Informa a web da Xunta que “o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe á vicepresidenta segunda e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation para modernizar a economía e contribuír a paliar os efectos da crise industrial e da transición enerxética.
“Tivemos unha xuntanza dous galegos para analizar a
situación económica e industrial de Galicia”, dixo, incidindo en que a
reconstrución económica do país pasa por que se financien as mellores
iniciativas, con independencia dos territorios que os propoñen e de
determinados intereses políticos. “Non pode haber ningún outro criterio de
selección que non sexa o de elixir proxectos solidamente construídos, que
traian financiamento privado e que supoñan a creación de emprego con vocación
de permanencia”, aseverou, apelando aos principios de concorrencia competitiva,
solvencia e de investimento privado.
Nesta liña, trasladou os detalles da candidatura
galega aos fondos europeos, integrada por máis de 300 iniciativas que totalizan
un investimento de 20.000 millóns. Todos eles proxectos sólidos, vinculados á
economía circular e cos sectores estratéxicos galegos, entre os que destacou: a
construción dunha fábrica de fibras téxtiles, o proxecto da automoción
AutoAncora, iniciativas relacionadas co agro-mar-industria ou a biotecnoloxía,
así como proxectos públicos relacionados coa sanidade ou co sector das
tecnoloxías.
Un Pacto de Estado pola comarca de Ferrol
No contexto da crise industrial que atravesa Galicia e que está a poñer en perigo 16.000 postos de traballo en sectores clave como o electrointensivo, o enerxético, o forestal ou a cadea mar-industria, Feijóo recalcou que a Xunta non comparte as decisións do Goberno central que conducen a unha transición enerxética e ambiental abrupta.
Unhas decisións, recordou, que están afectando
especialmente á comarca de Ferrol, Eume e Ortegal, co peche da central térmica
de As Pontes e de Siemens-Gamesa, así como a falta de carga de traballo nos
estaleiros de Navantia, con 1.800 empregos perdidos nos últimos meses.
Sobre este punto, Feijóo propuxo á vicepresidenta
segunda un Pacto de Estado entre todas as administracións -Goberno de España,
Deputación da Coruña, concellos e Xunta-, co obxectivo de buscar carga de
traballo para Navantia e o desenvolvemento de proxectos Next Generation en
distintos emprazamentos da comarca.
Por último, o presidente da Xunta referiuse ao eido
tecnolóxico como terceiro piar da xuntanza, na que expuxo como obxectivo
prioritario chegar a unha velocidade de conexión de 100 megas ao 100% do
territorio galego. Ademais de valorar a disposición do Ministerio para analizar
conxuntamente os proxectos nos que a Administración autonómica está a traballar
en materia de transformación dixital.