Na web da Xunta leo que: “esta instalación situarase
en Verín e permitirá dar unha mellor e máis adecuada resposta ao risco nunha
ampla área a ambos lados da fronteira entre España e Portugal, tanto pola súa
localización como polas súas posibilidades de acoller diferentes tipos de aeronaves
especializadas.
Este proxecto aprobouse o pasado día 25 de marzo tras
a reunión do comité de xestión do Poctep (programa Interreg VA
España-Portugal), cuxa coordinación en Galicia corresponde á Vicepresidencia
primeira da Xunta. A iniciativa ten como beneficiario principal á Consellería
do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, cuxo titular,
Manuel Rodríguez, tamén participou no acto, así como o director xeral de
Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo. Deste proxecto tamén
forman parte o Goberno portugués e outras institucións galegas e de Castela e
León e Estremadura, tales como os respectivos gobernos autonómicos de ambas
comunidades e as deputacións de Zamora, Salamanca, Ourense e Pontevedra.
Neste acto, o vicepresidente primeiro recordou que “o
lume non entende de fronteiras” e que os incendios que nos últimos anos
castigaron os recursos naturais dunha área que conta con espazos protexidos
obrigaban a poñer en marcha actuacións “conxuntas e enérxicas” que se
materializaron no proxecto Interlumes, froito da colaboración entre distintas
Administracións dos dous países.
Alfonso Rueda subliñou que o plan de defensa contra os
incendios na fronteira hispano-lusa é unha proba máis do compromiso da Xunta
coa Eurorrexión, como quedou demostrado recentemente na presentación dos
proxectos cos que o Goberno galego concorre aos fondos Next Generation, que
inclúen once iniciativas, por un importe de case 29 millóns de euros, para
impulsar e mellorar as comunicacións entre Galicia e o norte de Portugal, tanto
no plano das infraestruturas como nas relacións económicas e nas iniciativas
turísticas, especialmente as vencelladas ao Camiño de Santiago e ao Xacobeo.
Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural salientou a magnitude da
iniciativa e a colaboración institucional que a fixo posible. Nesta liña,
trasladou que a construción desta base traducirase na axilización da resposta e
no aumento da eficacia na loita contra os incendios que se rexistren na
fronteira hispano-lusa. Ademais, redundará tamén na mitigación dun problema que
“ambos territorios coñecen e combaten”, remarcou.
José González relacionou esta iniciativa directamente
coa prevención, na medida en que facilitará unha anticipación aos lumes e
“contar cos medios necesarios para cada lugar e cada momento”. Así mesmo,
destacou que estas instalacións aumentarán a resiliencia do territorio
transfronteirizo, reforzando a capacidade operativa de resposta, avanzando no
estudo dun mando operativo único para a xestión conxunta, identificando con
tempo dabondo os riscos da zona, sensibilizando á poboación e promovendo a
formación especializada. Neste sentido, o conselleiro vinculou esta iniciativa
co futuro Centro integral para a loita contra o lume, que se situará tamén na provincia
ourensá, concretamente no concello de Toén, e que será terá por obxectivo
centralizar nun mesmo punto a formación do persoal dedicado á loita contra os
lumes forestais. Así, será un centro permanente para a cooperación, a
investigación e a formación continua do que poderán beneficiarse bombeiros
forestais procedentes de toda Europa e no que se contará cos maiores
especialistas no comportamento e análise dos incendios.
Na mesma liña, o titular de Medio Rural incidiu no
feito de que este proxecto se enmarca, en Galicia, coa visión que ten a Xunta
respecto da prevención, tanto de carácter estrutural -mediante a planificación
e ordenación do territorio e a recuperación da actividade agrícola e gandeira
en terras abandonadas- como vencellada á protección das aldeas -co reforzo da
limpeza en franxas perimetrais- e coa posta en marcha de actividade
agrogandeira nelas. E mencionou, neste sentido, a aprobación -prevista para o
vindeiro mes- da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que, dixo,
“dotará á nosa comunidade de ferramentas normativas para este mesmo fin”.
Por último, o conselleiro insistiu en poñer en valor a
“actitude, a profesionalidade e a incrible coordinación” dos profesionais que
loitan contra o lume e sinalou que este proxecto Interlumes supón unha mellora
de recursos para un servizo “público, único e versátil”.
Características do proxecto
Esta base caracterizarase pola súa adecuación a
aeronaves especializadas en extinción, tanto avións de carga en terra como
helicópteros e, incluso, avións anfibios, polo que estará dotada con distintos
tipos de depósitos de carga en terra.
A base, con categoría 2 de aeródromo, contará cunha
superficie de 23 hectáreas e estará dotada dunha pista de 1.200 metros de
lonxitude e 30 metros de ancho, con 15 metros a cada lado de superficie
acondicionada. En cada extremo da plataforma de rodadura instalaranse balizas
luminosas e haberá un hangar con capacidade para seis avionetas de carga en
terra.
Así mesmo, ademais dunha construción duns 300 m² con
estancias individuais para a tripulación, a base estará dotada de tanques de
combustible cunha capacidade mínima de 40.000 litros. Tamén contará cunha
motobomba para un caudal mínimo superior a 350 lts/min. Ademais, haberá equipos
de extinción compostos por tres depósitos de auga e unha rede de hidrantes
(bocas de incendio).