lunes, 26 de abril de 2021

Ethel Vázquez destaca o investimento simultáneo da xunta de 13 M€ nas infraestruturas da cidade de Ourense e garante que manterá a reivindicación do impulso das actuacións pendentes do Estado

 

Esta mañá a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, Mourelle mantivo un novo encontro de traballo coa presidenta e coa Comisión de Infraestruturas e PXOM da Confederación Empresarial de Ourense (CEO).

Asistín a esta xuntanza xuntanza, na que a Conselleira deu conta dos avances no compromiso adquirido polo Goberno galego, e máis concretamente polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, coas infraestruturas da provincia, para impulsar os investimentos do Goberno galego e defender e reivindicar ante o Goberno de España que se desbloqueen as infraestruturas pendentes do Estado en Galicia.

Destacou o investimento simultáneo da Xunta de 13 millóns de euros nas infraestruturas da cidade de Ourense e garantiu que manterá a reivindicación do impulso das actuacións pendentes do Estado.

A conselleira informou dos progresos na execución dos investimentos do departamento que dirixe, que este ano reservan 65 M€ para a provincia de Ourense, con especial atención á cidade.

Puxo como exemplo deste traballo a estación de autobuses da intermodal, na que continúan aínda os últimos labores, pero que desde a súa posta en servizo, no mes de febreiro, permite xa o intercambio entre o autobús e o ferrocarril en 30 segundos, mentres se continúa agardando pola chegada do AVE.

Referiuse ás obras da 2ª fase da Ponte Vella, para a recuperación patrimonial da contorna da Capela dos Remedios e que inclúe a creación dun novo ‘skate park’, aberto a pasada semana no Couto. Tamén destacou a reforma integral da rúa Marcelo Macías, que se agarda concluír nos vindeiros meses e avanzou o inicio, en maio, das obras da Xunta da 2ª fase da mellora da seguridade viaria en Seixalbo, na zona do Tanatorio.

Ethel Vázquez sumou a este conxunto de actuacións, “destinadas a facer cidade en Ourense, mellorando a calidade de vida e a competitividade da cidade”, as impulsadas para a mellora da competitividade na provincia.  

Nesta liña, aludiu ao novo enlace do polígono de San Cibrao coa A-52, no que a Xunta investiu case 22 millóns de euros, unha infraestrutura que, tal e como sinalou, a Xunta aspira a prolongar aproveitando a oportunidade do Next Generation.

Citou tamén o importante traballo para a mellora dos firmes das estradas da Xunta en Ourense, ao que este ano se destinarán case 6 millóns de euros ou os contratos de conservación e vialidade invernal que a Xunta vén de licitar e que suporán un investimento de máis de 24 millóns de euros na provincia nos vindeiros catro anos.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade lamentou que os datos que acreditan o traballo do Goberno galego polas infraestruturas de Ourense contrasten coa parálise das infraestruturas dependentes do Goberno central.

Expresou as “moitas razóns” da inquedanza da Xunta con respecto á estación ferroviaria da intermodal, á Variante exterior ferroviaria, ao ferrocarril a Lugo, ao ferrocarril a Vigo ou á autovía a A-56. Tamén se referiu á Variante Norte, á A-76 ou ao túnel da Cañiza da A-52, que está pechado desde xaneiro, causando inxentes prexuízos económicos e sociais.

Asegurou que a preocupación dos empresarios de Ourense por esta situación non só está xustificada, senón que é plenamente compartida pola Xunta. Lembrou, a este respecto, que o Goberno galego vén reclamando con insistencia esas infraestruturas estratéxicas para a provincia, e así as ten reivindicado nas xuntanzas mantidas en marzo e abril co ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda urbana.

Ethel Vázquez incidiu en que a forza das demandas expresadas conxuntamente nos últimos meses desde Galicia, teñen como resultado o compromiso do Goberno de España de impulsar a curto prazo algúns destes proxectos. En concreto, citou a Variante Norte, Eirasvedras-Quintela, priorizada pola Xunta e pendente de licitación desde 2018; a Variante exterior e a terminal ferroviaria, sobre a que cómpre un avance máis decidido; ou o túnel da Cañiza, cuxa reapertura se anunciou para este mes de abril, un mes antes do inicialmente previsto.

Tal e como expresou a conselleira estes “tímidos avances” serán recoñecidos cando se vexan materializados, “porque o certo é que cando os Gobernos falan en serio falan a través do Boletín Oficial do Estado e isto aínda non sucedeu”, apuntou.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade reafirmou o compromiso do Goberno galego a seguir traballando pola defensa das infraestruturas de Ourense, garantindo que a Xunta se manterá vixiante e exixente para que o Estado cumpra coas necesidades desta cidade e da provincia, da mesma maneira que cumpre con elas a Xunta de Galicia, concluíu.

Pola miña parte fixen un repaso da situación dos proxectos do Estado en Ourense, en materia ferroviaria, de estradas e medioambientais.

A miña intervención.

Na miña quenda de palabra falei en primeiro lugar de ferrocarril e sinalei que as probas na alta velocidade van por bo camiño e celebré que pronto, despois de tanto tempo e tanto esforzo investidor, os ourensáns gozarán da posta en servizo desta liña. Informei da situación da variante ferroviaria entre Taboadela- Tunel de  Rante-  Seixalbo que o Goberno anuncia agora que licitará antes do 30 de xuño de 2021.

