miércoles, 21 de abril de 2021

Demandamos solucións aos enormes atascos de tráfico que se están producindo na autovía A-55 para acceder á ponte internacional de Tui e cruzar a fronteira con Portugal

Na mañá de hoxe os deputados galegos do GPP no Congreso rexistraron as solicitudes de comparecencia urxente de tres ministros: o de Transportes, Movilidade e Axenda Urban, da Ministra de Asuntos Exteriores e do Ministro do Interior para que informen nas súas respectivas Comisións sobre que actuacións urxentes adoptará nos seus Ministerios para evitar os enormes atascos de tráfico que se están producindo na autovía A-55 para acceder á ponte internacional de Tui e cruzar a fronteira con Portugal, e que están a ocasionar graves perdas económicas aos transportistas e en xeral aos traballadores transfronteirizos. 

Nunha nota de prensa damos conta de que "o deputado ourensán Celso Delgado que estivo acompañado pola deputada Ana Pastor e os deputados Javier Bas e Juan Constenla, fixo unhas declaracións á Televisión de Galicia manifestando que “temos unha enorme preocupación pola situación que se está producindo na fronteira entre España e Portugal, concretamente na autovía A-55 desde Porriño ata a fronteira portuguesa, ata Valença. Onte mesmo houbo unhas colas quilométricas de máis de 10 quilómetros de lonxitude, uns atascos enormes que prexudican a transportistas e a traballadores transfronteirizos. Unha situación que, desde logo, non pode perpetuarse no tempo máxime cando aínda ata primeiros de maio van estar as fronteiras pechadas e veremos que sucede a partir desas datas. “

Engadiu: “Non é de recibo esta situación, e por iso hoxe mesmo os deputados pontevedreses, ourensáns, en xeral os deputados galegos do Partido Popular do Congreso, acabamos de rexistrar tres solicitudes de comparecencia de tres ministros: do ministro de Transportes, José Luis Ábalos, a ministra de Asuntos Exteriores, Arancha Gonzalez Laya e tamén do ministro de Interior, Fernando Grande Marlaska, porque ambos os dentro dos seus ámbitos competenciais teñen moito que dicir e hai que falar coas autoridades portuguesas e hai que buscar solucións porque non se pode, como acabo de dicir, manter esta situación por máis tempo. 

Hai que ter un respecto polos usuarios das autovías. Hai que ter un respecto polos traballadores fronteirizos e hai que posibilitar, como manda a Unión Europea, que o tránsito de mercadorías entre ambos países flúa con normalidade dentro da situación que estamos a vivir.”

E rematou dicindo que: “As autoridades españolas deben de tomar contacto coas autoridades da República Portuguesa para que se hai insuficiencia de medios na fronteira, os controis dótense de máis medios. Non estamos a falar dun tema menor, senón dunha eurorrexión que está a ver paralizada en parte a súa actividade económica, que é moi importante, e debido a circunstancias administrativas que deben, poden e teñen que resolverse. “

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/telexornal-mediodia-4974089?t=1448