Onte o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, compareceu no Pleno do Parlamento galego para informar sobre o avance do resultado do peche do ano 2020 e do gasto ocasionado pola pandemia do coronavirus nese exercicio.
Criticou a discrecionalidade do Goberno central no reparto dos fondos para loitar
contra a pandemia e denunciou que Galicia tería que recibir 660 millóns de
euros máis dos que leva percibidos.
E neste
sentido, pediu o apoio de todos os grupos parlamentarios da Cámara para
demandar que nos recursos vinculados ao Plan Nacional de Recuperación,
Transición y Resiliencia “se corrixa esta discriminación a Galicia”.
Durante a
súa intervención, o conselleiro explicou que os recursos procedentes da Unión
Europea son unha peza fundamental “e unha oportunidade se realmente o Executivo
central conta coas comunidades autónomas e permite o acceso a eses fondos en
igualdade de condicións, pero non todas as comunidades están sendo tratadas por
igual”, apuntou.
Así, apelou á necesidade dunha cogobernanza real entre o Goberno de España e as CC.AA. e lamentou que o Goberno central “leve moitos meses prexudicando a Galicia no reparto de todos os fondos que se habilitan para a loita contra a pandemia”.
Gasto extraordinario derivado do covid
Durante a
súa exposición, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano
Martínez explicou que a pandemia supuxo no 2020 un gasto extraordinario para a
Xunta de 629 millóns de euros, cun esforzo adicional para a Administración
Autonómica de 90 millóns, xa que tivo que gastar esa cantidade por riba dos
recursos recibidos.
En canto aos
desglose por áreas, destes 629 millóns de euros, 270,3 millóns –a maior parte-
destináronse á Sanidade; 115,8 millóns a Educación; 70,2 millóns de euros foron
para o reforzo das políticas sociais; e finalmente, 53,7 millóns destináronse a
emprego.
O 2020 foi
un ano excepcional no que o Executivo galego tivo que tomar medidas
orzamentarias extraordinarias cunha triple prioridade: a sanitaria, a económica
e a social. Neste sentido, xa no mes de marzo aprobou un Plan de Tesourería con
1.800 millóns de euros para dotar de liquidez a tesourería da comunidade e
axudar ás familias e empresas; creou un Fondo Covid-19 para poder financiar os
gastos adicionais vinculados á pandemia no SERGAS e nos servicios sociais; e
aprobou un Plan de reactivación e dinamización para mobilizar máis de 3.000
millóns.
A isto hai
que engadir que de maneira inmediata, o Goberno galego decidiu suspender os
prazos das autoliquidacións dos impostos de Transmisións Patrimoniais e Actos
Xurídicos Documentados, dos impostos de Sucesións e Doazóns e dos tributos do
Xogo porque segundo apuntou o conselleiro, “cunha caída de ingresos tan
extraordinaria tiñamos a responsabilidade de proporcionar á cidadanía
facilidades para cumprir as súas obrigas e optamos por diferir os pagos
tributarios”.
Líderes en esforzo investidor e pago a provedores
Valeriano
Martínez subliñou que nun ano excepcional, Galicia mantivo as súas fortalezas
habituais e sinalou que “no 2020 liderou o esforzo investidor de toda España,
encabezamos o gasto que crea riqueza para as empresas e para as familias
galegas”. De feito, foi a Comunidade Autónoma con maior peso dos investimentos
sobre o total do gasto non financeiro, cun 13,5%, case o dobre que a media, que
foi do 7,2%.
Por outra banda, a Xunta foi un ano máis, a administración autonómica más áxil no pagamento aos seus provedores. Galicia pagou nunha media de 18,7 días –a metade de tempo que o conxunto de comunidades- aos seus máis de 14.800 provedores. Nun ano con moitas dificultades de liquidez para as empresas, o importe pagado pola Xunta acadou os 3.380 millóns de euros nun total de 606.827 facturas.
Control do déficit e da débeda
O
conselleiro explicou tamén que no 2020, ano no que se suspenderon as regras
fiscais, Galicia pechou o ano cun déficit do 0,1% do PIB. O Goberno galego
gastou todo o necesario para atender todo o relativo á pandemia e ao mesmo
tempo controlou o déficit e a débeda.
Ademais, a
comunidade pechou o 2020 cun diferencial de débeda coa media autonómica de 7,2
puntos, o máximo da serie histórica, segundo os datos publicados polo Banco de
España, e foi a terceira comunidade de réxime común con menor endebedamento,
cun 19,9% de ratio débeda/PIB, fronte ao 27,1% da media das CC.AA. “E isto
tradúcese en beneficios para os cidadáns, xa que cada galego e cada galega
deben 2.160 euros menos que media de cidadáns do resto de CC.AA.”, apuntou.
Finalmente, Valeriano
Martínez subliñou que en todo momento, a tres prioridades do Goberno galego
foron combater a pandemia, impulsar a reactivación económica e atender as
necesidades das familias, pemes e autónomos.