E referinme ás actuacións que ADIF debe realizar na estación intermodal de Ourense e que están contempladas no estudo informativo recentemente aprobado:  actuacións no edificio de viaxeiros, ante a necesidade de xerar un maior espazo libre de vestíbulo para a acollida do incremento de viaxeiros resultante da ampliación de servizos ferroviarios previstos; as actuacións na praza de acceso que se expón como unha prolongación natural do vestíbulo principal do edificio de viaxeiros, xerando tres bandas paralelas á Avenida de Marín; a pasarela urbana proposta como conexión peonil accesible entre os barrios de “O  Vinteún” e “A Ponte” como reposición do paso inferior existente a clausurar dentro da reforma do edificio de viaxeiros; a pasarela de acceso ás plataformas sobre as vías e o  cubrimiento parcial da praia de vías para reducir os niveis de ruído e vibracións nos edificios próximos derivado do incremento dos tráficos ferroviarios. Esta zona comprende desde a Avenida de Santiago ata aproximadamente a Rúa Ático Noguerol.

Dixen que con data 2 de abril de 2021 publicáronse no Ted, que é a versión en liña do Suplemento do Diario Oficial da Unión Europea dous anuncios indicativos relacionados con actuacións na nova estación de alta velocidade de Ourense.  ADIF pretende licitar estas actuacións antes de 31 de decembro de 2021 e dixen que esperaba que esta vez cumprisen despois de anunciar antes que se licitarían en 2019.

Sobre a estación "Porta de Galicia" en A Gudiña, dixen que está moi avanzada e que é previsible que as obras rematen no 2 de xullo de 2021, o que significaría que acabarían tendo unha demora sobre o previsto de nada menos que 19 meses.

Informei sobre as actuacións que ADIF e o  MITMA pretenden levar a cabo na liña ferroviaria entre Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, que valorei como  psoitivas para modernizar e dar fiabilidade, pero insuficientes e que desde logo non era admisible que se abandonen dúas variantes comprometidas en 2028: a de Vos  Peares- Canabal, de 12 quilómetros de lonxitude, que permitía un aforro de tempo máximo de 11 minutos e a de  Rubián,  que tería 19 quilómetros, e aforraría ata 12 minutos.

En relación coa entrega a RENFE por parte de Talgo dos  trens S/106 (Avril) dixen que o Goberno informounos que a declaración do estado de alarma obrigou ao provedor para atrasar os prazos de entrega destes trens aínda que a súa entrega segue estando prevista en 2021.

Fixen unha referencia á utilización da liña convencional completa entre Ourense-Taboadela e Zamora ata Medina del Campo, unha vez que quede liberada do tráfico de trens de viaxeiros e que poderá dedicarse con vantaxes competitivas para o transporte de mercadorías. E falamos tamén de que seguiremos insistindo para conseguir que o  MITMA e ADIF ordene a realización dun estudo do proxecto de construción dunha nova estación ferroviaria de mercadorías no Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas.

E tamén sobre a resposta que nos acaba de dar ADIF á pregunta sobre que utilidade ten prevista para a superficie norte da praia de vías da estación de Ourense  Empalme, ocupada na actualidade por instalacións de mercadorías. Respóndenos hai poucos días que “ non están previstas actuacións sobre as instalacións e vías mencionadas, actualmente dedicadas a actividades loxísticas e estacionamento de trens.”

Falei logo das estradas sinalando como o Variante Norte da cidade ( Eirasvedras-Quintela e Quintela- A Casilla) e a autovía A-56 Ourense-Lugo, caeron no esquecemento por parte dos responsables do  MITMA.

O mesmo ocorre coa autovía A-76 Ourense-Ponferrada e o agravio que supón que no tramo máis avanzado, o proxecto do tramo A Veiga de  Cascallá – O Barco de Valdeorras, que debería estar desde 2019 en condicións de ver licitadas as obras, reciba unha ridícula consignación de 100.000 €, cando nos  PGE de 2018 tivo unha partida de 3 millóns.


Dixen que hai un maiúsculo desinterese do  MITMA e dunha maneira  moi especial da Dirección Xeral de Estradas, freando en seco e de forma deliberada, calquera actuación que supoña un avance real desta autovía. Finalicei dicindo que debemos seguir facendo un forte traballo de control e impulso desta autovía ata que sexa licitada.

Igualmente falei do lento avance da execución da circunvalación do Barco, que estaba hai un mes só ao 8% cando a primeira pedra púxose en setembro de 2019. 

Falei tamén do proxecto "Mellora da seguridade vial na  N-120.  Implantación de carris adicionais para o adiantamento entre os PPKK 548+800 e 564+000” (Alto da Guítara e Ourense) que segue en redacción desde novembro de 2017, é dicir 3 anos e case 4 meses.

Destacar as moi interesantes intervencións de varios empresarios asistentes á reunión, como Manuel Martínez  Rapela, Lisardo González e Alejandro Cruz, que pediron á conselleira que reclame contundencia e severidade por parte das administracións para que Ourense non quede empobrecida,  despoblada, e discriminada.