión as misas desde a Catedral de Ourense.
Lembro agora un Domingo de Ramos como hoxe en 2019 cando tiven oportunidade de acompañar a un gran xentío de ourensáns que se achegaron ata o Parque de San Lázaro para celebrar esta festa relixiosa e tamén popular.
O bispo de Ourense, Don Leonardo Lemos Montanet, bendixo daquela os ramos e as palmas, léronse varias oracións e despois dunhas palabras partiu a procesión co paso da “Borriquiña” polas rúas do Paseo, Lamas Carvajal, Ceano e finalizou na Catedral. Onde de seguido tivo lugar a Santa Misa.
Agardemos que en 2022 volvamos a ansiada normalidade e recuperemos as tradicións.