Hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda respostanndo a unha interpelación no Parlamento de Galicia dixo que seguirá reclamando perante o Estado as competencias que Galicia necesita, pero esixirá que as transferencias cheguen acompañadas da financiación necesaria para asumilas e que o Goberno central salde as débedas pendentes coa comunidade autónoma; entre elas, os 204 millóns do IVE do ano 2017.
Recordou que o Goberno galego nunca deixou de reclamar
as competencias que lle corresponden a Galicia para seguir avanzando no
autogoberno sempre dentro do marco establecido pola Constitución española e
polo Estatuto de Galicia.
Con todo, Alfonso Rueda recordou que Galicia ten hoxe
en día outras prioridades que reclamar perante o Goberno central, como o cobro
da débeda do IVE do ano 2017, os compromisos pendentes coas infraestruturas, o
apoio ao tecido industrial e produtivo e a mellora dos servizos públicos do
Estado na comunidade.
En concreto, o vicepresidente primeiro referiuse no
Parlamento de Galicia á recente sentenza do Tribunal Supremo que deu a razón a
Castela-León na súa reclamación do IVE pendente do ano 2017. Tendo en conta que
Galicia fixo unha demanda similar, Rueda reiterou a necesidade de que o Goberno
central devolva á Xunta os 204 millóns que lle corresponden antes de que se
pronuncien os tribunais.
De convocarse a Comisión Mixta que reclama a Xunta, o
Goberno galego esixirá novas transferencias “sempre que sexan útiles e sempre
que melloren a xestión”, xa que “a clave para mellorar o noso autogoberno non é
ter máis competencias por ter, senón exercer as que se teñen”, indicou Rueda.
Con ese obxectivo, Galicia esixirá a financiación
necesaria para poder xestionar os traspasos, e para iso pediu ao Goberno
central “vontade de diálogo e acordos con Galicia” deixando de lado agravios
comparativos entre comunidades autónomas.
Respecto por Galicia e polo seu goberno
Alfonso Rueda subliñou que para que se dea ese diálogo
ten que haber “respecto” por parte do Goberno central a Galicia, e lamentou
que, en contra dese necesario talante, o Goberno que representa a todos os
galegos non fose convocado á reunión que hoxe mantivo o secretario de Estado de
Seguridade, Rafael Pérez, para acordar o plan de seguridade do Xacobeo 21-22.
“O autogoberno consiste en ser respectados”, recalcou o vicepresidente.
Na negociación dos transferencias, o Goberno galego dará prioridade a demandas
históricas como son o traspaso da AP-9 e o do dominio público
marítimo-terrestre, sen esquecer outras pendentes desde hai máis dunha década
ou as que xurdiron posteriormente.
Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis
traspasos acadados, cun total de 154 transferencias desde o ano 1978.