lunes, 31 de mayo de 2021

Un plan de choque en dependencia para axilizar o sistema, reducir os tempos de espera nas valoracións e crear novas vías preferentes


A pasada semana o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, comunicaba a posta en marcha dun plan de choque en dependencia para axilizar o sistema, reducir os tempos de espera nas valoracións e crear novas vías preferentes.

Feijóo salientou que o primeiro obxectivo será reducir o formulario para solicitar a dependencia que supera as 26 páxinas, a menos da metade. Para isto, explicou que xunto á solicitude tan só será necesario presentar un informe médico e un informe social.

“Vanse suprimir as duplicidades, actualizar algúns formularios e reducir drasticamente o papelame”, aseverou.

Como segundo paso da solicitude de dependencia, Feijóo referiuse ao chamado PIA: a prestación que precisa cada persoa en función da súa situación e que, a día de hoxe, necestia un trámite distinto da solicitude inicial, non podendo iniciarse ata que a persoa xa ten concedido o seu grao de dependencia.

Sobre este punto, anunciou que a Xunta fusionará a solicitude do grao coa do PIA, para que o cidadán teña que facer un so trámite desde o inicio do proceso ata que obtén a súa axuda.

Ademais, redefinirase o concepto de PIA, para facelo máis completo e duradeiro. Traerá aparellado, automaticamente, unha prestación económica pública, e incluirá opcións alternativas ao servizo preferido pola persoa dependente, mentres non hai praza na súa opción prioritaria.

O plan de choque en dependencia tamén incluirá medidas para axilizar e facilitar o traballo dos profesionais públicos que valoran a dependencia. Entre elas, crearanse novos centros de valoración; contarase con equipos de valoración itinerantes, que acudirán aos territorios onde haxa máis lista de espera e aos domicilios das persoas que non poidan ir por elas mesmas aos servicios sociais; optimizaranse as rutas que seguen os valoradores a domicilio; mellorarase o modelo de xestión de citas; e poñeranse en marcha novos equipos de valoración.

“E tamén se crean novas vías preferentes para as persoas que padezan patoloxías moi graves”, engadiu, precisando que se trata do mesmo sistema que xa permitiu que as solicitudes das persoas con ELA se tramiten en menos dun mes.

Ademais da simplificación normativa e administrativa, da redefinición do PIA, da axilización das valoracións e da creación de novas vías preferentes, o titular da Xunta resaltou que esta iniciativa inclúe outras novidades como: facilidades para xustificar os pagos dos bonos de residencia, centro de día, axuda no fogar ou asistente persoal; reducir o papelame para percibir a axuda por coidador na contorna familiar; e universalizar o uso da Historia Social Única Electrónica para a comunicación entre os servizos sociais autonómicos, os municipais e os servizos sanitarios.

Por último, realizarase unha campaña didáctica sobre o proceso de solicitude da dependencia, para que todos os galegos poidan telo claro de xeito sinxelo.

O presidente do Goberno galego subliñou que con este plan de choque, Galicia abordará “a reforma máis ambiciosa da xestión da dependencia desde o ano 2006, corrixindo problemas estruturais, poñendo fin a algunhas inercias e simplificando a maraña de normas administrativas para solicitar este dereito”, afirmou, co obxectivo de chegar antes e con menos dificultades ás persoas que máis o precisen.


Galicia e a dependencia:

A día de hoxe, máis do 76% do custe do sistema galego de atención á dependencia é sostido en exclusiva pola Comunidade, mentres que das arcas estatais sae menos do 24%.

Desde o ano 2009, Galicia duplicou a oferta de prazas sostidas con fondos públicos en residencias de maiores, que pasou de 5.500 a máis de 13.000:

- 8.000 prazas e residencias públicas e concertadas, 

- e 5.000 bonos  para axudar ás familias a pagar unha praza na residencia que prefiran. 

A Xunta é consciente de que cómpre seguir reforzando esta opción para persoas dependentes, por iso está a traballar xunto á Fundación Amancio Ortega na apertura de sete novas residencias, con 900 prazas públicas máis.
 
Respecto ao volume de prazas en residencias atendendo ao total de persoas maiores de 65 anos, historicamente en Galicia houbo menos demanda deste tipo de servizos que noutras zonas de España. As galegas e galegos preferiron e prefiren, maioritariamente, facerse maiores nas súas casas.
 
- Por iso, Galicia é a segunda comunidade con máis dependentes atendidos a través do Servizo de Axuda no Fogar: 23.485 ao remate de 2020. 

O obxectivo da Xunta é que as persoas maiores de Galicia pasen esta etapa das súas vidas coa atención que necesitan e prefiren.
 
A nosa comunidade é a cuarta comunidade con mellor ratio de atención á dependencia. Ten 63.012 dependentes atendidos, catro veces máis que no ano 2009. Isto é, o 93,9% das persoas con dependencia recoñecida dispoñen xa dunha prestación ou servizo axeitada ás súas necesidades.